O Parlamento solicita ao Goberno que recoñeza de forma oficial a ameixa xapónica como especie de produción natural das rías galegas

O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, solicitar ao Goberno central que recoñeza a ameixa xapónica como especie de produción natural das rías galegas. “Non só blindará xuridicamente a actividade dun sector tradicional para Galicia, senón que garantirá a sustentabilidade socioeconómica e ambiental do noso litoral de cara as vindeiras décadas”, dixo Nazareth Cendán.

Tal e como salientou a deputada do Grupo Popular, esixir o seu recoñecemento legal como especie que se produce anualmente en Galicia é “un acto de coherencia científica, xustiza económica e realismo normativo ante unha presenza consolidada desde hai case medio século”. A ameixa xapónica representa, en moitas confrarías galegas, entre o 60% e o 80% do total das capturas de bivalvos e dos ingresos das mariscadoras.

Explicou que a ameixa xapónica trátase dunha poboación supervivente, autosuficiente e estable, que “non actúa como unha especie invasora, senón como un elemento máis da biodiversidade das rías”. “Soster que este recurso non se reproduce de forma natural nas rías galegas suporía que o Goberno central ignora a evidencia científica e a realidade produtiva do sector”, sinalou. Neste punto, lamentou a actual ambigüidade legal sobre o seu status e que o Executivo central manteña unha consideración administrativa que xera inseguridade xurídica, introduce cargas administrativas adicionais que dificultan a planificación, a repoboación e a xestión eficiente dos bancos, e limita o acceso a determinadas liñas do Fempa.

UN RECORTE INXUSTO PARA GALICIA
“O Goberno de Pedro Sánchez volve castigar a Galicia, aos nosos mariñeiros e á principal potencia pesqueira de Europa”, lamentou Paula Mouzo, ao denunciar o recorte do 7% da cota da sardiña para 2026; cando, expuxo, a frota galega “esgota a súa cota en tempo récord porque hai demanda, mercado e capacidade produtiva”, fronte a outras zonas, como Andalucía, nas que sobran toneladas que “nin sequera utilizan”. “Os barcos galegos –engadiu- vense obrigados a comprar cota pagando entre 90 céntimos e un euro por quilogramo de sardiña”.

Así, a deputada popular, a través dunha iniciativa que foi aprobada por unanimidade, avogou porque o Executivo central modifique o reparto da sardiña, incrementando a cota do Cantábrico Noroeste, en función do uso real e da capacidade de captura. Ao tempo que esixiu que se acabe co mercado de compravenda de cotas e crear un mecanismo público, gratuíto e transparente que redistribúa os sobrantes non utilizados: “Galicia non pode seguir pagando as consecuencias dun ministerio ausente e dunha política pesqueira feita de costas á realidade”.

Para rematar, considerou “inadmisible” que Portugal teña asignado o 66,5% da cota de capturas da sardiña fronte ao 33,5% de España, “cando duplicamos o número de barcos con 260 cerqueiros” con respecto aos 130 do país veciño. De aí que a deputada popular reclamase que este criterio tamén se inclúa á hora de decidir o reparto, “ademais de valorar quen esgota a cota e quen negocia con ela porque lle sobra”.

O Parlamento reclama ao Goberno central que rectifique e inclúa no proceso de regularización extraordinaria ás persoas saharauís

O Parlamento de Galicia reclamou, hoxe, ao Goberno central que rectifique a súa decisión de deixar fóra da regularización de migrantes aos apátridas e ao pobo saharauí, por ser unha medida que xera “desigualdade, inseguridade xurídica e agravio comparativo”.

A través dunha iniciativa do Grupo Popular, que saíu adiante sen votos en contra, a deputada Nazareth Cendán avogou porque o Executivo de Pedro Sánchez garanta a súa inclusión expresa e elimine, así, “calquera situación de discriminación indirecta”. E esixiulle que non eluda as súas responsabilidades e teña en conta a situación excepcional deste colectivo, derivada dun conflito pendente de resolución.

