O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, cualifica de “sorprendente e indignante que o Goberno central poña todo tipo de trabas ás medidas que impulsa a Xunta en beneficio do sector eólico e dos dependentes galegos, cando ao mesmo tempo abre as dúas mans aos gobernos catalán e vasco para cederlles competencias e cartos para a súa supervivencia”.
Alberto Pazos amosou o seu respecto absoluto sobre as decisións dos tribunais, neste caso a admisión a trámite polo Tribunal Constitucional do recurso presentado polo Goberno central contra a repotenciación do sector eólico galego e o recoñecemento da dependencia e a discapacidade de xeito automático, pero advertiu que “os principais prexudicados van ser todos os galegos, que sofren nas súas propias carnes os desprezos do Goberno de Pedro Sánchez”.
“En primeiro lugar, as persoas con discapacidade veranse privadas de conseguir de xeito automático o recoñecemento da dependencia, o que os obrigará a someterse a unha nova valoración e retrasará considerablemente este recoñecemento para poder acceder a todos os servizos e apoios económicos que precisan”, explicou.
AFÁN RECADATORIO
Ademais, considerou “preocupante que detrás desta decisión de presentar o recurso por parte do Goberno de Pedro Sánchez está o seu insaciable afán recadatorio, xa que os máis de 12.500 galegos que obtiveron de xeito automático o recoñecemento da discapacidade aforráronse máis de 114 millóns de euros, a mesma cifra que deixou de ingresar a Administración estatal”. “Iso é, de verdade, o que lle doe a Pedro Sánchez, porque lle resta recursos para atender as esixencias que lle chegan desde Cataluña”, matizou.
O portavoz popular afirmou que “do que realmente debería preocuparse o Goberno central é de cumprir a Lei e aportar o 50 por cento que lle corresponde pola prestación da dependencia, algo que leva moitos anos incumprindo e que día a día suma máis euros á débeda do Estado con Galicia, achegándose na actualidade aos 3.000 millóns de euros”.
PREOCUPANTE SITUACIÓN DO EÓLICO GALEGO
Respecto do recurso sobre o proxecto de repotenciación do sector eólico, Pazos lembrou que se trata dun sector “que está a vivir unha preocupante situación en Galicia pola interpretación xurídica que se está a facer desde unha sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao que agora súmase este novo recurso do Goberno central, aceptado polo Tribunal Constitucional”
Neste sentido, lembrou que o obxectivo desta medida impulsada pola Xunta é “reducir o número de muíños que contaminan a nosa paisaxe e conseguir que os promotores dos parques eólicos vendan a electricidade a prezos máis baratos”, ante o que lamentou que “o que se consigue con este recurso é paralizar un proxecto que suporía a retirada de máis de 2.000 muíños en toda Galicia, reducindo o seu impacto visual actual, ao tempo que se verá reducida a xeración de enerxía eléctrica de orixe renovable”.
Alberto Pazos considerou este recurso do Goberno de Pedro Sánchez como “un paso máis na súa obsesión porque Galicia non avance nin os galegos gocen de servizos de primeiro nivel, unha decisión que a estamos a ver, e que a estamos a sufrir, noutros ámbitos como a transferencia da AP-9, a negativa a facilitar enganche eléctrico para o proxecto de Altri ou o desprezo a Galicia na proposta de financiamento autonómico acordado cos independentistas cataláns, que son realmente quen lle importan a Pedro Sánchez para manterse no poder e seguir, día tras día, atacando a Galicia e aos galegos”.