O Parlamento aproba esixir ao Goberno un plan de compensación financeira e unha estratexia para incluír o Porto de Vigo na Rede Transeuropea

O Parlamento de Galicia vén de aprobar unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular a través da cal se insta ao Goberno central a definir e publicar unha estratexia nacional para que o porto de Vigo sexa incluído na Rede Básica Transeuropea de Transporte TEN-T, que contemple accións específicas para a súa inclusión na próxima revisión prevista pola Comisión Europea.

“Cabe sinalar -indicou- que esta iniciativa conta co respaldo da Autoridade Portuaria, da Universidade de Vigo e o tecido empresarial, apoios que están reflectidos nun estudo presentado en Bruxelas”.

O deputado popular Miguel Fidalgo denunciou a inacción e a falta de compromiso dos sucesivos gobernos socialistas cunha infraestrutura que cualifican de estratéxica non só para Galicia, senón para o conxunto do Estado e de Europa.

Así, lembrou que a exclusión de Vigo foi unha decisión inxusta adoptada durante o mandato de José Luís Rodríguez Zapatero e mantida polo actual Executivo de Pedro Sánchez, que rexeitou asumir a súa responsabilidade ao escudarse en que debían ser os eurodeputados quen loitasen por revisar os criterios, un argumento que os populares tachan de falso ao ser competencia directa do Goberno central propoñer e defender oficialmente as candidaturas.

Ademais, incidiu en que hai que recordar que “Pedro Sánchez e Óscar Puente si incluíron a Santander e Castellón, esquecendo que non cumprían cos criterios esixidos”.

Fronte a esta postura, o parlamentario popular puxo en valor o traballo do Partido Popular no Parlamento Europeo, onde se introduciron ata 25 emendas para mellorar a posición loxística de Galicia e do Porto de Vigo. Unhas melloras que, malia ser aprobadas pola Eurocámara, foron ignoradas polo Executivo central nos trílogos, mesmo baixo a presidencia española do Consello da Unión Europea.

O Grupo Popular defendeu que o Porto de Vigo cumpre cos criterios técnicos para ser considerado un nodo básico da rede TEN-T: é o primeiro porto pesqueiro de Europa, conta con conexión ferroviaria coa Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (PLISAN), opera como terminal clave na exportación de vehículos e forma parte activa das autoestradas do mar. Por iso, mentres a Xunta mantén o seu compromiso firme a todos os niveis, os populares consideran indispensable o apoio estatal para obter os fondos europeos vinculados á rede básica.

Miguel Fidalgo destacou que “non estamos a falar dunha pugna Vigo-A Coruña, nin de quitar nada a outros portos, senón de que cada porto galego desenvolva todo o seu potencial e acade o maior beneficio para Galicia”.

Así mesmo, na súa intervención o parlamentario autonómico lembrou que “esta infraestrutura moveu, en 2025, 5,5 millóns de toneladas; 674.000 vehículos en Bouzas; e 309.000 TEUS, ademais de contar co liderado nacional do Berbés en pesca fresca”. “Tamén hai que ter en conta o seu valor engadido no eido da industria alimentaria, a pesca, a automoción, a conectividade, o emprego, a importancia estratéxica e a sostenibilidade, entre outros, é dicir, conecta Galicia co mundo”, subliñou.

Por todo isto, a iniciativa do Grupo Popular, aprobada polo Parlamento galego, reclama ao Executivo central a definición e publicación dunha estratexia conxunta para que o porto de Vigo sexa incluído na Rede Básica Transeuropea de Transporte TEN-T, que contemple accións específicas para a súa inclusión na próxima revisión prevista pola Comisión Europea.

Así mesmo, avoga pola apertura dunha mesa técnica intergobernamental coa participación de Galicia, eurodeputados e o sector loxístico, ao tempo que esixe activar un plan de compensación financeira con fondos da Unión Europea para garantir as obras clave en Vigo mentres non se modifique o seu status.

Por último, os populares demandan total transparencia na repartición territorial dos fondos do Corredor Atlántico, concretamente no que respecta aos 3.100 millóns de euros anunciados polo Comisionado para investimentos ata o ano 2030.

PPdeG e PSdeG asinan un acordo histórico para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e lograr un amplísimo consenso en política lingüística

O portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, puxo hoxe en valor o acordo acadado entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, un pacto que cualificou de “fito histórico” para o Parlamento, para a política galega e, especialmente, para o conxunto da sociedade.

Pazos salientou que “en Galicia, a lingua nunca foi motivo de confrontación” e lembrou que o proceso para actualizar o Plan Xeral partiu dunha proposta elaborada tras un amplo proceso de participación social. O documento foi trasladado aos grupos parlamentarios o pasado mes de xullo, despois dun traballo que contou con 11 comisións de traballo, máis de 130 expertos, máis de 400 contactos con particulares, entidades e institucións e máis de 1.400 achegas recollidas e analizadas.

Segundo explicou o portavoz popular, este proceso trasladou á Cámara “un mandato claro do conxunto da sociedade galega”: converter a sintonía social existente arredor da lingua nun gran pacto político.

UN ACORDO BASEADO NO DIÁLOGO E NO CONSENSO

Alberto Pazos destacou que o Grupo Popular asumiu desde o primeiro momento esa encomenda apostando “polo diálogo, o consenso e a vontade de escoita” co resto das formacións políticas.

Neste sentido, puxo en valor o traballo desenvolvido durante as últimas semanas co Grupo Socialista e con Democracia Ourensana, a través de diversas xuntanzas nas que se procuraron puntos de encontro ata facer posible o acordo asinado hoxe.

