Paula Prado defende á comunidade inmigrante que “traballa e se integra” e pide o seu apoio para Alberto Núñez Feijóo

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defende ao colectivo inmigrante “que se esforza” e que chegou a Galicia para “traballar e integrarse, como fixeron tantos galegos e galegas no seu día”, escoitando as súas necesidades e as súas inquedanzas e pedindo o seu apoio para Alberto Núñez Feijóo como único “garante” do cambio no Goberno, que tamén servirá para impulsar políticas migratorias que beneficien a toda a comunidade que chega a traballar e a integrarse ao noso país.

Así llo trasladou ás persoas que participaron hoxe nunha charla coloquio sobre políticas migratorias celebrada no bar Cuqui de Santiago de Compostela, onde tamén estivo o presidente do PP local e candidato á Alcaldía, Borja Verea. Os populares puxeron en valor a Galicia que emigrou e apostaron polo retorno e a inmigración ordenada, legal e vinculada ao emprego

Prado explicou as políticas migratorias que inclúe o programa electoral da rexeneración nacional do Partido Popular. Neste sentido, lembrou que Feijóo centralizará nun mando único a xestión da inmigración, que agora mesmo está espallada entre sete ministerios de xeito “totalmente caótico”.

Entre outras medidas do programa electoral do PP, destaca a axilización da homologación de títulos estranxeiros, permitindo avances nos trámites para aqueles que chegan a traballar en sectores económicos de alta demanda. Outra das medidas de Feijóo son os cupos anuais de inmigración laboral, apostando por fixar cuotas anuais para axustarse aos sectores de maior demanda, ao desemprego, ás vacantes laborais ou aos servizos públicos, entre outras cuestións.

Ademais, os populares lembraron que a integración e a participación no mercado laboral son “claves” na política migratoria do Partido Popular.

SOLIDARIEDADE COS AFECTADOS POLOS PIQUETES

Por outra banda, a secretaria xeral do PPdeG aproveitou para reiterar a solidariedade e o compromiso con traballadores inmigrantes que residen en Santiago de Compostela e que, hai unhas semanas, sufriron nos seus negocios as consecuencias dos actos violentos dos piquetes da folga xeral, lembrando que foi unha mobilización sustentada pola esquerda e en contra da oposición, algo “insólito” neste país.

Así, os populares reiteraron o seu rexeitamento a calquera acto vandálico, reivindicando Galicia como unha terra de “tranquilidade” e “seguridade” fronte aos que “só saben dividir e enfrontar”.

Rueda chama a votar de forma maioritaria ao Partido Popular para certificar nas urnas que chegou o “fin de ciclo” para o sanchismo

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, chamou os galegos e as galegas a depositar a papeleta do Partido Popular nas urnas o vindeiro 29 de novembro, e certificar, así, que o sanchismo chegou ao seu “fin de ciclo”, como xa se comprobou no debate entre Alberto Núñez Feijóo e Pedro Sánchez. Ao mesmo tempo, o líder dos populares galegos animou á veciñanza a demostrar por que Galicia é a terra do “sentidiño” e confiou en tantas ocasións, cando as eleccións eran autonómicas, na candidatura liderada por Feijóo.

Así o manifestou durante a súa intervención na tradicional cea de Nadal do PP de Sanxenxo, celebrada no Pavillón Nantes, na que tamén interviñeron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e a número dous ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Pepa Pardo, exercendo como anfitrión o alcalde Telmo Martín. Ao encontro tamén asistiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Julio García Comesaña.

O presidente do PPdeG non ocultou, como vén facendo desde o pasado venres, a satisfacción que provocou que “toda España” vise no cara a cara que emitiron todas as televisións a un “presidente”, Feijóo, deixar en evidencia que Sánchez xa non é capaz de defenderse nin de ofrecer propostas. Porén, lembrou que non hai nada “feito” ata o próximo 29N, día no que se decida se chega o cambio da man do candidato do Partido Popular. Por iso, insistiu, na importancia de acudir a votar e elixir a única opción que pode acabar co sanchismo: a do Partido Popular.

