Paula Prado defende o “respecto pola democracia” que amosa o PP fronte a un PSOE “corrupto e en descomposición” e un BNG “cómplice”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defende o “respecto pola democracia e polo servizo á cidadanía” fronte a un PSOE “corrupto e en descomposición” e un BNG “cómplice” dun Goberno de Pedro Sánchez que ten como “referente moral” a José Luis Rodríguez Zapatero, imputado por presunto branqueo de capitais, organización criminal e tráfico de influencias.

Así o manifestou durante unha rolda de prensa na sede autonómica, na que puxo en valor o recente acto de goberno do PPdeG, no que o presidente Alfonso Rueda deu conta do grado de cumprimento das medidas do programa electoral co que gañou as eleccións autonómicas en 2024 e do que o 87% delas están cumpridas ou en marcha. Para Prado, este balance non o podería realizar ningún outro partido. “De que ía falar o PSOE? Da Lei de amnistía, do Parador de Teruel, de Ábalos, Koldo, a muller de Pedro Sánchez ou o seu irmán…”, ironizou.

“Estamos ante o Goberno máis corrupto da historia de España e o BNG tamén forma parte des historia. Asistimos á degradación máxima do Estado de Dereito, a degradación máxima dun Estado”, destacou.

Para a número dous dos populares galegos é sorprendente que o PSOE “saia na defensa” de Zapatero, porque quen o defende é “porque forma parte da trama de corrupción” ou “porque renunciou a defender os estándares democráticos”. Do mesmo xeito, lembrou que o expresidente imputado foi “peza imprescindible” para que Sánchez sexa hoxe quen está á fronte do Executivo central.

Tamén lamentou o papel do PSdeG, que “se contradí, cada vez máis afastado da realidade, máis covarde e con máis leas internas”. Así, mencionou a ausencia do número un dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, na sesión de control do Parlamento galego, nun intento de evitar atender aos medios de comunicación. Optou por facer unha viaxe no AVE que fai parada na Gudiña para “vender como logro un servizo que o seu propio partido deteriorou”, mentres o líder dos socialistas de Vigo, Abel Caballero, criticaba que o AVE a Madrid pare en Santiago “porque se perde tempo”.

Citou igualmente á líder dos socialistas coruñeses, Inés Rey, que esixiu explicacións por carta ao seu compañeiro de partido, o subdelegado do Goberno, polos controis policiais do partido Deportivo-Andorra. “Estamos ante un PSOE cada vez máis roto, fragmentado e moi guiadiños polo señor Sánchez desde Madrid”, puntualizou.

O BNG MENTE: SI TEN CONDENADOS NAS SÚAS FILAS

Sobre os “cómplices do BNG”, sinalou que a nacionalista Ana Pontón “trata de enganar aos galegos e galegas” cando asegura que nas filas do BNG non hai ninguén condenado por corrupción. “É mentira”, salientou Prado, lembrando que o Tribunal Supremo condenou a un ano e medio de prisión e a tres de inhabilitación á exalcaldesa de Melide, Socorro Cea, por certificar unhas obras da depuradora de augas sabendo que non se iniciara; ou a condena por prevaricación da exedil do BNG de Fene, Mariela Aguilar, por impedir o debate dunha moción de censura.

Tamén mencionou que o BNG é asiduo a levar nas súas listas ás eleccións europeas a Pernando Barrena, condenado por un delito de pertenza á banda armada ETA.

Neste sentido, Prado remarcou o cinismo do BNG. Ana Pontón, preguntada pola imputación de Zapatero, dedicoulle “máis tempo a criticar ao Partido Popular que a falar do que está de actualidade: a corrupción que está acabando co PSOE”, amosando, unha vez máis, que son “moi bravos en Galicia, pero moi mansos en Madrid”. “Fronte a uns socialistas en descomposición e un BNG cómplice, está o Partido Popular, que ten respecto pola democracia, polas persoas e polo labor que deben facer os políticos, o de servir á cidadanía”, concluíu.

Alberto Pazos pide ao Goberno que abandone “o partidismo” e acorde un modelo de financiamento equitativo e respectuoso coas Comunidades

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, pediu, hoxe, ao Goberno central que abandone “o partidismo” e opte polo diálogo para acadar un modelo de financiamento respectuoso coas Comunidades e que sexa resultado “dunha negociación multilateral na que a participación sexa en condicións de igualdade”. E é que, tal e como sinalou, o novo sistema foi rexeitado polo 100% dos Gobernos autonómicos que fixeron achegas.

