Santiago, 14 de novembro de 2017.- A Mesa do Parlamento aprobou esta mañá, a proposta do Grupo Popular, a creación dunha Comisión especial de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia, avaliando a experiencia acumulada dende 2006 e, especificamente, a extraordinaria vaga de lumes que ven de sufrir Galicia en outubro de 2017.
O portavoz popular, Pedro Puy, salientou que a proposta acordada “resume os obxectivos de todos os grupos parlamentarios” e avogou porque “sexa capaz de sacar conclusións de políticas a longo e medio prazo e que incluso algunhas medidas se poidan levar adiante xa na vindeira campaña de loita contra os incendios forestais”.
Logo do acordo da Xunta de Portavoces, a Mesa do Parlamento aprobou a constitución desta comisión de estudo, que se porá a traballar de xeito inmediato xa que o vindeiro luns remata o prazo para que os grupos parlamentarios designen so seus membros. Posteriormente, procederase á constitución da comisión e a aprobación das normas de funcionamento e plan de traballo.
Pedro Puy explicou que “tomamos como referencia o ano de 2006 porque é a última vez que no Parlamento se fixo un informe sobre os incendios forestais, que haberá que ter en conta” e ao que se sumará “un plan de traballo que faremos entre todos”.
“Cando estamos a falar de prospectiva e de como mellorar as cousas, o importante é que veñan os que saiban, os expertos e quen teña algo que aportar para, entre todos, determinar as reformas e que non volva a ocorrer o que pasou coa vaga de lumes no mes de outubro”, sinalou. En definitiva, “ver que cousas non funcionaron e analizar moitas cuestións que non teñen que ver estritamente co servizo de extinción, senón tamén coa política forestal”.
DÚAS SESIÓNS PLENARIAS
Así mesmo, a Xunta de Portavoces acordou a orde do día da sesión plenaria extraordinaria na que se debaterán as emendas á totalidade ao proxecto de Lei de orzamentos da Xunta para 2018 e terá lugar o debate de totalidade do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas que acompañan a estes orzamentos; ademais da orde do día da sesión plenaria ordinaria que tamén se celebrará a vindeira semana.
En concreto, Puy manifestou que a Lei de acompañamento aos orzamentos incorpora novas deducións fiscais para dinamizar o medio rural e a actividade vencellada ao sector primario; bonificacións para fomentar a rehabilitación e o investimento en centros históricos; e baixadas de impostos para potenciar a compravenda de solo empresarial en mans das administracións.
“Así mesmo, inclúe outras medidas de carácter social que beneficiarán aos galegos, como a ampliación do permiso de maternidade e paternidade para os empregados públicos ata as 22 semanas, e a introdución de bonificacións para as baixas maternais”, apuntou o portavoz popular.
Respecto da sesión plenaria ordinaria, Pedro Puy avanzou que “terá lugar a comparecencia do vicepresidente e conselleiro da Presidencia, tal e como xa avanzou o Presidente no último Pleno, para informar do operativo de emerxencias durante a vaga de incendios forestais e a oferta de colaboración as administracións locais para a elaboración dun mapa de emerxencias”.
VIOLENCIA DE XÉNERO E ANIVERSARIO CONSTITUCIÓN
O Grupo Popular defenderá nesta sesión plenaria dúas proposicións non de lei. Unha primeira dirixida a intensificar a colaboración coas entidades locais en contra da violencia de xénero, de cara a conseguir unha maior efectividade dos recursos e procurar desenvolver conxuntamente accións no ámbito da sensibilización e prevención; da información; da formación; e da asistencia ás vítimas.
En segundo lugar, o Grupo Popular solicitará a través dunha proposición non de lei que o Goberno central impulse as medidas necesarias para a celebración o vindeiro 6 de decembro do 40 aniversario da Constitución Española, ao tempo que se pide á Xunta que, no uso das súas competencias, impulse a participación de todos os cidadáns nestas actividades.
Por último, os deputados do Grupo Popular cuestionarán ao Goberno galego sobre a colaboración que está a ofrecer aos concellos para conseguir unha maior efectividade dos recursos tanto de sensibilización, como de prevención e asistencia ás vítimas de violencia de xénero; e sobre as previsións respecto do proxecto e avaliación ambiental da prolongación do acceso ao Porto Seco de Monforte desde a N-120.