Alberto Pazos, sobre o sistema de financiamento: “A prioridade non é debater un modelo alternativo, senón parar este modelo”

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, amosou hoxe o seu rexeitamento frontal ao modelo de financiamento autonómico “discriminatorio e inxusto” proposto polo Goberno central e instou aos grupos da oposición a impedir a súa aprobación nos termos actuais no Congreso e no Senado. “A prioridade non é debater un modelo alternativo, senón parar este modelo”, apuntou, para continuar advertindo de que se “este atropelo” sae adiante, non haberá unha nova negociación en moito tempo.

Afeou que os socialistas galegos pretendan que Galicia acepte “unha lesiva quita da débeda e un modelo de financiación inxusto”, e o fagan, ademais, cuestionando os beneficios fiscais duns orzamentos que aínda nin sequera foron presentados. “Pretenden dar leccións de como corrixir a perda de financiamento á que nos condena o novo modelo”, sinalou para, a continuación, reclamar que non se fagan propostas á medida de ninguén, senón atendendo á situación e a criterios obxectivos.

Neste punto, o voceiro popular recordou que a chamada “mutualización da débeda autonómica” naceu exclusivamente para atender as esixencias e o interese do independentismo catalán, e advertiu de que “só se fará realidade se satisfai ao nacionalismo catalán”. “Por que merece mellor trato o despilfarro que a responsabilidade?”, dixo Pazos. “Por que –continuou-, en lugar de premiar a quen subiu impostos durante a crise, non se premia a quen preferiu apertar o cinto e non castigar os petos dos seus cidadáns?”.
Así mesmo, fixo mención á “oposición frontal” que xa demostraron trece das quince Comunidades afectadas –incluídas as gobernadas por socialistas- por esta proposta do Executivo central no pasado Consello de Política Fiscal e Financeira. “Os galegos non queremos que nos compensen. Reclamamos un trato xusto”, destacou.

A DESFEITA DA QUITA DA DÉBEDA E O IMPACTO NOS GALEGOS
O voceiro popular referiuse como o “grande éxito” de socialistas e nacionalistas a “desfeita” da quita da débeda e explicou polo miúdo as súas consecuencias para o peto dos cidadáns. Tal e como informou, no caso de que Galicia se adhira ao procedemento a débeda de cada galego incrementarase en máis de 600 euros, pero de non facelo o resultado final tamén será pésimo, xa que “teremos que asumir o pago da débeda transferida por outras Comunidades, sen que elas asuman nin un só euro do pago da nosa”. E agardou que “un novo goberno en España compense esta inxustiza”.

Para rematar, instounos a aclarar o seu voto se finalmente “non se modifica a poboación axustada, a valoración do envellecemento, a dispersión da poboación e o maior custe efecto da prestación de servizo públicos en Galicia”.