A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defende o “respecto pola democracia e polo servizo á cidadanía” fronte a un PSOE “corrupto e en descomposición” e un BNG “cómplice” dun Goberno de Pedro Sánchez que ten como “referente moral” a José Luis Rodríguez Zapatero, imputado por presunto branqueo de capitais, organización criminal e tráfico de influencias.
Así o manifestou durante unha rolda de prensa na sede autonómica, na que puxo en valor o recente acto de goberno do PPdeG, no que o presidente Alfonso Rueda deu conta do grado de cumprimento das medidas do programa electoral co que gañou as eleccións autonómicas en 2024 e do que o 87% delas están cumpridas ou en marcha. Para Prado, este balance non o podería realizar ningún outro partido. “De que ía falar o PSOE? Da Lei de amnistía, do Parador de Teruel, de Ábalos, Koldo, a muller de Pedro Sánchez ou o seu irmán…”, ironizou.
“Estamos ante o Goberno máis corrupto da historia de España e o BNG tamén forma parte des historia. Asistimos á degradación máxima do Estado de Dereito, a degradación máxima dun Estado”, destacou.
Para a número dous dos populares galegos é sorprendente que o PSOE “saia na defensa” de Zapatero, porque quen o defende é “porque forma parte da trama de corrupción” ou “porque renunciou a defender os estándares democráticos”. Do mesmo xeito, lembrou que o expresidente imputado foi “peza imprescindible” para que Sánchez sexa hoxe quen está á fronte do Executivo central.
Tamén lamentou o papel do PSdeG, que “se contradí, cada vez máis afastado da realidade, máis covarde e con máis leas internas”. Así, mencionou a ausencia do número un dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, na sesión de control do Parlamento galego, nun intento de evitar atender aos medios de comunicación. Optou por facer unha viaxe no AVE que fai parada na Gudiña para “vender como logro un servizo que o seu propio partido deteriorou”, mentres o líder dos socialistas de Vigo, Abel Caballero, criticaba que o AVE a Madrid pare en Santiago “porque se perde tempo”.
Citou igualmente á líder dos socialistas coruñeses, Inés Rey, que esixiu explicacións por carta ao seu compañeiro de partido, o subdelegado do Goberno, polos controis policiais do partido Deportivo-Andorra. “Estamos ante un PSOE cada vez máis roto, fragmentado e moi guiadiños polo señor Sánchez desde Madrid”, puntualizou.
O BNG MENTE: SI TEN CONDENADOS NAS SÚAS FILAS
Sobre os “cómplices do BNG”, sinalou que a nacionalista Ana Pontón “trata de enganar aos galegos e galegas” cando asegura que nas filas do BNG non hai ninguén condenado por corrupción. “É mentira”, salientou Prado, lembrando que o Tribunal Supremo condenou a un ano e medio de prisión e a tres de inhabilitación á exalcaldesa de Melide, Socorro Cea, por certificar unhas obras da depuradora de augas sabendo que non se iniciara; ou a condena por prevaricación da exedil do BNG de Fene, Mariela Aguilar, por impedir o debate dunha moción de censura.
Tamén mencionou que o BNG é asiduo a levar nas súas listas ás eleccións europeas a Pernando Barrena, condenado por un delito de pertenza á banda armada ETA.
Neste sentido, Prado remarcou o cinismo do BNG. Ana Pontón, preguntada pola imputación de Zapatero, dedicoulle “máis tempo a criticar ao Partido Popular que a falar do que está de actualidade: a corrupción que está acabando co PSOE”, amosando, unha vez máis, que son “moi bravos en Galicia, pero moi mansos en Madrid”. “Fronte a uns socialistas en descomposición e un BNG cómplice, está o Partido Popular, que ten respecto pola democracia, polas persoas e polo labor que deben facer os políticos, o de servir á cidadanía”, concluíu.
