O PPdeG lamenta que PSOE e BNG defendan “unha estafa para Galicia” e se desmarquen do texto unánime do Parlamento galego para a transferencia da AP-9

O PPdeG lamenta que PSOE e BNG rachasen co acordo unánime do Parlamento galego para a transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9) a Galicia aprobado por última vez en decembro de 2023 e que defendan agora un modelo “rebaixado e sen garantías”, o que tildan de “estafa para a nosa Comunidade”. Así o sinalou o deputado popular Celso Delgado, quen defendeu hoxe no Congreso a postura do PPdeG, apoiando a Proposición de Lei Orgánica de transferencia de titularidade e competencias da AP-9 á nosa Comunidade aprobada no Senado a principios de mes, coa que se recupera a literalidade íntegra do texto do Parlamento de Galicia.

Celso Delgado insistiu na necesidade de recuperar o acordo inicial que garante os recursos económicos necesarios para a xestión da AP-9, por iso votaron a favor da Proposición de Lei Orgánica, esixindo que se “respecten os termos esenciais propostos inicialmente e asegurando, así, que a transferencia se realice coas responsabilidades financeiras ben delimitadas, sen trampa nin cartón e sen riscos ocultos para Galicia”, alertando de que o texto proposto por PSOE, BNG e Sumar presenta “serios indicios de inconstitucionalidade”.

Neste sentido, o popular galego remarca que subscribir un traspaso “sen as garantías mínimas necesarias para protexer os intereses financeiros de Galicia implica que a Comunidade asumirá unha infraestrutura clave pero potencialmente condicionada por unhas cargas económicas futuras incertas”, o que pode supoñer que Galicia afronte unha factura de 4.000 millóns de euros. “Isto desnaturalizaría o propósito da transferencia e podería comprometer a capacidade da Comunidade para abaratar a AP-9 e avanzar cara a súa futura gratuidade”, advirte o deputado do PPdeG.

“NON SOMOS MENOS QUE NINGUÉN”

A última vez que se debateu esta Lei no Congreso, un deputado de Junts afirmou que a transferencia que intentan impoñer PSOE, BNG e Sumar ten unhas condicións que en ningún caso aceptarían para Cataluña, pero “para o nacionalismo galego e para un socialismo en horas baixas, que Galicia perda é o de menos”, remarcaron os populares.

Deste xeito, Delgado tamén fixo referencia as desafortunadas palabras do ministro de Facenda, quen dixo que “é o Goberno galego o que debe facerse cargo das competencias que conseguen por medio dos seus orzamentos e os seus recursos”, “afirmacións que deixan nun pésimo lugar a PSOE, BNG e Sumar que din que a transferencia vén coa financiación perfecta”. “Están enganándonos e sábeno, pero dálles igual”, engadiu, parafraseando ao presidente Alfonso Rueda, quen dixo que “Galicia non está reclamando un trato de favor, senón unhas condicións que permitan asumir a xestión da infraestrutura sen poñer en risco as contas autonómicas”.

De feito, o Goberno central ponlle “o laciño a outras comunidades autónomas nas competencias que traspasan, como é o caso de Cataluña e o País Vasco”. Por iso en Galicia non queremos “máis que ninguén, pero tampouco menos” e “merecemos un trato xusto e en igualdade de condicións”.

TRAIZÓN A GALICIA

En definitiva, o PPdeG volveu lamentar a “traizón” de BNG, PSOE e  Sumar a Galicia, que “saben perfectamente que a transferencia só se pode materializar co concurso da vontade do Goberno galego”. “Resulta irresponsable que estes grupos políticos impoñan requisitos na lei que condicionan a viabilidade financeira do traspaso e que o Goberno galego sabe que non pode nin debe aceptar”, engade Celso Delgado.

“Veñen aquí a blindar ao Estado e a limitar as súas responsabilidades”, incide o popular no Congreso, quen recordou que Galicia non construíu a AP-9 nin a prorrogou nin a concesionou. E aínda así, PSOE e BNG “votan que o Estado se poida lavar as mans”, insistindo en que estes partidos políticos deben darlle unha explicación a todos os galegos e galegas, “aos que pretenden enganar por intereses puramente partidistas”.