Santiago, 13 de maio 2017.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou esta mañá que o PPdeG pon hoxe a primeira pedra para mellorar as capacidades comunicativas do partido coa celebración do seu I Torneo de Debate.
Segundo sinalou, “a mellora da oratoria e as nosas capacidades de comunicación foi unha materia pendente durante moitos anos. E sempre que atopamos algo a mellorar, poñémonos como deberes melloralo”. Nese senso, engadiu que a intención é que este tipo de eventos se convertan nun ámbito de traballo con máis percorrido no tempo.
“Desde o Partido Popular de Galicia estamos a facer unha aposta decidida pola formación, tanto en capacidades comunicativas, como en cuestións de xestión local”, insistiu Tellado ao tempo que explicaba que os períodos sen eleccións son moi propicios para facer este tipo de actividades e manter activos aos afiliados.
O número dous dos populares galegos tamén manifestou que desde o partido “non podemos estar máis satisfeitos coa boa acollida e o bo desenvolvemento do noso I Torneo de Debate”. “Non agardabamos tanta afluencia de participantes nin tanta boa predisposición para atopar xuíces entre os nosos cargos públicos”, recoñeceu Tellado.
Así mesmo, o secretario xeral salientou que na xornada de hoxe teñen como participantes a alcaldes, concelleiros, afiliados e simpatizantes. Xa entre os xuíces atópanse deputados e dirixentes do partido como o propio Miguel Tellado; o portavoz parlamentario, Pedro Puy; a viceportavoz, Paula Prado; ou o novo presidente nacional de Nuevas Generaciones, Diego Gago; e expertos en oratoria de competición. En total, suman un cento de persoas implicadas neste evento, “o que nos dá moito ánimo para darlle continuidade”.
“Cremos que o debate é unha ferramenta moi útil, que axuda non só a mellorar a oratoria, senón a capacidade de investigación, de reflexión e de empatizar con quen pensa diferente, xa que obriga a preparar todos os argumentos posibles sobre un tema concreto”, apuntou Tellado.
Así mesmo, precisou que o partido goza na actualidade da mellor das saúdes, “o proxecto do PPdeG ilusiona cada día a máis xente, e isto crea un ambiente moi propicio para levar a cabo este tipo de iniciativas”. “E o noso reto é seguir con esta onda positiva, e transmitirlle a toda a cidadanía este espírito para abrirnos cada día máis aos galegos”, aseverou.
Cómpre salientar que se inscribiron neste Torneo 16 equipos, enchendo o cupo máximo de prazas que ofrecía o evento. A súa estrutura é similar á dunha competición deportiva, cunha fase de grupos onde todos os equipos se enfrontan entre si e os mellores acoden ás semifinais e á final. Ademais do recoñecemento colectivo ao equipo que resulte vencedor, haberá un premio individual para o mellor orador ou oradora do evento.