O PP advirte que “o Goberno de Sánchez confirma que o estudo de viabilidade para conectar Lugo e Santiago non está finalizado dous anos despois do seu anuncio”

O Goberno de Sánchez confirma en resposta oficial aos senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- que, máis de dous anos despois do seu anuncio, o Estudo de viabilidade para a mellora da conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela non está finalizado”.

É máis, os populares advirten da “incongruencia” entre a resposta oficial por escrito que ofrece o Goberno de España e os anuncios de licitación por parte do propio Executivo. En palabras textuais do Goberno de España, “desde a Dirección Xeral do Sector Ferroviario, actualmente atópase en fase de redacción o contrato de servizos para a redacción do estudo de viabilidade para a mellora da conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela”.

O Goberno de España anunciara o inicio do estudo de viabilidade en marzo do 2025 cun prazo de execución de 18 meses que se veñen de cumprir “sen que teñamos coñecemento de ninguén avance”, apuntan.

Os senadores do PP lembran que “Lugo é a única capital de provincia de Galicia que continúa sen conexión directa con Santiago de Compostela por tren”. E tamén a única de Galicia sen acceso directo ao AVE “ao renunciar Sánchez á construción das variantes ferroviarias”.

RESPECTO E EXPLICACIÓNS AOS LUCENSES

Os representantes do PP lucense no Cámara Alta advirten da continua “discriminación do Goberno de Sánchez á provincia” e defenden que “os lucenses merecemos respecto e explicacións claras”.

Nese sentido, avanzan que “esixiremos de novo por escrito explicacións ao Goberno de España sobre o avance na execución do estudo de viabilidade para conectar de forma directa Lugo con Santiago por tren”.

O Parlamento aproba esixir ao Goberno un plan de compensación financeira e unha estratexia para incluír o Porto de Vigo na Rede Transeuropea

O Parlamento de Galicia vén de aprobar unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular a través da cal se insta ao Goberno central a definir e publicar unha estratexia nacional para que o porto de Vigo sexa incluído na Rede Básica Transeuropea de Transporte TEN-T, que contemple accións específicas para a súa inclusión na próxima revisión prevista pola Comisión Europea.

“Cabe sinalar -indicou- que esta iniciativa conta co respaldo da Autoridade Portuaria, da Universidade de Vigo e o tecido empresarial, apoios que están reflectidos nun estudo presentado en Bruxelas”.

O deputado popular Miguel Fidalgo denunciou a inacción e a falta de compromiso dos sucesivos gobernos socialistas cunha infraestrutura que cualifican de estratéxica non só para Galicia, senón para o conxunto do Estado e de Europa.

Así, lembrou que a exclusión de Vigo foi unha decisión inxusta adoptada durante o mandato de José Luís Rodríguez Zapatero e mantida polo actual Executivo de Pedro Sánchez, que rexeitou asumir a súa responsabilidade ao escudarse en que debían ser os eurodeputados quen loitasen por revisar os criterios, un argumento que os populares tachan de falso ao ser competencia directa do Goberno central propoñer e defender oficialmente as candidaturas.

Ademais, incidiu en que hai que recordar que “Pedro Sánchez e Óscar Puente si incluíron a Santander e Castellón, esquecendo que non cumprían cos criterios esixidos”.

Fronte a esta postura, o parlamentario popular puxo en valor o traballo do Partido Popular no Parlamento Europeo, onde se introduciron ata 25 emendas para mellorar a posición loxística de Galicia e do Porto de Vigo. Unhas melloras que, malia ser aprobadas pola Eurocámara, foron ignoradas polo Executivo central nos trílogos, mesmo baixo a presidencia española do Consello da Unión Europea.

O Grupo Popular defendeu que o Porto de Vigo cumpre cos criterios técnicos para ser considerado un nodo básico da rede TEN-T: é o primeiro porto pesqueiro de Europa, conta con conexión ferroviaria coa Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (PLISAN), opera como terminal clave na exportación de vehículos e forma parte activa das autoestradas do mar. Por iso, mentres a Xunta mantén o seu compromiso firme a todos os niveis, os populares consideran indispensable o apoio estatal para obter os fondos europeos vinculados á rede básica.

Miguel Fidalgo destacou que “non estamos a falar dunha pugna Vigo-A Coruña, nin de quitar nada a outros portos, senón de que cada porto galego desenvolva todo o seu potencial e acade o maior beneficio para Galicia”.

