Santiago, 11 de abril de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, para que a Xunta de Galicia estableza unha serie de medidas e accións que fortalezan o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago. A proposta inclúe tamén a elaboración dun programa de colaboracións cos centros de estudos xacobeos.
A deputada popular, María Antón Vilasánchez, salientou que o Comité Internacional de Expertos é un colaborador necesario para a proxección internacional do Camiño de Santiago.
ANIVERSARIOS
Destacou, tamén, o momento no que se presenta esta iniciativa: “Este ano, celebramos os 25 anos da Declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade e, o que vén, celebraremos os 25 anos da creación do Comité”. Do mesmo xeito, e tendo en conta que a Xunta está a iniciar a estrutura participativa e programática do Xacobeo 2021, “o Comité de Expertos poderá aportar a súa experiencia e coñecementos”.
Entre as súas funcións, figuran a da análise e investigación dos temas directamente relacionados co Camiño de Santiago; o fomento e as publicacións sobre temas xacobeos; e, tamén, a organización de xornadas, congresos, seminarios e simposios que estuden e promocionen a internacionalidade da ruta. Desde a súa creación, hai case 25 anos, este órgano desenvolveu máis de dez congresos de carácter internacional; promoveu exposicións e xornadas de estudo; e contribuíu de forma considerable á biblioteca xacobea coa transcrición latina do Códice Calixtino.
CUBRIR PRAZAS VACANTES
O reforzo do Comité suporía tamén unha oportunidade para cubrir as dúas prazas vacantes, algo que debe ser aproveitado “para seguir impulsando a súa vocación internacional e o equilibrio plurinacional”. Neste senso, María Antón avogou porque a Xunta de Galicia incorpore novos investigadores europeos que permitan seguir enraizando o Camiño de Santiago cos centros de coñecemento de Europa.
“Esta proposición non de lei pretende dar pulo ao contido no propio Plan Director do Camiño de Santiago”, incidiu María Antón.
Por outra banda, a iniciativa incorpora a elaboración dun programa de colaboración cos Centros de Estudos Xacobeos: “Estes centros son unha punta de lanza importantísima para seguir avanzando na investigación, no estudio e na difusión do Camiño de Santiago”.
APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS
Por último, a deputada popular instou ao grupo socialista a que, se de verdade quere facer algo positivo en favor do Camiño, “fale co seu grupo parlamentario en Madrid e apoien os orzamentos do Estado para 2018”.
Nas contas, tal e como indicou María Antón, figura a declaración do Xacobeo 2021 como evento de interese público xeral, grazas a cal a iniciativa privada dispón de importantes beneficios fiscais para que, ao longo destes tres anos, patrocine, emprenda e promova accións a favor do Camiño de Santiago.