Santiago, 28 de outubro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, lamentou hoxe que o Goberno central socialista “se está quedando só” porque se contradí internamente e non coincide con ningún dos actores que comparten a demanda para que a central térmica de As Pontes teña tempo para adaptarse a unha transición enerxética necesaria. Ademais, lembrou que Pedro Sánchez “dixo literalmente noutro mitin celebrado no mes de marzo en A Coruña que tiñan aprobado un estatuto para o consumidor electrointensivo para garantir o futuro deste sector industrial en Galicia e España, pero a día de hoxe recoñecen que aínda falta o visto bo da Comunidade Europea a esta iniciativa, introducindo moitas dúbidas sobre o que está a facer este goberno.”
Pedro Puy informou que un grupo de deputados do Grupo Popular, encabezados polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participaron esta fin de semana en Alacante nunha interparlamentaria do Partido Popular, “moi positiva para poñer en común aspectos sobre a situación económica e os síntomas claros de desaceleración que comezamos a sufrir, así como o apoio ao mantemento da orde constitucional diante do que está a acontecer en Cataluña”.
Coincidindo coa celebración desta interparlamentaria, Puy lembrou que tivo lugar a sinatura dun acordo pola autodeterminación, coa presenza do BNG, no que se apoia aos independentistas cataláns”. Neste sentido, salientou que “algúns estamos coa orde constitucional e outros están defendendo a autodeterminación á marxe do que establece a Constitución” e chamou a atención sobre “a posición do PSOE, que critica pactos que non existen en Galicia con forzas da ultradereita, pero non é capaz de ver que está cogobernando en moitos lugares con quen defende e asina documentos cos independentistas cataláns e outras formacións que non so exemplo de democracia”.
FUTURO DA CENTRAL TÉRMICA DE AS PONTES
O portavoz popular referiuse ao acto electoral protagonizado onte por Pedro Sánchez en A Coruña e criticou que “nunca visitara Galicia como Presidente do Goberno”. “Vimos que nese acto comprometeuse co futuro da central térmica de As Pontes dando solucións para un proxecto de futuro, ao mesmo tempo que a súa ministra de Transición Enerxética nunha entrevista radiofónica dicía que habería que aproveitar o investimento que esta empresa acometeu nestes últimos anos para que siga activa, pero tal e como hoxe a coñecemos ten un percorrido relativamente curto”.
O Goberno socialista “está dicindo cousas que non parecen as mesas e non está a coincidir con ningún dos demais actores que están a participar nesta demanda para que a empresa teña tempo para adaptarse a unha transición enerxética necesaria”, sinalou Puy, quen concretou que “o mantemento dos postos de traballo e da actividade da empresa dependen de máis medidas, como fiscais ou facer que a central térmica poida acollerse aos fondos europeos que benefician as comarcas prexudicadas pola transición enerxética”.
Pedro Puy manifestou que o Goberno socialista “ten que centrarse en que se faga unha transición enerxética razoable, na liña do que marca a Unión Europea, para o que conta coa colaboración tanto da Xunta, como do Concello e os propios traballadores”. “Se trata de aproveitar o investimento que fixo esta empresa para darlle máis tempo a adaptarse á transición ecolóxica de maneira que se poidan garantir os postos de traballo”, engadiu.
MOITAS DÚBIDAS COAS ELECTROINTENSIVAS
Respecto da situación de Alcoa, Pedro Puy lembrou que “Pedro Sánchez dixo literalmente o pasado mes de marzo, noutro acto electoral celebrado en A Coruña no mesmo lugar que o de onte, que tiñan aprobado un estatuto de consumidor electrointensivo que vai garantir o futuro da industria en Galicia e en A Coruña, pero onte mesmo a ministra dixo dixo que falta para acabar o proceso de elaboración deste estatuto o visto bo da comunidade europea”.
“Novamente estas declaracións introducen moitas dúbidas sobre o que está a facer este Goberno”, lamentou Puy, quen subliñou que hoxe mesmo o Comité de Empresa de Alcoa acolleu como “un paso positivo a concesión de novas axudas polas compensacións de CO2, pero deixan claro que o problema fundamental para Alcoa é o prezo da enerxía”.
Pedro Puy afirmou que “esta empresa é competitiva se o prezo da luz é o mesmo que o dos seus competidores a nivel europeo” e salientou que “a Xunta ten feito un documento no que lle da ao goberno central ideas en forma dun borrador para trasladar a ese estatuto de empresas electrointensivas, que a día de hoxe aínda non coñecemos”. En concreto, explicou que este documento propón medidas de carácter fiscal; a redución de cargas e peaxes recollidos nas tarifas de acceso; o fomento dos contratos bilaterais de enerxía eléctrica; e a necesidade irrenunciable da incorporación da categoría do consumidor hiper–electrointensivo.