Así mesmo, na súa intervención o parlamentario autonómico lembrou que “esta infraestrutura moveu, en 2025, 5,5 millóns de toneladas; 674.000 vehículos en Bouzas; e 309.000 TEUS, ademais de contar co liderado nacional do Berbés en pesca fresca”. “Tamén hai que ter en conta o seu valor engadido no eido da industria alimentaria, a pesca, a automoción, a conectividade, o emprego, a importancia estratéxica e a sostenibilidade, entre outros, é dicir, conecta Galicia co mundo”, subliñou.

Por todo isto, a iniciativa do Grupo Popular, aprobada polo Parlamento galego, reclama ao Executivo central a definición e publicación dunha estratexia conxunta para que o porto de Vigo sexa incluído na Rede Básica Transeuropea de Transporte TEN-T, que contemple accións específicas para a súa inclusión na próxima revisión prevista pola Comisión Europea.

Así mesmo, avoga pola apertura dunha mesa técnica intergobernamental coa participación de Galicia, eurodeputados e o sector loxístico, ao tempo que esixe activar un plan de compensación financeira con fondos da Unión Europea para garantir as obras clave en Vigo mentres non se modifique o seu status.

Por último, os populares demandan total transparencia na repartición territorial dos fondos do Corredor Atlántico, concretamente no que respecta aos 3.100 millóns de euros anunciados polo Comisionado para investimentos ata o ano 2030.

PPdeG e PSdeG asinan un acordo histórico para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e lograr un amplísimo consenso en política lingüística

O portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, puxo hoxe en valor o acordo acadado entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, un pacto que cualificou de “fito histórico” para o Parlamento, para a política galega e, especialmente, para o conxunto da sociedade.

Pazos salientou que “en Galicia, a lingua nunca foi motivo de confrontación” e lembrou que o proceso para actualizar o Plan Xeral partiu dunha proposta elaborada tras un amplo proceso de participación social. O documento foi trasladado aos grupos parlamentarios o pasado mes de xullo, despois dun traballo que contou con 11 comisións de traballo, máis de 130 expertos, máis de 400 contactos con particulares, entidades e institucións e máis de 1.400 achegas recollidas e analizadas.

Segundo explicou o portavoz popular, este proceso trasladou á Cámara “un mandato claro do conxunto da sociedade galega”: converter a sintonía social existente arredor da lingua nun gran pacto político.

UN ACORDO BASEADO NO DIÁLOGO E NO CONSENSO

Alberto Pazos destacou que o Grupo Popular asumiu desde o primeiro momento esa encomenda apostando “polo diálogo, o consenso e a vontade de escoita” co resto das formacións políticas.

Neste sentido, puxo en valor o traballo desenvolvido durante as últimas semanas co Grupo Socialista e con Democracia Ourensana, a través de diversas xuntanzas nas que se procuraron puntos de encontro ata facer posible o acordo asinado hoxe.

A sinatura tivo lugar na Sala Rosalía do Parlamento de Galicia, un espazo que, segundo Pazos, simboliza o espírito do pacto. “Non hai mellor lugar nin mellor simbolismo para asinar este acordo que o espazo que leva o nome da muller que mellor representa a dignidade do noso idioma”, afirmou. Desde a Cámara galega, o portavoz popular quixo trasladar unha mensaxe de unidade: “O galego é o fogar común que nos une”.

UN TEXTO ENRIQUECIDO CON MEDIDAS CONCRETAS

O acordo asinado supón o refrendo dunha ampla maioría parlamentaria ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e incorpora seis modificacións sobre as preto de 700 medidas contempladas no Plan Xeral, así como oito acordos complementarios que pretenden adaptar a folla de ruta da lingua galega á realidade social e tecnolóxica dos próximos anos.

No ámbito educativo, un dos principais acordos permitirá introducir axustes no decreto do plurilingüísimo para posibilitar que as materias científicas tamén poidan impartirse en galego, mantendo sempre o equilibrio lingüístico entre as dúas linguas oficiais e, no caso dos centros plurilingües, entre as tres linguas correspondentes.

Deste xeito, serán os propios centros, dentro do seu proxecto lingüístico, os que poderán decidir voluntariamente que lingua empregar nos diferentes bloques de materias. Por exemplo, en Primaria poderán manter a distribución actual entre Ciencias Sociais e Naturais e Matemáticas ou intercambiar as linguas empregadas en cada bloque.