Baixo esta premisa, e despois de insistir en que o 29N ofrece tan só dous camiños -ou seguir igual ou recuperar a xestión e a limpeza grazas a Feijóo-, Rueda incidiu na importancia de concentrar o voto no PP, o único “útil”, cando hai tanto en xogo para o futuro de Galicia e de toda España.

O líder dos populares galegos apela ao cambio necesario tras a falta de xestión destes últimos oito anos, nos que tivemos que afrontar máis de 100 subidas de impostos -en Galicia baixáronse- e máis débeda que nunca -en Galicia freouse-, “houbo máis diñeiro ca nunca, tamén cos fondos europeos, e a xente vive peor”, lamentou Rueda.

LUIS LÓPEZ: “É IMPORTANTE A UNIDADE DE CARA Á CITA ELECTORAL”

Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, apelou ao voto útil en Sanxenxo para acadar un cambio no Goberno central. Durante a súa intervención, o dirixente provincial fixo un chamamento á unidade e á mobilización do electorado de cara á cita coas urnas do vindeiro 29 de novembro.
López destacou o ambiente de cohesión e compromiso da agrupación local, asegurando que o encontro de Sanxenxo é sempre un exemplo da forza do partido na provincia. O líder dos populares pontevedreses situou os próximos comicios como unha oportunidade para iniciar unha nova etapa política en España que deixe atrás os últimos oito anos de goberno socialista e permita abrir un tempo de “esperanza e optimismo”.
Luis López centrou boa parte das súas críticas na situación económica e social do país, sinalando que o día a día dos cidadáns reflicte o impacto das políticas do Executivo de Pedro Sánchez. Fronte a este escenario, López reivindicou un modelo político centrado na protección das familias e no apoio aos traballadores, aos maiores e á mocidade. Segundo indicou, o obxectivo da súa formación é garantir a revalorización das pensións, aliviar a carga fiscal e ofrecer estabilidade para que os mozos poidan desenvolver o seu proxecto de vida con garantías de futuro.

Rueda pide “non confiarse” na última semana da campaña e demostrar por que Lugo foi en 2023 a provincia que máis apoiou a Feijóo

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, apelou a “non confiarse” cando queda unha semana para que remate a campaña electoral do 29N, porque a única maneira de lograr o “cambio necesario” para España nas urnas é “votar con forza”. Máis aínda, lembrou que Lugo foi na anterior convocatoria das Eleccións Xerais, en 2023, a provincia que brindou máis votos o Partido Popular en toda España, polo que lanzou o reto de superar ese resultado o vindeiro día 29 de novembro.

Rueda pechou así o mitin celebrado en Monforte de Lemos, no que tamén participou o cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Conde, e no que exerceu de anfitrioa a portavoz local, Katy Varela.

O presidente do PPdeG lembrou como o cara a cara do pasado xoves entre Alberto Núñez Feijóo e Pedro Sánchez ratificou que o candidato popular é o presidente que necesita España, despois de colocar ao candidato socialista ante o seu espello e darlle unha “lección”. Así mesmo, criticou que Sánchez pedira perdón “coa boca pequena” e cando xa é tarde para as vítimas dos accidentes ferroviarios de Adamuz e Urda; para a veciñanza de Ceuta, que segue pagando os efectos da invasión desde Marrocos, e para todos os españois e españolas que tiveron que sufrir o seu Goberno durante os últimos oito anos.

Ademais da súa mala xestión -incidiu-, Sánchez preséntase ás urnas coa bagaxe daqueles dos que se rodeou neste tempo: Ábalos, Koldo, Leire Díez. Nomes que contrastan co equipo que lidera Alberto Núñez Feijóo, a quen tanto o propio líder do PPdeG como Francisco Conde coñecen á perfección despois de tantos anos xuntos no Goberno galego. Dese coñecemento nace a convicción de que non haberá un “mellor” Presidente para España.

