O PPdeG instou hoxe ao Goberno central a impulsar, en consenso coas comunidades autónomas e coa comunidade educativa, un novo marco legal que substitúa a actual LOMLOE, co fin de avanzar cara a un sistema educativo estable.
O deputado do Grupo Parlamentario Popular, Julio García Comesaña, remarcou que é imprescindible “superar os problemas que o actual marco normativo está a xerar no alumnado, o profesorado e os centros”. Así, referiuse ás consecuencias do que cualificou como a “lei do tanto dá” sobre a cultura do esforzo, a calidade educativa e a igualdade de oportunidades. “Non dá igual aprender que non aprender, adquirir os coñecementos necesarios ou pasar de curso sen adquirilos”, afirmou.
Neste sentido, defendeu unha educación baseada nas competencias, pero advertiu de que “para saber facer, primeiro hai que saber, porque non hai competencia posible sen coñecemento”. Considerou necesario recuperar o equilibrio entre coñecementos e competencias e simplificar unha arquitectura curricular que, na súa opinión, incrementou a carga burocrática do profesorado.
Tamén apostou por mellorar os mecanismos de avaliación e detección temperá das dificultades de aprendizaxe. “O obxectivo non debe ser que máis alumnos repitan, senón que menos alumnos necesiten repetir”, insistiu, defendendo que a resposta debe chegar antes e con máis apoios para quen o precise.
Asemade, incidiu en que igualdade de oportunidades non significa baixar a esixencia, senón proporcionar máis recursos ao alumnado que parte dunha situación máis desfavorable, porque “a esixencia e a equidade non son conceptos opostos”.
GALICIA LEVA CINCO ANOS TRABALLANDO
O popular destacou que, fronte á situación estatal, Galicia leva estes cinco anos desenvolvendo medidas para mellorar o sistema educativo e reducir o impacto das dificultades detectadas. Neste ámbito, puxo en valor o Acordo de Mellora do Sistema Educativo acadado cos sindicatos, as medidas para reducir progresivamente as ratios máximas por aulas, a mellora dos agrupamentos no rural e o reforzo da atención ao alumnado con necesidades educativas especiais.
Tamén salientou a redución das sesións lectivas directas do profesorado de 20 a 18 horas en Secundaria, co obxectivo de favorecer unha atención máis próxima ao alumnado, así como o Plan de impulso á atención á diversidade 2026-2030, dotado con 118 millóns de euros e que contempla un incremento dos especialistas en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e orientación. A estas medidas súmanse os programas Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, destinados a reforzar competencias fundamentais e detectar de maneira temperá as dificultades de aprendizaxe.
Así mesmo, lembrou que o novo Marco galego para o impulso educativo, aprobado esta mesma semana polo Consello da Xunta, contempla tamén reforzar a lectura en todas as materias de Primaria e incorporar en primeiro e segundo da ESO unha nova materia obrigatoria de Lectura e Comprensión.