Tras cualificar de “arbitraria” a decisión do Goberno central, a deputada popular puxo o foco “no limbo administrativo” no que quedan tanto as persoas saharauís como as que se atopan en proceso de recoñecemento da apatridia. Segundo sinalou, o Executivo de Pedro Sánchez non pode actuar como se estivese ante un colectivo alleo, xa que existe unha responsabilidade histórica singular que “nos obriga a ofrecerlles protección, recoñecemento e seguridade xurídica”.

O proceso de regularización extraordinaria de migrantes, unha medida que se presentou como humanitaria e destinada a ofrecer oportunidades de integración a persoas que levan anos contribuíndo á sociedade española, “deixa fóra a quen presenta unha situación xurídica excepcional e vulnerable”. Neste senso, a deputada popular fixo referencia a que o 95% das persoas que solicitan o recoñecemento da apatridia son de orixe saharauí: “É dicir, a exclusión masiva deste colectivo”.
“O pobo saharauí leva décadas soportando as consecuencias dunha descolonización inconclusa e noso país non pode contribuír a aumentar a súa vulnerabilidade coa toma de decisións erradas”, apuntou Nazareth Cendán, quen incidiu na importancia de que se recoñeza a singular vinculación histórica entre España e o pobo saharauí. Neste punto, recordou que, en 2022, o Executivo de Pedro Sánchez modificou de maneira unilateral a posición histórica de España respecto ao Sáhara Occidental, apoiando a proposta marroquí de autonomía, “rompendo décadas de consenso político e institucional”.

O Parlamento insta ao Goberno central a que cree en Toén unha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias

O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, instar o Goberno central a que cree, en Toén, unha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias.

Tras sinalar que a base de operacións da UME máis próxima a Galicia se atopa en Léon, o deputado do Grupo Popular, Ángel Rodríguez, incidiu en que contar cunha base permanente desta unidade constituiría unha cobertura eficiente e “un reforzo estratéxico de primeira orde” para a capacidade de resposta ante emerxencias para Galicia e para o noroeste peninsular. Deste xeito, remarcou que se optimizaría a capacidade de resposta fronte a emerxencias de distinta natureza: incendios forestais, inundacións, temporais, nevadas ou outras situacións de risco para a poboación.

Salientou que a localización ourensá presenta claras vantaxes operativas. Ademais da súa proximidade coas principais vías de comunicación, o que facilita unha mobilización áxil; en Toén, atópase o Centro integral de loita contra o lume, de titularidade autonómica, polo que a nova sede da UME favorecería sinerxías entre efectivos, ofrecendo máis capacidade de resposta e dilixencia ante os lumes.

Esta iniciativa vén a apoiar a solicitude formal que a Xunta fixo ao Goberno central para que Galicia conte cunha base permanente da UME. Ante a negativa do Executivo estatal de dar pasos para a súa creación, a proposición non de lei do Grupo Popular vén a reforzar a necesidade de contar cunha base de operacións no territorio galego.

A estrutura que a UME ten despregada polo territorio nacional, de 7 bases en total, a e mesma que hai máis de 20 anos, no momento da súa creación; e que o deputado popular cualificou de “insuficiente”.

A COOPERACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS
Durante a súa intervención, Ángel Rodríguez recordou o papel “esencial” que a UME tivo na vaga de incendios do ano pasado, tanto nos traballos de extinción como de control dos lumes, en coordinación permanente co Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta de Galicia e demais operativos de emerxencia da Comunidade.

“Dado que os lumes apuntan a ser máis complexos”, dixo, motivados por condicións meteorolóxicas adversas, marcadas por temperaturas extremas, fortes ventos cambiantes e un período prolongado de seca; requírense de novas iniciativas para combatelos. Así, incidiu en seguir afondando na cooperación entre administracións, co obxectivo de ser máis áxiles no despregue de medios e efectivos, e na optimización dos recursos públicos.