Para que isto suceda, lembrou que a única fórmula é a de “votar, votar e votar”, elixindo a papeleta do PP, porque ningunha outra garante que os galegos e galegas aproveiten a oportunidade que ofrecen estas eleccións: deixar atrás o “sen sentido” de Sánchez e dar a benvida ao “sentidiño” de Feijóo.

FRANCISCO CONDE: “FEIJÓO É O PRESIDENTE QUE NECESITA ESPAÑA”

Pola súa banda, o cabeza de lista do Partido Popular ao Congreso pola provincia reivindicou a xestión e o traballo dos representantes populares fronte á política de Sánchez e defendeu a Alberto Núñez Feijóo como “o presidente que necesita España”. Así mesmo, contrapuxo dous modelos políticos: “A política como un servizo ao noso país fronte a quen entende o poder como un fin en si mesmo”.

De cara ás eleccións do 29 de novembro, chamou á mobilización para repetir e mellorar o resultado de 2023, no que o PP conseguiu tres dos catro deputados da provincia. O candidato subliñou que está en xogo o futuro das familias, dos autónomos e do medio rural, e defendeu as propostas populares en materia de vivenda, impostos, emprego, sanidade, educación e infraestruturas.

Tamén reclamou mellores comunicacións para a Ribeira Sacra e apelou a concentrar os esforzos no “cambio necesario”, co fin de impulsar esta comarca e os proxectos que o Goberno “soterrou nun caixón”, a pesares de seren elementos vertebradores do territorio. A este respecto, citou as autovías A-76 (Ponferrada-Monforte-Ourense) e a A-56 (Lugo-Ourense), o mantemento doutros dos viais moi empregados como é a N-120 e o impulso definitivo para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial da Humanidade.

Alfonso Rueda salienta a importancia de concentrar o voto nunha provincia como a de Lugo na súa visita a Chantada

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, salientou hoxe a importancia de concentrar o voto nunha provincia como a de Lugo, onde se poñen en xogo catro escanos, o próximo 29 de novembro, e onde, máis que en ningunha outra, cada voto conta e pode ser decisivo. Desde Chantada Rueda subliñou que é fundamental que todos aqueles descontentos cos últimos oito anos, con Pedro Sánchez á fronte do Goberno, escollan a papeleta do PP, porque é a única que garante que Alberto Núñez Feijóo poña fin o sanchismo e se converta no novo presidente dos españois.

Acompañado polo cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Conde, e o número un ao Senado, José Manuel Barreiro, así como doutros membros da candidatura e cargos políticos, o líder do PPdeG visitou o mercado onde tivo ocasión de coñecer as inquedanzas da veciñanza, pedindo máxima implicación e non escatimar ningún esforzo no último sprint da campaña.

Prado pide votar ao PP para acadar o cuarto escano en Pontevedra e lamenta a “política do medo” da esquerda: “Somos a única forza capaz de lograr o cambio no Goberno”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, apela votar ao PP en Pontevedra, “o único voto útil” que fará posible o desaloxo de Sánchez da Moncloa e poñer fin á “política do medo” que está promovendo a esquerda durante a campaña. Para iso, apela a concentrar o voto no proxecto popular, evitando as divisións e, así, conseguir o cuarto escano na provincia. “Somos a única forza capaz de lograr o cambio no Goberno, necesario despois de oito anos de corrupción e indecencia”, lembrou. Neste punto, tamén criticou aos “cómplices” do sanchismo, o independentismo galego, asegurando que “votar polo BNG este 29N, é o mesmo que votar polo PSOE”.