A sinatura tivo lugar na Sala Rosalía do Parlamento de Galicia, un espazo que, segundo Pazos, simboliza o espírito do pacto. “Non hai mellor lugar nin mellor simbolismo para asinar este acordo que o espazo que leva o nome da muller que mellor representa a dignidade do noso idioma”, afirmou. Desde a Cámara galega, o portavoz popular quixo trasladar unha mensaxe de unidade: “O galego é o fogar común que nos une”.

UN TEXTO ENRIQUECIDO CON MEDIDAS CONCRETAS

O acordo asinado supón o refrendo dunha ampla maioría parlamentaria ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e incorpora seis modificacións sobre as preto de 700 medidas contempladas no Plan Xeral, así como oito acordos complementarios que pretenden adaptar a folla de ruta da lingua galega á realidade social e tecnolóxica dos próximos anos.

No ámbito educativo, un dos principais acordos permitirá introducir axustes no decreto do plurilingüísimo para posibilitar que as materias científicas tamén poidan impartirse en galego, mantendo sempre o equilibrio lingüístico entre as dúas linguas oficiais e, no caso dos centros plurilingües, entre as tres linguas correspondentes.

Deste xeito, serán os propios centros, dentro do seu proxecto lingüístico, os que poderán decidir voluntariamente que lingua empregar nos diferentes bloques de materias. Por exemplo, en Primaria poderán manter a distribución actual entre Ciencias Sociais e Naturais e Matemáticas ou intercambiar as linguas empregadas en cada bloque.

O obxectivo, explicou Pazos, non é establecer unha distribución prefixada, senón garantir o equilibrio lingüístico entre as linguas. Estes cambios serán incorporados, co consenso dos grupos, á próxima Lei de Acompañamento aos Orzamentos de 2027 e, unha vez completados os trámites necesarios, poderán aplicarse a partir do curso 2028/2029.

No ámbito da transparencia, o acordo establece tamén a celebración dunha comparecencia anual no Parlamento de Galicia para facer seguimento e avaliar o desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización Lingüística.

MÁIS APOIO Á CULTURA, Á TECNOLOXÍA E AOS MEDIOS

O pacto contempla igualmente novas actuacións no eido cultural e tecnolóxico. Entre elas figura a solicitude de ampliación dos contidos en galego en RTVE Play, así como novas medidas de apoio ás industrias editorial e audiovisual e un novo plan de fomento da lectura.

Tamén se aposta por avanzar no desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas en galego e no impulso da Lei Paz Andrade, ademais de promover un maior uso do idioma nos medios de comunicación.

Todas estas actuacións estarán acompañadas dun incremento de 1,5 millóns de euros no orzamento destinado á lingua galega.

“A ESTABILIDADE DE GALICIA CONSTRÚESE DESDE A MODERACIÓN E O ENTENDEMENTO”

Para o portavoz do Grupo Popular, o conxunto destas medidas, que deberán activarse antes de que remate 2027, representa unha mostra de que “cando hai vontade e un propósito de país, somos quen de traballar por riba de intereses partidistas polo futuro de Galicia, dos galegos e da nosa lingua”.

Pazos agradeceu publicamente a “altura de miras” demostrada polo Grupo Socialista durante as últimas semanas e destacou que a sinatura do acordo evidencia que “a estabilidade de Galicia constrúese desde a moderación e o entendemento”.

O portavoz popular recoñeceu expresamente o traballo dos representantes do Grupo Parlamentario Popular, Carmen Pomar e José Luis Ferro, así como o de Longueira e Bouza, pola súa contribución ao achegamento de posicións durante o proceso de negociación, así como a contribución e o compromiso para acadar este acordo do secretario xeral da Lingua, Valentín García e do máximo responsable da área de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López. Tamén agradeceu a disposición do secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, para traballar en beneficio da lingua galega.

Do mesmo xeito, Pazos tivo palabras de agradecemento para Democracia Ourensana, pola súa “disposición desde o primeiro minuto” e pola súa “vontade construtiva” ao longo de todo o proceso, e confirmou o apoio da formación ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

FOLLA DE RUTA PARA A PRÓXIMA DÉCADA

O portavoz popular lamentou que o acordo non puidese ser unánime como o acadado no Plan anterior, ao non contar co apoio de todas as formacións parlamentarias. Con todo, subliñou que o resultado é “un texto fortalecido” e un acordo transversal que “recolle a sensibilidade dunha ampla maioría”.

“Afortunadamente hai un entendemento histórico de tres partes que lamentablemente non foi unánime pola negativa de quen decidiu auto excluírse, un grupo político que preferiu darlle as costas a un mandato social evidente e dicirlle non á concordia que a rúa pedía coa máxima naturalidade” indicou o deputado popular.

Pazos destacou que o documento mantén intacto o “corazón da proposta inicial” e consolida unha folla de ruta para a próxima década, con preto de 700 medidas centradas especialmente nos ámbitos nos que se considera necesario reforzar a transmisión da lingua: as novas xeracións, as persoas nacidas fóra de Galicia e aquelas que non contan con transmisión familiar do galego, así como os novos modelos de comunicación dixital e tecnolóxica.

“Dous meses despois de iniciar este camiño, podemos dicir con orgullo que fixemos posible o que Galicia nos pedía”, afirmou.

Finalmente, Alberto Pazos asegurou que Galicia contará cun Plan Xeral de Normalización Lingüística actualizado, adaptado á realidade social do país e respaldado por un amplísimo consenso político, cunha folla de ruta destinada a afrontar con garantías a transmisión da lingua ás novas xeracións.

“Temos que asegurar, como dicía Álvaro Cunqueiro, mil primaveras máis para a lingua galega”, concluíu.