O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, solicitar ao Goberno central que recoñeza a ameixa xapónica como especie de produción natural das rías galegas. “Non só blindará xuridicamente a actividade dun sector tradicional para Galicia, senón que garantirá a sustentabilidade socioeconómica e ambiental do noso litoral de cara as vindeiras décadas”, dixo Nazareth Cendán.
Tal e como salientou a deputada do Grupo Popular, esixir o seu recoñecemento legal como especie que se produce anualmente en Galicia é “un acto de coherencia científica, xustiza económica e realismo normativo ante unha presenza consolidada desde hai case medio século”. A ameixa xapónica representa, en moitas confrarías galegas, entre o 60% e o 80% do total das capturas de bivalvos e dos ingresos das mariscadoras.
Explicou que a ameixa xapónica trátase dunha poboación supervivente, autosuficiente e estable, que “non actúa como unha especie invasora, senón como un elemento máis da biodiversidade das rías”. “Soster que este recurso non se reproduce de forma natural nas rías galegas suporía que o Goberno central ignora a evidencia científica e a realidade produtiva do sector”, sinalou. Neste punto, lamentou a actual ambigüidade legal sobre o seu status e que o Executivo central manteña unha consideración administrativa que xera inseguridade xurídica, introduce cargas administrativas adicionais que dificultan a planificación, a repoboación e a xestión eficiente dos bancos, e limita o acceso a determinadas liñas do Fempa.
UN RECORTE INXUSTO PARA GALICIA
“O Goberno de Pedro Sánchez volve castigar a Galicia, aos nosos mariñeiros e á principal potencia pesqueira de Europa”, lamentou Paula Mouzo, ao denunciar o recorte do 7% da cota da sardiña para 2026; cando, expuxo, a frota galega “esgota a súa cota en tempo récord porque hai demanda, mercado e capacidade produtiva”, fronte a outras zonas, como Andalucía, nas que sobran toneladas que “nin sequera utilizan”. “Os barcos galegos –engadiu- vense obrigados a comprar cota pagando entre 90 céntimos e un euro por quilogramo de sardiña”.
Así, a deputada popular, a través dunha iniciativa que foi aprobada por unanimidade, avogou porque o Executivo central modifique o reparto da sardiña, incrementando a cota do Cantábrico Noroeste, en función do uso real e da capacidade de captura. Ao tempo que esixiu que se acabe co mercado de compravenda de cotas e crear un mecanismo público, gratuíto e transparente que redistribúa os sobrantes non utilizados: “Galicia non pode seguir pagando as consecuencias dun ministerio ausente e dunha política pesqueira feita de costas á realidade”.
Para rematar, considerou “inadmisible” que Portugal teña asignado o 66,5% da cota de capturas da sardiña fronte ao 33,5% de España, “cando duplicamos o número de barcos con 260 cerqueiros” con respecto aos 130 do país veciño. De aí que a deputada popular reclamase que este criterio tamén se inclúa á hora de decidir o reparto, “ademais de valorar quen esgota a cota e quen negocia con ela porque lle sobra”.