“Queremos acabar coa crispación e coa violencia, seguiremos traballando polo futuro que merece España”, manifestou Prado, avisando da “política do medo” que promove o PSOE e defendendo que a xente “pode confiar no PP, que ten proxectos, e propostas de futuro”. Así o manifestou a número dous dos populares galegos nun paseo por Pontevedra, xunto á numero dous ao Congreso pola provincia, Pepa Pardo, e o presidente do PP local e candidato á Alcaldía, Rafa Domínguez, así como outros membros da candidatura e cargos do partido. Durante a visita, aclarou as dúbidas da veciñanza sobre o voto útil e tamén escoitou as inquedanzas dos veciños e veciñas da vila, afirmando que o Partido Popular seguirá facendo unha campaña en positivo.

A secretaria xeral apelou á “forza” de cada voto en Pontevedra. En 2023, o PP e o PSOE empataron con tres escanos, aínda que o PP sacases máis de 46.000 votos máis que os socialistas. “Isto non pode volver a ocorrer. Estamos fortes e imos a polo cuarto en Pontevedra”, subliñou. Lembrou a importancia de elixir a candidatura encabezada por Julio García Comesaña no Congreso, e marcar aos tres candidatos do PP no caso do Senado: Nidia Arévalo, José Crespo e Mónica Domínguez.

Neste sentido remarcou que Pontevedra conta, “e moito, será o motor do cambio para que os escanos desta provincia axuden a Alberto Núñez Feijóo a acadar a Presidencia do Goberno de España”. Pediu, así, a confianza dos pontevedreses e pontevedresas nas urnas o próximo 29N.

Ademais, Paula Prado aproveitou para poñer en valor a vitoria de Alberto Núñez Feijóo no cara a cara con Sánchez. “A vitoria do noso candidato foi a máis contundente e clara que se ten producido nunca nun debate electoral. Nunca un candidato á presidencia do Goberno someteu así ao seu rival”, sinalou, insistindo en que a decencia gañou no debate, pero ten que gañar “tamén nas urnas”.

Para Prado, os españois elixen o próximo 29 de novembro entre dous modelos: “O da mentira, a neglixencia e a incompetencia de Sánchez ou o da verdade, a xestión e a honradez de Feijóo”.

Rueda asegura que só Alberto Núñez Feijóo fará posible un Goberno en Madrid que “defenda” o sector marítimo galego

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou que só Alberto Núñez Feijóo, desde o seu coñecemento tanto das particularidades do sector do mar en Galicia, como do seu papel fundamental na economía, fará posible que, despois de oito anos, haxa en Madrid un Goberno que “defenda” o sector marítimo da nosa Comunidade, a partir dunha “verdadeira política de Estado” na materia.

Así o dixo durante unha xornada sectorial de pesca, celebrada en Santiago de Compostela coincidindo co Día Mundial da Pesca, na que tamén participaron a número tres da candidatura ao Congreso pola provincia de Ourense, Rosa Quintana, e a responsable de Mar do Goberno galego, Marta Villaverde. O encontro, ao que asistiron uns 200 representantes do sector do mar de Galicia.

Rueda sinalou que o mar tivo pasado e ten presente, pero para garantir que teña ademais “futuro” é necesario apostar polo modelo do Partido Popular, o único que pode rematar coa “parálise” que causou o Executivo de Pedro Sánchez, que deixou desatendido e desprotexido un sector que, na nosa Comunidade, xera 50.000 empregos directos -o 50% do total de España e o 10% da UE-. E o único, tamén, que pode dar resposta aos novos desafíos, como o novo marco financeiro europeo, as enerxías renovables, a renovación da frota ou a competencia internacional. E por iso, afirmou que “necesitamos un Goberno forte en España que poida facer forza en Europa”.

Nesta liña, subliñou a importancia de dispoñer dun fondo europeo específico e suficiente ou dunha nova Lei estatal do litoral que, seguindo o modelo galego, garanta a protección da costa e a compatibilice coa actividade económica e tradicional. Fronte a un Sánchez sen Orzamentos -o que deixaba as partidas da pesca desfasadas- e que non o defendía con forza en Europa, Rueda afirmou que o sector precisa dun Goberno que o escoite e que lle dea solucións, como fará Feijóo.

