Santiago, 4 de decembro de 2019.- O Parlamento galego aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do Grupo Común de Esquerdas e o BNG, así como a abstención de socialistas e Grupo Mixto, a través da que se demanda do Goberno central a convocatoria de novas poxas de enerxías renovables para permitir aumentar a potencia eólica instalada en Galicia e, en consecuencia, a produción de enerxías renovables na comunidade galega.
“O Goberno de Pedro Sánchez non pode seguir en estado de inacción ante os problemas da industria electrointensiva, o peche inminente da central térmica de As Pontes e a non convocatoria en máis de un ano e medio dunha poxa de enerxía renovable”, sinalou a portavoz de Enerxía, Marta Nóvoa.
Na súa intervención no Pleno, Nóvoa salientou que Galicia é a segunda comunidade española con máis potencia e produción eléctrica procedente de fontes renovables, ao tempo que o 66 por cento da potencia eléctrica instalada en Galicia xa é renovable, moi por enriba do 38,4 por cento de media de España.
“O Goberno da Xunta fixo os seus deberes e hoxe Galicia xa cumpre o obxectivo do 35 por cento de consumo de renovables sobre o total de enerxía fixado pola Unión Europea para 2030, unha situación que mellorará porque estanse a construír unha vintena de novos parques eólicos e a empresa Greenalia vén de terminar a construción da súa planta de biomasa en Curtis”, engadiu.
A portavoz popular manifestou que “Galicia ten unha importante oportunidade na aposta polas enerxías renovables e, moi especialmente, pola enerxía eólica”. Neste sentido, salientou a posta en marcha hai dous anos da Lei de implantación empresarial, “unha oportunidade para avanzar no desenvolvemento de proxectos vinculados coas enerxías renovables e, de xeito particular, coa eólica”.
QUE O GOBERNO SOCIALISTA ASUMA A SÚA RESPONSABILIDADE
“Agardamos agora que o Goberno socialista de Pedro Sánchez asuma a súa responsabilidade e non se poña de perfil, pois cómpre lembrar que as competencias no sistema enerxético e de renovables son estatais”, sinalou Marta Nóvoa, quen subliñou que “a mellor maneira de impulsar as enerxías renovables en Galicia, e no conxunto de España, é desenvolvendo novas poxas, tal e como lle ten solicitado a Xunta e como lle está reclamando o propio sector”.
Nóvoa concretou que “o modelo enerxético do Partido Popular pasa por potenciar unha enerxía eficiente economicamente, que non prexudique o peto da cidadanía e proporcione seguridade de subministro, para o que son claves as centrais térmicas e tamén a industria electrointensiva ao facilitar a súa desconexión do sistema eléctrico”.
“Nós avogamos por unha transición enerxética xusta e ordenada, que non deixe sen saída aos centos de galegos e galegas cuxos empregos están en perigo polo peche anticipado das centrais térmicas sen ter artellado novas alternativas, e non nos conformamos con limosnas de 7 millóns de euros para todas as comarcas nas que se pechan centrais”, sinalou.