O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pide o voto para o Partido Popular e Alberto Núñez Feijóo, “a única persoa capaz de emprender a reconstrución nacional”, como “ben saben” os galegos e galegas. Para Rueda, hoxe comeza a conta atrás para “o cambio necesario”, tras oito anos de desgoberno do sanchismo e os seus socios -como o BNG-, polo que anima a que Galicia sexa “o motor de cambio”, “enchendo as urnas de futuro para España” o próximo 29 de novembro nas Eleccións Xerais.
Así o manifestou o líder do PPdeG no tradicional acto de inicio de campaña electoral, que se celebrou no hotel Eurostars San Lázaro de Santiago de Compostela, xunto ao secretario xeral do PP nacional e cabeza de lista ao Congreso pola provincia da Coruña, Miguel Tellado. No acto tamén participaron o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e o presidente do PP de Santiago e candidato á Alcaldía, Borja Verea. Tamén asistiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e outros cargos e representantes do partido.
O presidente do PPdeG pediu aos seus unha “marcha máis” nestas dúas semanas de traballo intenso e ilusionante de campaña, co obxectivo de “non confiarse”, xa que cada voto conta e as eleccións “só se gañan nas urnas”. Para Rueda, é fundamental o cambio da man de Alberto Núñez Feijóo, xa que “España merece algo mellor”, e chama aos galegos e galegas a “non fallar”, para que a vitoria do líder nacional do PP sexa con maioría sólida e ampla.
De Alberto Núñez Feijóo valora a súa experiencia, o seu compromiso inquebrantable co país e o proxecto de reconstrución nacional para todos os españois. “Vainos o futuro nisto”, sinalou Rueda.
O presidente dos populares galegos reivindica que España “non merece” un Goberno coma o de Sánchez e os seus socios, lembrando os casos de Koldo e Ábalos, a falta de orzamentos xerais, a desprotección e abandono das fronteiras en Ceuta ou o feito de que este Goberno central se blinda os pluses a directivos de Adif mentres o sistema ferroviario “fai augas” en todo o país.
“España merece algo mellor. Un Goberno de reconstrución, de esperanza. Un Goberno con Alberto Núñez Feijóo como presidente”, concluíu Rueda. Na mesma liña interveu Miguel Tellado, quen tamén pediu o voto para Alberto Núñez Feijóo e agradeceu a acollida e o apoio que sempre ten en Galicia.
DIEGO CALVO: “É O MOMENTO DE ESTAR NA RÚA”
Pola súa banda, o presidente do PP da provincia da Coruña, Diego Calvo, cualificou como “decisivas” as xornadas de campaña, polo que aspira que os populares “percorramos toda a provincia, para estar en cada concello, en cada comarca e para chegar a todos os galegos e galegas”. Para Calvo, é o momento de estar na rúa e trasladar a mensaxe do Partido Popular, cunha campaña que, sinala, “debemos afrontar coa máxima ilusión, responsabilidade e intensidade”.
“O noso obxectivo é claro: conseguir que Alberto Núñez Feijóo sexa o próximo presidente do Goberno de España. Queremos que a súa voz, o seu proxecto e as súas propostas estean presentes en toda a provincia da Coruña”, sinalou, polo que pide aos cidadáns que confíen no proxecto popular. “Cada voto conta, cada apoio importa e cada conversa pode ser decisiva”, engadiu.
Calvo aspira a que a provincia da Coruña “estea á altura”, e pide a todos os galegos e galegas que dean a súa confianza a Alberto Núñez Feijóo para “abrir unha nova etapa política en España”, onde A Coruña “ten moito que dicir nese futuro”.
BORJA VEREA: “SANTIAGO VAI SER A PUNTA DE LANZA DA VITORIA DE ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO
Por último, o presidente do PP de Santiago e candidato á Alcaldía, Borja Verea, agradeceu a elección da capital de Galicia para un momento tan importante como o inicio da campaña electoral en Galicia. Para Verea, é “un acerto, porque Santiago vai ser a punta de lanza da vitoria de Alberto Núñez Feijóo”.
Verea definiu a Feijóo como “o mellor candidato”, destacando, entre outros valores, a honestidade, a solvencia, e o rigor. “Temos un candidato que sabe gañar, temos as mellores ideas e representamos o cambio necesario”, apuntou.
O portavoz do PP local tamén se dirixiu a todos os santiagueses e santiaguesas, lembrando que despois das Eleccións Xerais chegará o reto das municipais, onde se elixirá ao próximo alcalde de Santiago. “Non vai haber ningún presidente do Goberno que se preocupe e vaia apoiar máis a Santiago que Alberto Nuñez Feijóo”, concluíu.