O GRUPO POPULAR LEVA A PLENO A PRIMEIRA PROPOSICIÓN NON DE LEI DE INICIATIVA POPULAR, QUE SOLICITA A REBAIXA DO IVE AOS CUEIROS DOS NENOS
· A sesión plenaria debaterá para a súa aprobación a devolución aos funcionarios da paga extra de 2013, a modificación da Lei de servizos sociais e a Lei de coordinación de policías locais
Santiago, 21 de xuño de 2016.- O Grupo Popular asumiu e incorporou na orde do día do Pleno da vindeira semana o debate da primeira proposición non de lei de iniciativa popular que se debaterá nun Parlamento español, a través da que se solicita á rebaixa ao 4 por cento do IVE nos cueiros dos nenos. Ademais, o Grupo Popular demandará que os concellos de A Coruña, Lugo, Santiago, Vigo e Ourense adopten as medidas necesarias para estender a gratuidade do transporte urbano aos menores de 18 anos.
A Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento, aprobada no mes de agosto do pasado ano co único voto favorable do Grupo Popular, recolle a posibilidade de que os cidadáns poidan presentar iniciativas populares de control e de impulso ao Goberno galego. Deste xeito, a Asociación Galega de Familias Numerosas (Agafan) rexistrou no Parlamento galego a primeira proposición non de lei de iniciativa popular, “que no PP temos a honra de ser o grupo parlamentario que solicitou a súa inclusión no debate da sesión plenaria da vindeira semana”, sinalou Puy.
A través desta proposición non de lei de iniciativa popular solicítase ao Goberno central a redución do tipo impositivo de IVE dos cueiros dos nenos, pasando do 21 por cento actual ao superreducido 4 por cento como produto de primeira necesidade. Pedro Puy cualificou este debate como “moi interesante porque, máis aló da petición concreta que se fai de rebaixar o IVE a este produto hixiénico, introduce algo que axuda ás familias, especialmente a aquelas que teñen máis fillos, nun contexto no que a demografía é un dos principais problemas do país”.
“Ademais, vai en coherencia cos propios plans de acción social que ten a Xunta, entre os que inclúe favorecer que a crianza dos fillos reporte os menos custos posibles, sobre todo cando os custos teñen que ver con decisións públicas, como neste caso de carácter fiscal”, apuntou.
TRANSPORTE URBANO GRATUÍTO
O Grupo Popular tamén defenderá na sesión plenaria outra proposición non de lei a través da que se solicita aos concellos galegos que contan con transporte urbano (A Coruña, Lugo, Santiago, Vigo e Ourense) a que adopten as medidas necesarias para estender a gratuidade do transporte urbano aos menores de 18 anos.
O portavoz popular lembrou que o Goberno galego xa anunciou a gratuidade do transporte metropolitano interurbano para os menores de 18 anos, unha medida que suporá un investimento anual de dous millóns de euros e que beneficiará a arredor de 250.000 mozos. “Ten unha labor de promoción do transporte público de carácter pedagóxico e positiva para o conxunto da sociedade, polo que consideramos que esta medida debe trasladarse aos ámbitos urbanos”, sinalou.
O Pleno da vindeira semana dará comezo coa elección de diversos membros dos consellos sociais das universidades de Santiago e Vigo. A continuación, procederase ao debate para a súa aprobación do proxecto de Lei de coordinación das policías locais e da proposición de lei de modificación da Lei de servizos sociais, que chega ao debate definitivo en sesión plenaria logo de que o Grupo Popular aceptara ou transaccionara o 83 por cento das emendas presentadas polo PSOE, BNG e AGE.
COBRO DA EXTRA DE 2013
Así mesmo, procederase ao debate para a súa aprobación, polo procedemento de lectura única, do proxecto de lei polo que se aproba a recuperación dos importes deixados de percibir polos empregados públicos correspondentes á paga extra do período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013. Puy lembrou que esta iniciativa “ten a súa orixe no acordo acadado pola Xunta cos sindicatos UXT, CC.OO. e Cesif”, polo que lamentou que os grupos da oposición “se opuxeran na Xunta de Portavoces á tramitación deste texto lexislativo para dar inmediata solución a esta cuestión”.
O Grupo Popular tamén formulará dúas preguntas ao Goberno galego. A primeira delas sobre as actuacións concretas que se realizarán ao abeiro do convenio de colaboración proposto pola Consellería do Medio Rural aos concellos galegos para a participación na prevención e defensa contra os incendios forestais; e unha segunda sobre as previsións que ten a Xunta para a construción da estación intermodal de Vigo.