A viceportavoz do Grupo Parlamentario Popular e secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindica a solidariedade de Galicia co pobo ceutí e lamenta que os galegos e galegas, igual que o resto de españois, dependan dun Goberno central que non pode garantir a súa función máis básica: protexer a integridade territorial dun país. Neste sentido, lamenta que PSdeG e BNG non apoiasen hoxe a defensa de Ceuta e da soberanía nacional, unha iniciativa proposta polo Grupo Popular que foi aprobada na Cámara galega pese aos votos en contra da oposición.
Así, para Paula Prado, mentres o PPdeG se manifestou en tódolos concellos galegos polo pobo ceutí, o PSdeG fixo “seguidismo” de Sánchez e o BNG “preferiu reunirse con Bildu”. Así o manifestou durante a defensa da Proposta Non de Lei rexistrada polo Grupo Popular, nun debate no que insistiu que o que aconteceu e segue acontecendo en Ceuta “non é unha crise migratoria, é unha invasión”. Neste sentido, cualifica a Sánchez de “único responsable” do descontrol en Ceuta, pese aos “numerosos avisos oficiais” de organismos como CNI, Policía Nacional ou Garda Civil que alertaban da vulnerabilidade das fronteiras antes da invasión do mes de xullo.
Durante o debate, instou ao Goberno central a protexer as fronteiras, así como a “facerse cargo das súas competencias”, afeando a saturación da sanidade en Ceuta ou a problemática da filiación dos menores e a educación. “Nada de dicir ‘iso a Vivas’, señorías. Todo iso, a Sánchez. O único responsable”, engadiu.
Para Prado, as persoas que faleceron nas costas cando trataban de cruzar de Marrocos a España, son vítimas dos Gobernos que decidiron utilizalos como “armas arroxadizas”. Ademais, lembra que a Eurocámara sacou adiante unha proposta do PPE -co voto en contra do BNG-, na que se defende que a invasión se trata dunha “guerra híbrida”.
Tamén sinalou como “fundamental” o debate sobre Ceuta no Parlamento de Galicia porque “se trata dun asunto que afecta a tódalas comunidades autónomas”, afeando que Sánchez trate de repartir a súa “incompetencia” en territorios como Galicia. Neste punto, afea a “falta de previsión e financiamento” no plan de reparto dos menores non acompañados, poñendo o foco no recorte de máis do 80% do financiamento para atención a menores migrantes, con 3 millóns de euros menos a Galicia só nun ano.
Por outra banda, lamentou as “contradicións” entre o presidente Pedro Sánchez e os seus ministros ao longo da invasión, aos que afea que as súas visitas a Ceta se convertesen nunha “pasarela de ministros”, sen solucións reais para os ceutís.
AUMENTO DAS AGRESIÓNS SEXUAIS
Paula Prado chamou a atención sobre o incremento das agresións sexuais en Ceuta dende a invasión, lembrando as alarmantes cifras da Fiscalía, que cifra os casos en case unha agresión sexual ao día dende a invasión.
Neste punto, criticou as declaracións do ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, cando ante a vulnerabilidade denunciada polos ceutís cualificou a inseguridade nas rúas da cidade autónoma como “inseguridade subxectiva”. Igualmente, afeou o “falso feminismo” de PSOE e BNG ante a realidade destas cifras.
Para os populares, é necesario aplicar a Lei de Seguridade Nacional, posto que o que sucede en Ceuta “non pode abordarse coma un episodio inmigratorio ordinario”, senón que debe ter unha resposta de Estado, cun mando único. “Non é crise migratoria, é invasión”, incidiu.

