Santiago, 12 de febreiro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, alertou hoxe no Parlamento do “erro que cometeron e cometen algunhas esquerdas ao aventar a pantasma da estrema dereita para mobilizar aos seus e darlle pulos a quen quere desprazar ata a súa extinción aos grandes partidos liberal conservadores e demócrata cristiáns que construíron coa socialdemocracia a Europa en paz, democrática e integrada da post guerra”.
Puy lembrou na súa intervención que “este foi o erro que cometeu Mitterrand en Francia, ao reformar unha lei electoral para darlle entrada na Asamblea Nacional a Le Pen; ou o erro que cometeu Susana Díaz en Andalucía, mencionando catro veces a Vox nun debate electoral no que non estaba presente”. “Non incorran vostedes nese erro, porque perderán votos e só sairá ganando a dereita radical”, indicou dirixíndose aos grupos da oposición no Parlamento galego.
No debate dunha moción de En Marea para que os grupos parlamentarios rexeiten pactos con formacións políticas que fomenten a confrontación social e o odio, o portavoz popular considerou “paradóxica” esta proposta “vindo dun grupo cuxo fundador e referente moral ten dito do PP nesta mesma tribuna que ‘é unha brigada de demolición, de limpeza étnica, de ecocidio e de etnocidio’ ou que ‘utilizan as maiorías absolutas como o partido único dos nazis’”.
Ademais, criticou que En Marea presente esta moción cando “hai ben pouco, no Debate sobre o Estado da Autonomía do pasado mes de outubro, votou en contra dunha proposta de resolución do Grupo Popular que reiteraba o compromiso do Parlamento coa convivencia democrática dentro do marco legal, co pluralismo político e co respecto á lexítima discrepancia de todas as opcións políticas, e por iso condena todo tipo de accións ou manifestacións que conteñan violencia verbal ou física, e promovan o enfrontamento, o odio e menoscaben os dereitos das persoas…”.
CONFRONTACIÓN POPULISTA
“Que nos presente esta iniciativa quen representa a quen, nos últimos anos, ten inoculado o virus da confrontación populista na sociedade española e que agora pretenda erixirse en referencia moral sobre a decencia da política de pactos entre forzas políticas, por moito que sexan pactos hipotéticos con forzas que non están representadas neste Parlamento”, apuntou.
Pedro Puy manifestou que “é difícil atopar na longa historia deste Parlamento un texto con tantas e tan excelsas falacias como a que hoxe somete a consideración En Marea”. Deste xeito, sinalou que a primeira é “convertir a parte no todo, porque pretenden que asumamos que cada vez que un grupo asina un acordo con calquera outro partido iso implica asumir todo o que pensa e defende aquel co que se asina o acordo”.
Neste sentido, Puy salientou que “só desde a diferenza é posible pactar”, e referiuse ao feito de que no que vai de lexislatura aprobáronse da oposición 64 proposicións non de lei en Pleno e 204 en comisión, “o que non quere dicir que non manteñamos as nosas discrepancias políticas”.
Unha segunda falacia á que se referiu Pedro Puy foi “as falsas dicotomías, ao vencellar calquera pacto co apoio á Declaración de Dereitos Humanos ou ao autogoberno”. “Coa lexitimidade que me da pertencer ao partido que impulsou e asinou a adhesión de España aos pactos internacionais que defenden os dereitos humanos e ao partido que impulsou e votou a aprobación do Estatuto de Autonomía, non penso caer nas falsas dicotomías que hoxe nos presentan”, explicou.