Santiago, 23 de abril de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que na loita contra a corrupción “as cousas teñen mudado moito” e todas as situacións coñecidas nas últimas datas “demostran que a Xustiza está actuando sen ningún tipo de interferencia do poder político e tomando decisións que no pasado eran posiblemente moito máis difíciles de adoptar”.
Nunha entrevista na Cadena SER-Galicia, Pedro Puy amosou a “tranquilidade que da o saber que se está actuando con moita firmeza e con máis instrumentos legais que nunca fronte á corrupción”, subliñando que a Xustiza traballa “con independencia absoluta e facendo as investigacións que levarán a que quen fixo algo mal pague por esa actuación”.
MODIFICACIÓNS
Neste sentido, salientou as modificacións realizadas no ámbito lexislativo para combater a corrupción e facer a actividade política máis transparente. “Nestes momentos estamos cun réxime de transparencia e de incremento do control do gasto público, e cunha transparencia absoluta sobre bens, patrimonios e actividades de quen se dedica á política”, manifestou, para concretar que “no caso galego se prohibiron as doazóns tanto de empresas como de membros desas empresas para poder optar ás axudas públicas”.
“Estamos reducindo e estreitando o ámbito no que se poden producir ese tipo de actuacións corruptas e é evidente que a represión pola vía xudicial, con denuncias que veñen incluso desde o propio Partido Popular, como é o caso de Madrid, fan que a Xustiza actúe sen ningunha traba por parte de partido político”, engadiu.
Porén, Puy apuntou que “temos reaccionado e agora setrata de seguir poñendo trabas para que este tipo de comportamentos, se non se erradican completamente, polo menos non sexan tan doados como parecía que eran no pasado”.
COMPORTAMENTO EXEMPLAR
Cuestionado sobre o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o portavoz popular subliñou que “ten un comportamento exemplar e todo o que se está a facer no ámbito xudicial demostra que cando non hai ningún tipo de acusación quere dicir que as cousas estanse facendo de acordo co que marca a norma”.
Sobre o futuro político de Feijóo, Pedro Puy dixo que “nin sequera el sabe se esta vai a ser a súa derradeira lexislatura, porque hai moitos factores que poden incidir neste tipo de decisións, que a catro anos vista se ven dunha maneira e cando sexa a catro meses vista se ven doutra”.
A nivel persoal, explicou que “isto nos afecta a todos os que estamos no seu proxecto, coa salvedade de que eu son máis provisional que el, porque estou facendo unha labor porque ma pediron os meus compañeiros de grupo, co Presidente á cabeza, e se mañá ou pasado consideran que pode haber outra persoa que pode servir mellor desde a portavocía do grupo ao que se pretende facer desde o Partido Popular eu non teño inconveniente”.
POLÍTICA PREDEMOCRÁTICA
Pedro Puy alertou sobre “a actitude perigosa e predemocrática que é facer acusacións persoais, como están a facer desde grupos políticos populistas, tipo Podemos ou as Mareas en Galicia, con actuacións como o Tramabus ou poñendo na picota a persoas”.
Respecto da polémica con Carmen Santos, lembrou que “esta señora acusou gravemente ao Partido Popular, non insinuando senón dicindo explicitamente, que a violencia doméstica é consecuencia ou culpa dos señores do PP”. “Unha persoa que está dicindo isto está levando a política a un terreo que consideramos que non é correcto, polo que cando un se mete neses xardíns e reincide neles e non quere saír deles non se converte na persoa coa que despois podamos falar”.
“Con independencia de que o noso grupo irá avaliando cal é a situación con respecto a esta cuestións, queremos denunciar un xeito de facer política que non é axeitado, que é predemocrático e que consiste en imputar a adversarios políticos delitos graves e facerlles responsables de cuestións das que non o son”, sinalou.
Para rematar, sobre os orzamentos do Estado para Galicia reiterou que “o Importante é que se executen” e salientou que “o Estado está investindo en Galicia moi por enriba do que representa en territorio, en poboación e no PIB” estatal.