Santiago, 11 de setembro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou unha iniciativa do Grupo Popular na que lle reclama ao Goberno Central medidas para manter a actividade na central térmica das Pontes.
Entre as propostas que se elevan ao Executivo estatal atópanse a supresión do céntimo verde para o carbón, a adopción dun mecanismo de compensación de pagos por capacidade pola dispoñibilidade para cubrir a demanda en horas punta do sistema eléctrico, ou o establecemento dunha exención das medidas fiscais ás centrais térmicas de carbón de importación que estean en proceso de adaptación á Directiva de Emisións Industriais, entre outras.
O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, lembrou que a factoría actualmente da emprego a 750 persoas, entre traballadores directos, transportistas e empresas auxiliares, e constitúe o gran motor económico da comarca do Eume. Nese sentido, subliñou que “o que faría calquera Goberno que dedique polo menos unha parte do seu tempo é intentar mellorar o seu país e a vida dos cidadáns”. En cambio, lamentou que “en España temos un Goberno que leva 15 meses traballando para preservar unicamente o emprego dun español: o de Pedro Sánchez”.
Sobre isto, Tellado insistiu que o presidente do Goberno en funcións “non só se ten distinguido por non ter afrontado e solucionado ningún problema de calado, senón que ten o dubidoso mérito de ter introducido dúbidas e incertezas en sectores que funcionaban”. Así, ilustrou o seu argumento coa situación actual do naval, co retraso inxustificado no proxecto das fragatas F-110; da automoción, co dieselazo e a crise provocada nas ventas de vehículos; ou da propia central da Pontes, cuxa vida útil se podía ter alongado ata 2045.
ADAPTACIÓN Á DIRECTIVA EUROPEA
De igual modo, incidiu en que desde marzo de 2018 a instalación está inmersa na adaptación á Directiva de Emisións Industriais da Unión Europea, comprometendo un investimento de 217 millóns de euros, para garantir unha alta eficiencia ambiental e cumprir máis aló dos requisitos desta norma comunitaria.
Malia isto, Tellado lembrou que “as políticas socialistas levaron á paralización case total da actividade industrial nas Pontes durante catro meses”. Así, ofreceu os datos que revelan que en 2018 a central produciu 8 TWh, consumindo 4,9 millóns de toneladas de carbón. En cambio, as previsións para 2019 son de 2,6 TWh, cun consumo de apenas 1,7 millóns de toneladas.
Á luz destes datos, o viceportavoz concluíu que, ante o ataque indiscriminado do Goberno Sánchez á industria galega, “propoñemos unha iniciativa seria, rigorosa, viable e consensuada cos traballadores das Pontes”. “Hoxe teñen vostedes a oportunidade de posicionarse a favor dos traballadores do futuro dun concello e dunha comarca enteira”, pechou.