Santiago, 11 de abril de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se solicita que a Xunta promova as reformas legais oportunas para que poida defender os dereitos das mulleres, sempre autorizadas por elas, e exercer a acción penal nos xuízos por delitos de discriminación derivada ou por razón da situación familiar consecuencia da maternidade.
Así mesmo, e logo dun acordo cos grupos do PSdeG e de En Marea, o Grupo Popular aceptou incorporar á iniciativa parlamentaria solicitar ao Goberno de España que proceda ao recoñecemento do mobbing maternal, así como que a Xunta garanta e asegure a defensa dos dereitos das vítimas, procurando a asistencia integral con asesoramento psicolóxico e o acompañamento nos xulgados ata a finalización do procedemento, así como o asesoramento laboral, penal e procesual das vítimas de violencia contra a muller poñendo todos os medios económicos e humanos a disposición das mulleres e as súas crianzas e axudando a paliar ata erradicar a violencia contra as mulleres.
DISPOSICIÓN A CHEGAR A ACORDOS EN IGUALDADE
A viceportavoz popular, Paula Prado, salientou “a disposición amosada polo PPdeG para incorporar medidas da oposición que complementen a nosa proposición de lei”, unha situación que lamentou “non se poda acadar con iniciativas da oposición, xa que chegan incluso a privarnos de votar puntos nos que coincidimos e que poderían saír aprobados”.
En concreto, Prado lembrou que no día de onte “non se nos permitiu votar a favor varios puntos dunha moción de En Marea sobre igualdade, conciliación e responsabilidade, cuestión que lamentamos xa que avogamos porque levar adiante medidas en materia de igualdade co maior respaldo posible do Parlamento”.
Respecto da iniciativa aprobada, Paula Prado manifestou que, “a pesar de que as mulleres levamos anos avanzando cara unha maior participación no mercado laboral, aínda quedan retos por conseguir”. En concreto, indicou que “non existe unha simetría cos homes porque estes non se teñen incorporado aos labores de coidado da familia e domésticos na mesma medida”.
Neste sentido, Prado referiuse ao número de solicitudes de redución de xornada por coidado familiar, onde o pasado ano o 90,57 por cento destes permisos laborais foron solicitados por mulleres.
“Mentres non revertamos esta situación, as nais traballadoras son un colectivo que require un especial grao de protección legal para evitar que por razón do seu embarazo, permiso de maternidade e demais dereitos derivados de elo, poidan ser obxecto de discriminación laboral, acoso ou despido”, sinalou.
INTENSIFICAR A PROTECCIÓN
Paula Prado lembrou que “tanto a baixa por maternidade como o risco durante o embarazo son situacións que afectan de modo exclusivo ás mulleres por razón do seu sexo, polo que temos a obriga de intensificar a protección do seu dereito a non discriminación e garantir a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres”.
Así mesmo, rexeitou que “as condutas empresariais podan vulnerar o dereito a non sufrir discriminación por razón de sexo e que se produza prexuízo algún ás mulleres pola súa condición de mulleres, polo embarazo ou pola maternidade”. “Ser nai non convirte a unha traballadora en menos convinte aos intereses do empresariado, en peor traballadora ou menos comprometida”, subliñou.
Prado afirmou que “na actual lexislación vixente abonda a normativa que protexa e, no seu caso, penalice as graves situacións ocasionadas polas situacións de acoso ou mobbing maternal”, pero “desde o Grupo Popular queremos dar un paso máis e implicar á Xunta como garante do cumprimento da lexislación vixente no ámbito penal e que poda exercer a acción penal nos xuízos por delitos de discriminación derivada ou por razón de maternidade”.