A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, apela a que os galegos e galegas voten o domingo polo PP “con contundencia”, para poñer fin ao PSOE e aos seus socios, coma o BNG, despois de oito anos nos que “pisotearon os dereitos das mulleres” e “branquearon” a presuntos agresores sexuais como José Tomé. Prado lamentou que, pese a que causase baixa no PSOE tralas denuncias de compañeiras de partido por presunto acoso sexual, sigan contando con el para acudir a mitins e incluso a actos relacionados co 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Neste punto, anunciou que os populares rexistran no Parlamento de Galicia unha iniciativa para condenar que Tomé participase nos actos do 25N.
Así o expresou nunha visita a Monforte, acompañada polo cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Francisco Conde, e pola portavoz do PP local, Katy Varela. En declaracións aos medios, cualificou a vila como o “quilómetro cero” do sanchismo, en alusión ao “Pacto da Vergoña” de socialistas e independentistas que manteñen a José Tomé, investigado por acoso sexual, no poder. “Xa está ben de que intenten branquear a un presunto agresor sexual”, dixo Prado, lamentando que ademais de permitir que Tomé manteña a súa acta de deputado na Deputación de Lugo e siga sendo alcalde de Monforte, agora sume un cargo máis, o de vicepresidente do Eixo Atlántico. “Todo coa complicidade do PSOE e do BNG, que miran cara outro lado”, engadiu.
Para Prado, a baixa de Tomé no partido foi “ficticia”, xa que asiste á pegada de carteis e aos mitins do PSOE “de ganchete”, pero de maior gravidade é a súa participación nunha mesa na que se ía asinar un manifesto polo 25N e a súa asistencia aos actos do propio 25N.
“Pedimos as mulleres de Galicia e de España que non voten ao PSOE e ao BNG, porque seguir votando ao sanchismo é seguir votando pola vulneración dos dereitos das mulleres”, sinalou, sinalando como a “alternativa” o PP de Alberto Núñez Feijóo. Neste sentido, instou a encher as urnas este domingo de votos para o PP, para poñer fin “á violencia contra as mulleres e á violencia nas rúas”. Neste punto, afeou ao BNG que participase nunha manifestación do 25N en Ourense na que se gritaba a consigna de “queimar ao PP”. “Galicia non é iso, Galicia non é violencia”, remarcou Prado.
Por outra banda, criticou que o PSOE conte con José Tomé nas súas carpas, instalacións que si se permiten, mentres ao PP se lle impediu colocar as súas mesas informativas. “Queren calar ao PP e á nosa portavoz”, concluíu Prado.

