O PPdeG puxo en valor o investimento de máis de 100.000 euros que a Xunta vén de destinar ao novo albergue de peregrinos no concello de Xunqueira de Ambía, e que supón “un impulso clave para o rural e o Camiño Mozárabe-Vía da Prata”.
Os deputados do Grupo Parlamentario Popular Juan Casares e Víctor Baladrón visitaron o inmoble, situado na localidade de Padroso, que, tras a súa rehabilitación, terá capacidade para oito persoas. Os traballos, segundo explicaron, execútanse ao abeiro dun convenio de colaboración entre o departamento de Turismo do Goberno galego e a Fundación Bieito Ledo. Tal e como salientaron, esta infraestrutura permitirá reforzar a capacidade de acollida dun itinerario cun enorme potencial de crecemento.
Asemade, fixeron fincapé na aposta da Xunta por un desenvolvemento sostible do noso rural, xerando novas oportunidades económicas para os concellos do interior e potenciando un modelo turístico sostible e de calidade. Actualmente, a Rede Pública de Albergues do Xacobeo nesta ruta dispón de 15 establecementos e 480 prazas.
UN DOS ITINERARIOS CON MAIOR POTENCIAL DE CRECEMENTO
A visita serviu, tamén, para enxalzar a excelente saúde da que goza a Vía da Prata. Así, segundo os últimos datos oficiais, se no ano 2025 percorreron esta ruta un total de 8.833 peregrinos, no que vai de 2026 a cifra xa supera as 7.000 persoas.
Para rematar, os deputados populares puxeron en valor a estratexia do Goberno galego por diversificar os fluxos cara a itinerarios que, como este, ofrecen unha gran riqueza patrimonial, etnográfica e paisaxística.