Ademais, o presidente do PPdeG avanzou que no Goberno galego serán igualmente “esixentes” para que desde Madrid se garanta que a nosa Comunidade siga sendo a maior potencia pesqueira de Europa e que se atendan as necesidades do sector.

QUINTANA: “O FUTURO NON SE PODE DECIDIR CON PREXUÍZOS”

Pola súa banda, Rosa Quintana reafirmou o compromiso estratéxico do PP con toda a cadea de valor. Durante a súa intervención, reivindicou a necesidade de gobernar desde a escoita e a anticipación, rexeitando as políticas que buscan a desaparición da frota industrial. “Non podemos permitir que se decida o futuro do sector con prexuízos nin con ocorrencias de quen descoñece a súa realidade”, subliñou a candidata, incidindo en que a sustentabilidade ambiental debe avanzar sempre unida á sustentabilidade económica e social das familias.

Para garantir a competitividade da actividade, Quintana debullou propostas concretas como un fondo europeo específico e un Plan de Renovación da Frota para substituír buques envellecidos “sen que modernizar signifique perder capacidade pesqueira”.

Así mesmo, apostou por implantar cláusulas espello para as importacións, incentivar a remuda xeracional con embarques remunerados e aplicar exencións no IRPF de ata 60.000 euros a tripulantes en augas estranxeiras. Na súa defensa integral do marisqueo, a acuicultura e a industria conserveira, urxiu a reducir o IVE do peixe e fomentar o seu consumo en colexios e hospitais, porque “apoiar o sector é tamén conseguir que os seus produtos cheguen a máis mesas”.

VILLAVERDE: “O PP É O PARTIDO DA PESCA”

A responsable da área de Mar do Goberno galego, Marta Villaverde, reivindicou o compromiso do Partido Popular co sector marítimo-pesqueiro e defendeu a necesidade dun cambio de rumbo nas políticas do Goberno central para situar o mar no lugar que merece. “O Partido Popular é o partido da pesca. Cre no sector, escoita as súas necesidades e defende os seus intereses”, asegurou.

Neste sentido, contrapuxo a actuación da Xunta á falta de resposta do Executivo estatal e puxo como exemplo a mobilización de 23 millóns de euros para recuperar os bancos marisqueiros afectados polos temporais e apoiar as persoas mariscadoras. “Nós non nos quedamos nos anuncios. Nós poñemos recursos, traballo e solucións”, subliñou.

Durante o acto, Villaverde expuxo tamén as principais demandas de Galicia para garantir o futuro do sector e incidiu na importancia de compatibilizar a protección do medio mariño coa actividade pesqueira e de garantir o relevo xeracional. “A protección do mar e a pesca non teñen por que estar enfrontadas. Podemos coidar o noso litoral e, ao mesmo tempo, garantir o futuro de quen vive del”, afirmou. A responsable de Mar do Executivo galego concluíu cunha mensaxe clara: “Defender o mar é defender Galicia e é defender España”.
física e emocional que supón esta modalidade deportiva para elas.

Paula Prado pon en valor a “unión e o espírito de superación” do equipo feminino de piragüismo Las Libélulas, en Pontevedra

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, xunto á numero dous ao Congreso pola provincia, Pepa Pardo, coñeceu de primeira man un adestramento de Las libélulas, o equipo feminino da modalidade de piragüismo Dragon Boat.

A número dous dos populares galegos puxo en valor o esforzo e a unión, así como o espírito de “equipo e superación” deste grupo, que está formado integramente por mulleres que superaron ou están loitando contra o cancro de mama e reman semanalmente nesta zona do Club Naval de Pontevedra. As protagonistas explicáronlles a terapia física e emocional que supón esta modalidade deportiva para elas.