O portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, anunciou hoxe a creación dunha Comisión de estudo sobre o sector lácteo galego, tras o acordo acadado na Xunta de Portavoces a partir dunha iniciativa impulsada polo propio grupo parlamentario e acordada co sindicato Unións Agrarias.
Pazos subliñou que se trata dunha iniciativa centrada nun sector “estratéxico para Galicia”, clave para a economía, o rural e o equilibrio territorial, pero que na actualidade atravesa unha situación de preocupación pola caída dos prezos do leite en orixe que perciben os produtores.
Neste sentido, destacou a necesidade de analizar con rigor a cadea de valor do leite e propoñer solucións realistas que dean estabilidade ao sector.
A Comisión terá como finalidade escoitar a todos os axentes implicados —produtores, industria, organizacións agrarias e persoas expertas— co obxectivo de formular propostas construtivas que permitan avanzar cara a un modelo máis sostible, equilibrado e con garantías de futuro para as explotacións gandeiras galegas.
Segundo explicou Pazos, o traballo desenvolverase desde o diálogo e a colaboración, coa intención de acadar un prezo xusto para o leite e reforzar a posición dos gandeiros na cadea alimentaria.
AUXILIARES DE CONVERSA E BIBLIOTECA DO ESTADO EN VIGO
No relativo ao Pleno da próxima semana, o Grupo Popular defenderá a continuidade e estabilidade do programa de Auxiliares de Conversa, no que este curso participan preto de 690 profesionais de 19 países en 791 centros educativos galegos.
Pazos advertiu da “inseguridade” xerada polas actuacións do Ministerio de Traballo e reclamou ao Goberno central unha resposta coordinada entre os departamentos de Educación e Traballo que garanta a viabilidade do programa sen custos adicionais para Galicia.
Así mesmo, o Grupo Popular esixirá un impulso inmediato á Biblioteca Pública do Estado en Vigo, unha infraestrutura que continúa sen avances reais tras anos de anuncios e compromisos incumpridos por parte do Goberno central, sen licitación nin proxecto construtivo definido a día de hoxe.
CONTROL AO GOBERNO E POLÍTICAS PARA A MOCIDADE E A INDUSTRIA
No apartado de control ao Goberno, o Grupo Popular formulará tamén preguntas sobre o balance das axudas da Xunta destinadas á mellora das infraestruturas dos parques empresariais galegos, no marco dunha estratexia orientada á promoción industrial, á atracción de investimentos e á creación de emprego.
Estas axudas permiten actuar en ámbitos como a iluminación eficiente, a depuración de augas, a xestión de residuos ou novas infraestruturas enerxéticas, incluíndo o hidróxeno verde.
O Grupo Popular tamén se interesará polas actuacións da campaña de verán dirixida á mocidade, que inclúe campamentos e campos de voluntariado, e que ademais contribúe á conciliación das familias galegas durante o período estival, así como polo papel da Xunta na captación de novas rutas aéreas, a través da promoción en orixe e da colaboración co tecido empresarial e turístico.
Finalmente, Alberto Pazos concluíu que coas iniciativas do Grupo Popular no próximo Pleno do Parlamento buscase “reforzar os servizos públicos, mellorar a educación, apoiar a mocidade e impulsar infraestruturas clave para Galicia”, ao tempo que se esixe ao Goberno central “maior compromiso, coordinación e solucións reais ás necesidades da comunidade”.