Santiago, 11 de setembro de 2018. A deputada do Grupo Popular Raquel Arias puxo en valor no Pleno de hoxe o proceso de dixitalización que afronta a CRTVG, que “cambiará a forma de traballar na corporación”. “A CRTVG vive unha etapa de modernización revolucionaria e histórica”, engadiu a parlamentaria, “que é viable grazas a unhas contas saneadas, con déficit cero e superávit continuado durante os últimos nove anos”.
Para Arias, a nova era dixital, coa emisión en alta definición a partir de decembro deste ano e en FULL HD a partir do 2019, así como as melloras nos sistemas de edición e produción de informativos son a base desa modernización, que vai parella aos cambios na programación.
POTENCIACIÓN DO DIARIO CULTURAL
A deputada popular destacou a aposta da CRTVG polos contidos culturais a través do proxecto conxunto para radio e televisión Cultura 365, así como a ampliación dun dos espazos máis emblemáticos da Radio Galega como é o Diario Cultural, “que pasa de 50 a 100 minutos diarios en catro franxas horarias, esténdese ás fins de semana e conta cunha canle dixital”. “O Diario Cultural non se cancela, poténciase”, explicou en sede parlamentaria ante “as noticias falsas da oposición sobre este e outros programas da CRTVG”, e convidou ao resto de grupos a rectificar.
A deputada popular reclamou ademais “respecto polas 574.000 persoas que cada día contactan cos espazos informativos da CRTVG”, e tamén para “o 90 por cento dos galegos e das galegas que consideran que a súa televisión autonómica é a que máis promociona a cultura e identidade da súa comunidade”, segundo unha enquisa realizada recentemente pola FORTA, a Federación de Organismos de Radio e Televisións Autonómicas.
Raquel Arias destacou que os galegos seguen respaldando a programación da TVG, sendo no mes de agosto a canle que máis medrou en Galicia e obtendo o liderado nas fins de semana segundo os últimos datos de Kantar Media. En canto aos informativos, explicou que a cota de pantalla sube en todos os espazos e especialmente no Telexornal do mediodía, cun 19,4 por cento e 8 puntos por riba da seguinte canle. Deste xeito, segundo Arias, a TVG segue sendo a segunda canle máis vista entre as autonómicas dende o ano 2015. “Por que se empeñan sempre en levarlle a contraria aos galegos?”, preguntou a deputada popular aos grupos da oposición.
PURGA EN RTVE
Así mesmo, acusou á oposición de utilizar a CRTVG como “cortiña de fume para que non se fale da purga que se está producindo en RTVE dende a entrada da nova administradora provisional, designada por decreto”.
No caso do BNG, Arias considera que “se senten frustrados por non poder tomar parte do pastel de RTVE”, unha práctica que a deputada reprobou, ao igual que “a nostalxia dos nacionalistas polo bipartito, cando se fixeron expertos en manipulación”. “Xa non lembran que a Xunta Electoral lles chamou a atención ata en 12 ocasións por falta de neutralidade?”.
En canto ao cumprimento da lei 9/2011 dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, a deputada explicou que dende a súa entrada en vigor “constituíuse a corporación, o Parlamento elixiu o Consello de Administración e aprobou o mandato marco”, ao tempo que “se están presentando en sede parlamentaria as contas anuais e o informe de Servizo Público”, sen esquecer que o Consello de Administración está elaborando o Estatuto Profesional e o Consello de Informativos.