Rueda reivindica a Galicia “de todos” como un pobo “humilde, traballador, aberto e de futuro”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe a cultura, a lingua, a historia e a tradición como patrimonio “de todos os galegos e galegas, sen excepcións, nin exclusividades por moito que algúns queiran impoñelas”. Para o líder dos populares galegos, estes valores defenden a un pobo “humilde, traballador, unido, aberto, moderno e cheo de futuro” e son motivo de “orgullo” pola nosa Galicia de “onte, hoxe e mañá”.

Así o manifestou durante a conmemoración do acto do Día de Galicia do PPdeG, no que lembrou a Galicia de Otero Pedrayo, facendo un guiño ao miradoiro de Bocarribeira, xa que o intelectual ourensán foi quen lle puxo o nome a este enclave. Para Rueda, “perdura o orgullo pola Galicia que coida a terra e o mar, que protexe a súa lingua”. Sen embargo, da Galicia da época do escritor tamén cambiaron moitas cousas: “Hoxe Galicia non queda atrás: é referente e líder en moitos eidos, capaz de competir sen complexos a nivel internacional”.

No acto  participaron tamén a secretaria xeral, Paula Prado; o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, e o responsable de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López, así como outros representantes do partido, entre eles a portavoz do PP na cidade de Ourense e candidata á Alcaldía, Ana Méndez Gil. Todos eles fixeron a foto de familia no miradoiro, onde tamén soou o himno de Galicia.

Rueda puxo en valor a Galicia referente en aspectos como a educación gratuíta desde os 0 anos ata a universidade, a sanidade de vangarda cun dos calendarios vacinais máis completos do mundo ou o impulso ao parque público de vivenda. Ademais, lembrou que acaba de chegar a Galicia a multinacional SAIC, que supón a captación do maior investimento estranxeiro do século.

“Esta é a Galicia pola que traballamos dende o PPdeG, unha Galicia que avanza como van a comprobar o ano que vén os milleiros de visitantes que se achegarán polo Xacobeo 2027 e como poden comprobar a diario os galegos e galegas que estudan, traballan ou emprenden na nosa terra”, engadiu.

LUIS MENOR: “LEVANTAMOS A BANDEIRA DO NOSO”

Pola súa banda, o presidente do PP de Ourense, Luis Menor, tamén puxo en valor a elección do miradoiro de Bocarribeira para “renovar o compromiso coa defensa dos nosos símbolos e da nosa cultura”, lembrado que Otero Pedrayo, como impulsor da Xeración Nós, asumiu tamén o compromiso de traballar pola modernización de Galicia.

“Este é un día grande que comparten todos os galegos e galegas”, dixo o presidente provincial, aínda que tamén subliñou que hai espazo nesta celebración para a reivindicación. Neste 25 de xullo “levantamos en alto esa bandeira da reivindicación do noso que, por riba de todo, defendemos no PP de Ourense, o partido que máis confianza xera entre a cidadanía de toda a provincia”.

O próximo ano, advertiu, aos ourensáns “vannos examinar e nós temos que demostrar que cumprimos, con creces, para que esta terra progrese”, devolvendo así a confianza que depositaron no PP para dirixir o goberno provincial e os concellos, sen deixar de recordar a vocación de colaboración co goberno popular da Xunta de Galicia, “que tan bos resultados está a ter na nosa provincia”. Con ese traballo continuo “poderemos renovar o apoio con máis forza, con máis ilusión, con máis lexitimidade para seguir construíndo o Ourense que merecemos”, afirmou Menor.

ANA MÉNDEZ: “OURENSE NUNCA TIVO PROBLEMA DE IDENTIDADE”

Por outra banda, Ana Méndez, reafirmou o orgullo de celebrar a “esa xente traballadora, emprendedora e inconformista que fixo grande Galicia ao longo da historia”. A  popular enxalzou tamén o papel de Ourense como “unha parte esencial desa historia”, lembrando que é a terra de Otero Pedrayo e de moitos outros intelectuais, pero tamén do termalismo, do entroido, do magosto, do viño e dunha identidade propia que levou o nome da cidade e de Galicia moito máis alá das súas fronteiras.

Neste sentido, asegurou que “Ourense nunca tivo un problema de identidade nin de talento” e afirmou que, tras asumir a responsabilidade de encabezar o proxecto do Partido Popular para a cidade, “chegou o momento de abrir unha nova etapa”, na que “deixemos atrás a improvisación, as escusas e o ruído para volver falar do que realmente importa: da xestión, dos proxectos, das oportunidades e das persoas”.