O obxectivo, explicou Pazos, non é establecer unha distribución prefixada, senón garantir o equilibrio lingüístico entre as linguas. Estes cambios serán incorporados, co consenso dos grupos, á próxima Lei de Acompañamento aos Orzamentos de 2027 e, unha vez completados os trámites necesarios, poderán aplicarse a partir do curso 2028/2029.

No ámbito da transparencia, o acordo establece tamén a celebración dunha comparecencia anual no Parlamento de Galicia para facer seguimento e avaliar o desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización Lingüística.

MÁIS APOIO Á CULTURA, Á TECNOLOXÍA E AOS MEDIOS

O pacto contempla igualmente novas actuacións no eido cultural e tecnolóxico. Entre elas figura a solicitude de ampliación dos contidos en galego en RTVE Play, así como novas medidas de apoio ás industrias editorial e audiovisual e un novo plan de fomento da lectura.

Tamén se aposta por avanzar no desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas en galego e no impulso da Lei Paz Andrade, ademais de promover un maior uso do idioma nos medios de comunicación.

Todas estas actuacións estarán acompañadas dun incremento de 1,5 millóns de euros no orzamento destinado á lingua galega.

“A ESTABILIDADE DE GALICIA CONSTRÚESE DESDE A MODERACIÓN E O ENTENDEMENTO”

Para o portavoz do Grupo Popular, o conxunto destas medidas, que deberán activarse antes de que remate 2027, representa unha mostra de que “cando hai vontade e un propósito de país, somos quen de traballar por riba de intereses partidistas polo futuro de Galicia, dos galegos e da nosa lingua”.

Pazos agradeceu publicamente a “altura de miras” demostrada polo Grupo Socialista durante as últimas semanas e destacou que a sinatura do acordo evidencia que “a estabilidade de Galicia constrúese desde a moderación e o entendemento”.

O portavoz popular recoñeceu expresamente o traballo dos representantes do Grupo Parlamentario Popular, Carmen Pomar e José Luis Ferro, así como o de Longueira e Bouza, pola súa contribución ao achegamento de posicións durante o proceso de negociación, así como a contribución e o compromiso para acadar este acordo do secretario xeral da Lingua, Valentín García e do máximo responsable da área de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López. Tamén agradeceu a disposición do secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, para traballar en beneficio da lingua galega.

Do mesmo xeito, Pazos tivo palabras de agradecemento para Democracia Ourensana, pola súa “disposición desde o primeiro minuto” e pola súa “vontade construtiva” ao longo de todo o proceso, e confirmou o apoio da formación ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

FOLLA DE RUTA PARA A PRÓXIMA DÉCADA

O portavoz popular lamentou que o acordo non puidese ser unánime como o acadado no Plan anterior, ao non contar co apoio de todas as formacións parlamentarias. Con todo, subliñou que o resultado é “un texto fortalecido” e un acordo transversal que “recolle a sensibilidade dunha ampla maioría”.

“Afortunadamente hai un entendemento histórico de tres partes que lamentablemente non foi unánime pola negativa de quen decidiu auto excluírse, un grupo político que preferiu darlle as costas a un mandato social evidente e dicirlle non á concordia que a rúa pedía coa máxima naturalidade” indicou o deputado popular.

Pazos destacou que o documento mantén intacto o “corazón da proposta inicial” e consolida unha folla de ruta para a próxima década, con preto de 700 medidas centradas especialmente nos ámbitos nos que se considera necesario reforzar a transmisión da lingua: as novas xeracións, as persoas nacidas fóra de Galicia e aquelas que non contan con transmisión familiar do galego, así como os novos modelos de comunicación dixital e tecnolóxica.

“Dous meses despois de iniciar este camiño, podemos dicir con orgullo que fixemos posible o que Galicia nos pedía”, afirmou.

Finalmente, Alberto Pazos asegurou que Galicia contará cun Plan Xeral de Normalización Lingüística actualizado, adaptado á realidade social do país e respaldado por un amplísimo consenso político, cunha folla de ruta destinada a afrontar con garantías a transmisión da lingua ás novas xeracións.

“Temos que asegurar, como dicía Álvaro Cunqueiro, mil primaveras máis para a lingua galega”, concluíu.

O eurodeputado Adrián Vázquez e a senadora Pepa Pardo e anuncian a denuncia ante o Consello da Unión Europea polo caso Biedma

A senadora do Partido Popular por Pontevedra e voceira de Xustiza na Cámara Alta, Pepa Pardo, e o eurodeputado do Parlamento Europeo Adrián Vázquez Lázara anuncian que levarán ante o Consello da Unión Europea o denominado caso Biedma.

