Xunqueira de Ambía, 19 de setembro de 2016.- O Presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe a estratexia de rehabilitación de cascos históricos que ten como obxectivo intervir en máis de 10.000 vivendas de máis de 40 zonas históricas de Galicia ata 2020. Ademais das bonificacións fiscais para compra de vivenda no rural xa anunciadas a pasada semana, este plan axilizará a obtención de licencias de obra e facilitará préstamos a interese cero a particulares para o financiamento das actuacións. Pola súa banda, a Xunta implicarase directamente coa rehabilitación de máis de 1.500 vivendas e 350 locais comerciais, ao tempo que porá a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un fondo de cooperación para que tamén rehabiliten directamente vivendas.
Na presentación esta mañá desta estratexia en Xunqueira de Ambía, Feijóo manifestou que o obxectivo é que Galicia siga sendo líder en rehabilitación, porque existen tres razóns poderosas que fan desta unha área de actuación prioritaria: a primeira, e fundamental, que a vivenda constitúe un dereito constitucional de todos os cidadáns e un piar do noso Estado do Benestar; a segunda deriva da importancia que leva aparellado para a economía e o emprego do sector produtivo; e a terceira ten que ver co xeito en que as políticas de vivenda inciden no proceso de construción dun territorio que debe ser motivo de orgullo para todos os galegos.
REAVIVAR OS CONCELLOS RURAIS
En concreto, apuntou que esta estratexia permitirá reavivar os nosos cascos históricos, os concellos rurais e as zonas degradadas con vivendas rehabilitadas e habitadas.
O presidente do PPdeG asegurou que queremos seguir avanzando con novas medidas que nos manteñan como a comunidade autónoma de España máis implicada na rehabilitación de vivendas e na que estea ao alcance de cada vez máis xente rehabilitar as nosas construcións históricas.
Entre as medidas incorporadas nesta estratexia, Feijóo lembrou en primeiro lugar as bonificacións fiscais xa anunciadas para a compra de vivenda por parte de calquera mozo, familia numerosa ou persoa con discapacidade: non pagarán impostos pola transmisión da vivenda nos concellos de menos de 20.000 habitantes.
LEI DE CASCOS HISTÓRICOS
Así mesmo, anunciou que a través da nova Lei de cascos históricos facilitarase a obtención de licencias de obra, ao tempo que se garantirá que as actuacións sexan acordes co entorno no que se atopan.
Tamén explicou que se facilitará a execución das obras de rehabilitación, continuando co impulso das subvencións existentes nesta materia pero tamén facilitando financiamento para pagar a outra parte a través dun programa de préstamos a interese cero a particulares.
A modo de resumo, Feijóo explicou que aquelas familias que queiran rehabilitar unha vivenda ou que queiran rematar as fachadas das súas casas, e que precisen financiamento para iso, deben saber que se esa vivenda a compran nun concello de 20.000 habitantes ou menos pagarán impostos cero na transmisión; que terán máis áxil e sinxelo conseguir a licenza para facer esa obra; e que, ademais, terán á súa disposición unha liña de préstamos a interese cero.
LABOR DINAMIZADOR DAS ADMINISTRACIÓNS
Nesta estratexia de rehabilitación de cascos históricos o PPdeG tamén busca impulsar o labor dinamizador que deben xogar as administracións públicas. Ademais de seguir potenciando as intervencións a través das áreas de rehabilitación de cascos históricos, co obxectivo de recuperar nesta nova lexislatura outras 4.000 vivendas, e de reforzar o programa de rehabilitación de vivendas no Camiño de Santiago e impulsar a rehabilitación das casas de mestres existentes en moitas zonas rurais, o Goberno do PPdeG activará dúas novas actuacións dirixidas ás administracións.
En primeiro lugar, porase en marcha do Plan RexUrbe, a través do que a Xunta se implicará directamente comprando e rehabilitando edificios de vivendas en cascos vellos deteriorados pero de grande potencial. O obxectivo é intervir en máis de 1.500 vivendas e 350 locais comerciais de máis de 500 edificios.
E, en segundo lugar, porase a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un fondo de cooperación para que tamén poidan rehabilitar directamente vivendas, ao tempo que melloran espazos públicos como prazas. En concreto, o que se persegue é actuar nunhas 1.500 vivendas situadas preferentemente nos cascos históricos e cualificadas de ruína, acometer outras actuacións singulares en materia de rehabilitación e rematar vivendas inacabadas.
“Estamos a falar de que será unha prioridade estratéxica a recuperación dos cascos históricos das nosas vilas e cidades, porque, por mais que teñamos dado pasos moi importantes en moitos deles, como o casco vello de Ourense, o Barrio dos Muíños en Mondoñedo, o da Tinería en Lugo ou o casco vello de Vigo; queremos seguir noutros como os de Celanova, Ribadavia, Ferrol, Betanzos, Noia, Padrón, Pontedeume, Viveiro, Ribadeo ou Tui”, sinalou Feijóo.
50.000 FAMILIAS XA MELLORARON A SÚA VIVENDA
O presidente do PPdeG salientou que a rehabilitación foi un dos eixos sobre os que articulamos a política de vivenda desde o ano 2009, o que supuxo que máis de 50.000 familias melloraran a súa vivenda e as súas condicións de vida grazas ás axudas de rehabilitación concedidas pola Xunta, que superaron os 130 millóns de euros.
Así mesmo, Galicia sitúase á cabeza de España en áreas de rehabilitación integral, existentes en 128 concellos galegos e que facilitan mellorar as condicións de habitabilidade das vivendas; frear a degradación dos barrios urbanos; facer dos espazos públicos contornos máis agradables e atractivos; e recuperar o valioso patrimonio histórico que agocha a arquitectura civil galega.