Tras recordar que Galicia foi apartada da elaboración do modelo de financiación –as propostas técnicas trasladadas foron ignoradas e as demandas aprobadas de forma unánime nesta Cámara, desbotadas-, o portavoz popular sinalou que este marco “discrimina gravemente” a Galicia, que pasa ser a Comunidade de réxime común peor financiada. E fixo referencia a que, con esta proposta, a que cualificou de “disparate” e de “inaceptable”, Cataluña incrementa os seus ingresos en máis de 4.700M€ e reduce a súa aportación en 1.500M€.

Afeou que o Executivo de Pedro Sánchez, á hora de formular un novo sistema de financiamento, só atenda ás “chantaxes” do seus socios políticos para “impoñer un modelo que atende a unha única prioridade: prolongar a súa estancia na Moncloa”. “O Goberno central faltou gravemente ao autogoberno galego, engadiu.

O Parlamento aprobou a proposición non de lei do Grupo Popular que avoga por establecer un diálogo real e respectuoso, no que todas as Comunidades sexan escoitadas “en igualdade”, para conciliar as distintas realidades de cada territorio nun acordo que resulte asumible para todos. E para garantir que “decisións bilaterais ou unilaterais non establezan vantaxes duns sobre outros”.

A iniciativa inclúe, tamén, modificar aqueles proxectos de lei que conteñan cláusulas discriminatorias que atenten contra a igualdade entre territorios. Neste punto avogou porque “todo o que afecte ao marco competencial autonómico se acorde de xeito transparente, equitativo e respectuoso cos lexítimos representantes das Comunidades”.

A MELLORA DA EMPREGABILIDADE
Por outra banda, o Parlamento tamén aprobou a iniciativa do Grupo Popular relativa a flexibilizar a normativa que regula os fondos finalistas de formación, co fin de permitir ás Comunidades o deseño de programas eficaces e adaptados ás necesidades do tecido produtivo propio de cada territorio. “Porque quen mellor coñece as necesidades das empresas galegas é Galicia”, sinalou a deputada Noelia Pérez, tras indicar que é a propia Administración central a que recoñece que existen diferenzas territoriais nas demandas do mercado laboral.

“Queremos mellorar a empregabilidade das persoas traballadoras, reducir os desaxustes do mercado laboral e reforzar a competitividade das nosas empresas”, subliñou. “Necesitamos –continuou- sistemas de formación moito máis áxiles, máis útiles e máis conectados coa realidade produtiva”.

O Parlamento aproba reclamar ao Goberno central os 9,3M€ do Plan Corresponsables, tras o recorte a Galicia de 2,3M€

O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, sen ningún voto en contra, reclamar ao Goberno central os 9,3M€ do Plan Corresponsables.

A portavoz da área de Política Social e Igualdade, Raquel Arias, lamentou o recorte do 25% dos fondos que o Goberno central aplicou sobre o Plan Corresponsables, pasando dos 190M€ cos que naceu o programa en 2021 aos 142,5M€ que destina actualmente. “Reducir 50M€, lonxe de ser un avance, é un recorte rotundo en políticas de igualdade”, apuntou. Unha decisión, recordou, “unilateral” que obriga ás Comunidades a facerse cargo da parte que deixa de achegar o Executivo de Pedro Sánchez e que, no caso de Galicia, ascende aos 2,3M€. “Unha vez máis, o Goberno central invita e Galicia paga”, dixo.

A través deste programa, o Goberno galego desenvolve diferentes accións de conciliación corresponsable e de sensibilización nos concellos, entidades sociais e ANPA; así como tamén de apoio a federación de mulleres rurais e a unidades de igualdade das universidades públicas galegas. “Somos, de feito, a única Comunidade que destina este tipo de fondos ás universidades”, subliñou Raquel Arias. Neste punto, a deputada popular incidiu na “grande aceptación” que esta iniciativa ten en concellos, ANPA e entidades sociais: “Máis de 30.000 nenas e nenos, 175 concellos, preto de 60 ANPA e case unha vintena de entidades sociais”.

Para rematar, a deputada popular criticou o “ninguneo” do Goberno central ás Comunidades e que “use a igualdade só como un slogan electoral”.