“Creo en Ourense, creo na súa xente e creo que chegou a hora de que deixe de conformarse co que é para empezar a converterse na cidade que sempre estivo chamada a ser”, concluíu.

O PPdeG lamenta que PSOE e BNG defendan “unha estafa para Galicia” e se desmarquen do texto unánime do Parlamento galego para a transferencia da AP-9

O PPdeG lamenta que PSOE e BNG rachasen co acordo unánime do Parlamento galego para a transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9) a Galicia aprobado por última vez en decembro de 2023 e que defendan agora un modelo “rebaixado e sen garantías”, o que tildan de “estafa para a nosa Comunidade”. Así o sinalou o deputado popular Celso Delgado, quen defendeu hoxe no Congreso a postura do PPdeG, apoiando a Proposición de Lei Orgánica de transferencia de titularidade e competencias da AP-9 á nosa Comunidade aprobada no Senado a principios de mes, coa que se recupera a literalidade íntegra do texto do Parlamento de Galicia.

Celso Delgado insistiu na necesidade de recuperar o acordo inicial que garante os recursos económicos necesarios para a xestión da AP-9, por iso votaron a favor da Proposición de Lei Orgánica, esixindo que se “respecten os termos esenciais propostos inicialmente e asegurando, así, que a transferencia se realice coas responsabilidades financeiras ben delimitadas, sen trampa nin cartón e sen riscos ocultos para Galicia”, alertando de que o texto proposto por PSOE, BNG e Sumar presenta “serios indicios de inconstitucionalidade”.

Neste sentido, o popular galego remarca que subscribir un traspaso “sen as garantías mínimas necesarias para protexer os intereses financeiros de Galicia implica que a Comunidade asumirá unha infraestrutura clave pero potencialmente condicionada por unhas cargas económicas futuras incertas”, o que pode supoñer que Galicia afronte unha factura de 4.000 millóns de euros. “Isto desnaturalizaría o propósito da transferencia e podería comprometer a capacidade da Comunidade para abaratar a AP-9 e avanzar cara a súa futura gratuidade”, advirte o deputado do PPdeG.

“NON SOMOS MENOS QUE NINGUÉN”

A última vez que se debateu esta Lei no Congreso, un deputado de Junts afirmou que a transferencia que intentan impoñer PSOE, BNG e Sumar ten unhas condicións que en ningún caso aceptarían para Cataluña, pero “para o nacionalismo galego e para un socialismo en horas baixas, que Galicia perda é o de menos”, remarcaron os populares.

Deste xeito, Delgado tamén fixo referencia as desafortunadas palabras do ministro de Facenda, quen dixo que “é o Goberno galego o que debe facerse cargo das competencias que conseguen por medio dos seus orzamentos e os seus recursos”, “afirmacións que deixan nun pésimo lugar a PSOE, BNG e Sumar que din que a transferencia vén coa financiación perfecta”. “Están enganándonos e sábeno, pero dálles igual”, engadiu, parafraseando ao presidente Alfonso Rueda, quen dixo que “Galicia non está reclamando un trato de favor, senón unhas condicións que permitan asumir a xestión da infraestrutura sen poñer en risco as contas autonómicas”.

De feito, o Goberno central ponlle “o laciño a outras comunidades autónomas nas competencias que traspasan, como é o caso de Cataluña e o País Vasco”. Por iso en Galicia non queremos “máis que ninguén, pero tampouco menos” e “merecemos un trato xusto e en igualdade de condicións”.

TRAIZÓN A GALICIA

En definitiva, o PPdeG volveu lamentar a “traizón” de BNG, PSOE e  Sumar a Galicia, que “saben perfectamente que a transferencia só se pode materializar co concurso da vontade do Goberno galego”. “Resulta irresponsable que estes grupos políticos impoñan requisitos na lei que condicionan a viabilidade financeira do traspaso e que o Goberno galego sabe que non pode nin debe aceptar”, engade Celso Delgado.

“Veñen aquí a blindar ao Estado e a limitar as súas responsabilidades”, incide o popular no Congreso, quen recordou que Galicia non construíu a AP-9 nin a prorrogou nin a concesionou. E aínda así, PSOE e BNG “votan que o Estado se poida lavar as mans”, insistindo en que estes partidos políticos deben darlle unha explicación a todos os galegos e galegas, “aos que pretenden enganar por intereses puramente partidistas”.