Adrián Vázquez avanzou que o vindeiro luns trasladarán os feitos ao ministro de Xustiza e Interior de Irlanda, país que exerce a Presidencia do Consello da Unión Europea durante o segundo semestre de 2026. “Aínda que en toda Europa xa saben quen é o señor Sánchez, imos denunciar estas barbaridades que está a dicir o señor Sánchez e o resto dos seus portavoces, ou mellor dito, secuaces socialistas contra os xuíces e a xustiza do noso país”, indicou o eurodutado popular

“Ano tras ano, a Comisión Europea do seu informe sobre o Estado de Dereito denuncia as numerosas irregularidades que está a cometer o Goberno español e os constantes ataques ao Estado de Dereito. E ano tras ano, o señor Sánchez non só non fai caso, senón que segue neste ataque frontal contra o noso sistema xudicial.”, precisou o eurodeputado.

Adrían Vázquez indicou que o que está a pasar cos xuíces en numerosas causas abertas á contorna do señor Sánchez son o claro exemplo de que é un presidente que non respecta en absoluto a separación de poderes, non respecta protexer a independencia xudicial, non respecta o labor dos xuíces españois. “Fai exactamente o contrario do que a Unión Europea nos pide corrixir”, lamentou.

«Denunciaremos ante as institucións europeas que en España temos un Goberno que sinala e insulta os xuíces», declarou o eurodeputado. A iniciativa centrarase nas presuntas manobras denunciadas pola xuíza Beatriz Biedma, instrutora da causa relacionada co irmán do presidente do Goberno, que pediu comparecer como acusación particular nunha investigación sobre actuacións supostamente dirixidas a desacreditala e apartala do procedemento.

Adrián Vázquez sostivo que «Europa suspende constantemente a España e España mira constantemente cara a outro lado» e asegurou que «nunca a Xustiza sufrira tanto como nestes oito anos de sanchismo. Recuperar o prestixio das nosas institucións vai requirir moito traballo. A herdanza recibida será un desastre», concluíu.

Pepa Pardo: “Temos un Goberno acorralado o que o leva a estar en guerra coa Xustiza”

Pola súa banda, Pepa Pardo enmarcou o caso Biedma nos últimos procedementos xudiciais que afectan a persoas vinculadas ao PSOE e á contorna de antigos e actuais dirixentes socialistas. «Os últimos casos de corrupción acurralan o Goberno e lévano a estar en guerra coa Xustiza e, en definitiva, en guerra co Estado», afirmou.

Pardo lembrou a apertura de xuízo oral contra Begoña Gómez por presuntos delitos de tráfico de influencias e malversación, así como a citación como investigadas das fillas do expresidente José Luis Rodríguez Zapatero e o requirimento xudicial para que este entregue documentación relacionada cas xoias.

«Cada auto xudicial provoca un insulto maior. Chegaron a chamar aos xuíces ‘lobos solitarios’ e hoxe coñecemos unhas presuntas manobras contra a xuíza Biedma nas que se tería intentado recorrer a persoas vinculadas ao narcotráfico para desacreditala», manifestou a senadora.

Segundo afirmou Pepa Pardo, estes feitos son «dunha gravidade extrema» e deben ser esclarecidos ata as últimas consecuencias, respectando a presunción de inocencia e a independencia dos tribunais.

“Temos un goberno en decadencia, asediado pola corrupción e que intensifica cada vez máis os seus ataques contra xuíces, fiscais e policías. Os acontecementos desta semana foron os peores. Xusto cando pensabamos que o viramos todo, vimos como o goberno, os ministros, saían en masa coma hienas, atacando os xuíces. Vímolos atacar o xuíz Peinado, a quen Patxi López mesmo chegou a comparar con Franco. Pero o peor é que vimos como Pedro Sánchez transformou o PSOE na Cosa Nostra española, un aparato do partido dedicado en corpo e alma a destruír o Estado de dereito, un aparato do partido que, segundo soubemos, contactou con clans de narcotraficantes para, e cito textualmente, «eliminar o xuíz Biedma», o xuíz que investiga o caso do irmán do presidente, a cambio de inmunidade”, lamentou a senadora popular.

«A Comisión Europea advertiu en numerosas ocasións da necesidade de protexer a independencia xudicial. As institucións europeas deben coñecer agora estes feitos e a resposta do Goberno», rematou a senadora pontevedresa.