O PPdeG destaca o investimento da Xunta no novo albergue de Xunqueira de Ambía como un impulso clave para o rural e o Camiño Mozárabe

O PPdeG puxo en valor o investimento de máis de 100.000 euros que a Xunta vén de destinar ao novo albergue de peregrinos no concello de Xunqueira de Ambía, e que supón “un impulso clave para o rural e o Camiño Mozárabe-Vía da Prata”.

Os deputados do Grupo Parlamentario Popular Juan Casares e Víctor Baladrón visitaron o inmoble, situado na localidade de Padroso, que, tras a súa rehabilitación, terá capacidade para oito persoas. Os traballos, segundo explicaron, execútanse ao abeiro dun convenio de colaboración entre o departamento de Turismo do Goberno galego e a Fundación Bieito Ledo. Tal e como salientaron, esta infraestrutura permitirá reforzar a capacidade de acollida dun itinerario cun enorme potencial de crecemento.

Asemade, fixeron fincapé na aposta da Xunta por un desenvolvemento sostible do noso rural, xerando novas oportunidades económicas para os concellos do interior e potenciando un modelo turístico sostible e de calidade. Actualmente, a Rede Pública de Albergues do Xacobeo nesta ruta dispón de 15 establecementos e 480 prazas.

UN DOS ITINERARIOS CON MAIOR POTENCIAL DE CRECEMENTO
A visita serviu, tamén, para enxalzar a excelente saúde da que goza a Vía da Prata. Así, segundo os últimos datos oficiais, se no ano 2025 percorreron esta ruta un total de 8.833 peregrinos, no que vai de 2026 a cifra xa supera as 7.000 persoas.

Para rematar, os deputados populares puxeron en valor a estratexia do Goberno galego por diversificar os fluxos cara a itinerarios que, como este, ofrecen unha gran riqueza patrimonial, etnográfica e paisaxística.

O PPdeG enxalza o programa Emega como “unha valiosa ferramenta para contribuír ao emprendemento feminino”

A portavoz de Política Social do Grupo Parlamentario Popular, Raquel Arias, e a deputada autonómica e voceira do PP de Monforte, Katherine Varela, puxeron en valor o programa Emega, da Consellería de Política Social e Igualdade, como “unha valiosa ferramenta á hora de contribuír desde a Administración ao emprendemento feminino”.

Durante un encontro con Leticia Vila, propietaria de BEL Optometría, en Monforte de Lemos, e beneficiaria deste programa en 2025 na modalidade Emerxe, as parlamentarias destacaron que o programa Emega busca “facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres; favorecendo a conciliación da vida persoal, familiar e laboral; e prestando especial atención ás mulleres que emprenden no rural, ás maiores de 55 anos e a aquelas que desenvolven a súa actividade en sectores masculinizados”.

Leticia Vila é unha das 47 mulleres que resultaron beneficiarias do programa Emega na provincia de Lugo na anterior convocatoria, por un importe total de 537.000 euros. No caso concreto da comarca de Lemos, foron seis beneficiarias, por un importe total de 64.000 euros.

MÁIS DE 350 PROXECTOS EN TODA GALICIA
O Goberno galego destina 5 millóns de euros a estas achegas, coas que se estima que se subvencionarán máis de 350 proxectos empresariais liderados por mulleres e incentivarán a creación de máis de 600 empregos.

Na convocatoria deste ano mantéñense as catro modalidades de axuda de edicións anteriores: Emerxe, con contías de ata 22.000 euros, para novas iniciativas empresariais e creación de emprego feminino estable; Impulsa, con ata 17.000 euros, e dirixidas a favorecer a reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres; Innova, con ata 42.000 euros, para iniciativas con contido científico ou base tecnolóxica; e Concilia, unha axuda complementaria das anteriores de ata 5.000 euros para promover a conciliación das emprendedoras e das traballadoras.

Alberto Pazos salienta a “actitude proactiva” da mocidade de Novas Xeracións e chámaos a ser “actores do cambio” nas eleccións de 2027 “para construír unha sociedade mellor”

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, salientou esta mañá a “actitude proactiva” da mocidade de Novas Xeracións (NNXX) co gallo da inauguración dunha nova edición da Escola de Verán que se celebrará durante toda esta fin de semana en Lalín e, por ese ánimo de acción, chamounos a ser “actores do cambio” nas decisivas eleccións que se celebrarán en 2027 nos concellos e en España “para construír unha sociedade máis próspera, máis xusta e mellor”.

“Está claro que vivimos tempos convulsos nos que se están a producir cambios estruturais na nosa sociedade e nos que é preciso redefinir o que vai ser o futuro. E ante isto, os xoves poden ter unha actitude contemplativa ou ben, como sucede no caso de Novas Xeracións, centrarse na reflexión sobre os problemas comúns e as posibles solucións”, manifestou o político redondelán, que agradeceu o “compromiso” das mocidades do Partido Popular “para que ninguén defina o voso futuro sen ter en conta as vosas opinións e as vosas necesidades”.

Pazos tamén quixo felicitar á organización pola nova celebración dunha Escola de Verán “que sempre me pareceu interesante e hoxe estimo que é imprescindible”, en referencia á necesidade de que os mozos se impliquen activamente na consecución dun necesario cambio en España.

Pola súa banda, o presidente provincial de NNXX, o tamén deputado Raúl Santamaría, deixou claro que o obxectivo desta actividade é principalmente “escoitar á xente moza” para afrontar nas mellores condicións “o reto dos distintos e decisivos procesos electorais que teremos o vindeiro ano”. Ademais, valorou esta iniciativa como “un gran intercambio de ideas para enriquecer o noso proxecto, que é o que queren e demandan a inmensa maioría dos mozos galegos”, e asegurou que a organización “está perfectamente preparada” para as eleccións municipais e xerais de 2027.

Santamaría, que foi precedido polo presidente de NNXX de Lalín, Javier Carballude, para dar a benvida á capital do Deza, lembrou os seus comezos en política nunha Escola de Verán similar celebrada en Vilanova e finalizou a súa alocución salientando a importancia de coñecer a historia “e non só a que a esquerda pretende impoñer, polo que creo que un dos actos máis simbólicos desta fin de semana será a proxección do documental sobre Miguel Ángel Blanco”.

Tras a inauguración, a iniciativa proseguirá cunha charla sobre redes sociais, unha mesa redonda sobre as preocupacións da mocidade, a citada emisión da peza sobre o edil de Ermua e a visita a unha explotación agrogandeira. Xa na xornada de mañá, haberá dúas mesas de debate sobre os retos do municipalismo e o papel dos concelleiros xoves antes da clausura.