Neste contexto, a proximidade dunha base da UME permitiría reducir de forma substancial os tempos de mobilización de medios especializados, actuando nas fases iniciais do incenso, que son, dixo, “determinantes para evitar a súa evolución a grandes incendios forestais”.

O PPdeG reclama ao Goberno de Sánchez unha Estratexia Española de Diplomacia Oceánica para “liderar” a defensa do sector pesqueiro

O Senado aprobou unha iniciativa do Grupo Popular, cos votos en contra do PSOE, para que o Goberno de España defenda e desenvolva unha Estratexia Española de Diplomacia Oceánica “superando a actual ausencia de dirección política e situando a España nunha posición de liderado na definición da política pesqueira e marítima da Unión Europea”.

O senador lucense do PPdeG José Manuel Balseiro esixe “liderado político, capacidade para condicionar decisións e para protexer a un dos sectores estratéxicos do país. Unha cousa é ir a Bruxelas e outra cousa influír en Bruxelas. España non lidera, o Goberno vai a remolque doutros; mentres os nosos pescadores teñen que soportar máis restricións, máis burocracia e máis custes”.

Balseiro asegura que “o Goberno de Sánchez non está á altura” da importancia do sector pesqueiro español: “España é a primeira potencia pesqueira da UE, somos referencia mundial en captura, transformación e comercialización de produtos do mar e miles de familias dependen deste sector especialmente en comunidades coma Galicia onde a pesca forma parte da nosa economía, identidade e forma de vida”. Nese sentido, engade que “a Xunta si deu permanentemente a batalla en defensa do mar e dos seus profesionais combatendo as decisións impulsadas dende o ecoloxismo radical mal entendido e defendendo “a compatibilidade da sostibilidade ambiental coa actividade económica e o emprego”.

A resolución aprobada recentemente polo Parlamento Europeo constata unha realidade que os nosos pescadores levan anos denunciando: o deterioro progresivo da competitividade do sector pesqueiro europeo debido ao incremento dos custes de explotación, a carga normativa, a redución das posibilidades de pesca e a crecente competencia de terceiros países que operan baixo estándares moito menos esixentes.

CLÁUSULAS ESPELLO
Balseiro avogou por “esixir as mesmas condicións” aos produtos procedentes doutros países que non cumpren as mesmas e estritas normas (sanitarias, medioambientais, laborais e de trazabilidade). “Ninguén podería vender pescado no noso mercado sen cumprir exactamente as mesmas condicións”. Do contrario, “estariamos castigando a quen cumpre e premiando aos que producen máis barato porque operan con menos controis e menos esixencias”.

Así, o popular considera “imprescindible” reforzar os controis sobre as importacións, combater a pesca ilegal e avanzar na implantación de “cláusulas espello” en toda Europa para que “os consumidores saiban que o que compran cumpre coas mesmas garantías” e “os nosos pescadores compitan en igualdade de condicións”.

O senador mariñán advertiu “que os problemas da pesca non é unha percepción do Partido Popular, senón unha realidade que viven os nosos pescadores cada día”. E engadiu que “non é razoable esixir cada vez máis obrigas á nosa frota mentres se permite a entrada de produtos procedentes de terceiros países que non cumpren as mesmas normas, nin falar de relevo xeracional mentres se dificulta a modernización dos barcos, nin recoñecer en Europa os problemas do sector sen conseguir cambios normativos que os solucionen”, afeou.

A EMENDA SOCIALISTA BALEIRA DE CONTIDO A MOCIÓN
O Grupo Popular rexeitou a emenda socialista que considera “un disfraz” porque “baixo unha aparencia razoable, baleira de contido a moción presentada”. O senador lucense lembrou que “a nosa proposta parte dunha idea moi clara: España necesita unha estratexia propia de diplomacia oceánica”. E considera que debe ser “unha estratexia ambiciosa, con iniciativa, con liderado e con capacidade para defender os intereses da nosa frota, das nosas empresas e das nosas comunidades costeiros en todos os foros internacionais”.