Santiago, 22 de outubro de 2019.- A portavoz de Turismo do Grupo Popular, Cristina Romero, afirmou hoxe que a nova lei que regula o aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, que continuará a súa tramitación no Parlamento galego logo de superar o seu debate de totalidade, suporá “novas garantías para o sector, para os espazos termais, para impulsar novas pozas termais e para os usuarios”.
Cristina Romero manifestou que “a abundancia e a suficiencia dos recursos termais galegos e a súa posta en valor ao longo dos últimos anos, así como o incremento de usuarios destes establecementos, que confían na súa legalidade e na existencia de garantías hixiénico-sanitarias, fan preciso un instrumento lexislativo que integre unha regulación completa dun sector tan diversificado e singular como é o dos establecementos de aproveitamento lúdico das augas termais”.
“Por primeira vez se establecerá unha fronteira clara entre as augas termais destinadas a fins terapéuticos e preventivos, reguladas pola Lei de balnearios do ano 1995; e as destinadas a fins lúdicos, que estarán reguladas por esta nova lei”, concretou.
OBXECTIVOS FUNDAMENTAIS
A portavoz popular sinalou que esta nova lei “parte con catro obxectivos fundamentais: velar pola salubridade e hixiene destes aproveitamentos termais; evitar que se degrade a súa calidade ou se reduza o caudal, garantindo a súa sustentabilidade; protexer a integridade patrimonial do entorno; e dinamizar a actividade económica e social das zonas onde xorden”.
Con estes obxectivos, regúlanse cuestións como o procedemento administrativo para outorgar as correspondentes concesións ou autorizacións; os dereitos e obrigas dos titulares de aproveitamentos, cun réxime de inspección e sanción; e establece un procedemento simplificado para a regularización dos aproveitamentos lúdicos preexistentes, para o que se concede un prazo dun ano desde a aprobación definitiva deste texto lexislativo.
SÓ A OPOSICIÓN EN CONTRA
Cristina Romero explicou que “na elaboración desta nova lei seguíronse tres trámites distintos encamiñados á participación pública: consulta pública previa, realizáronse trámites de audiencia aos interesados e o trámite de información pública”. Ademais, salientou que este texto lexislativo “non tivo ningún voto en contra dos sectores implicados”, logo de proceder á consulta da Administración pública, a Cámara Mineira, o Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia, os sindicatos e as organizacións medioambientais.
“Os únicos votos en contra cos que vai contar esta nova normativa van a ser os dos grupos da oposición deste Parlamento, unha oposición allea e distante coa realidade social de Galicia, que non pensa en Galicia e cuxo obxectivo non é Galicia, senón sumar un puñado de votos máis que o PPdeG que lles permita formar un cuadripartito”, manifestou