Santiago, 13 de decembro de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe a constitución dunha Comisión de Investigación para analizar e avaliar a evolución económico-financeira da antigas caixas de aforro e as causas e responsabilidades da súa transformación en bancos, incluíndo as indemnizacións millonarias dos seus ex-directivos, co obxectivo de rematar os traballos realizados na pasada IX lexislatura. “O obxectivo é chegar a conclusións razoables, sensatas e que expliquen que foi o que ocorreu co sistema financeiro galego”, manifestou o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy.
Na súa intervención, Puy lembrou que a fonda preocupación social existente polo problema das preferentes ou o escándalo das indemnizacións millonarias dos seus responsables motivou que durante a pasada lexislatura se aprobara por unanimidade a constitución da Comisión de Investigación sobre as caixas galegas, así como o seu plan de traballo e o listado de comparecentes.
DOCUMENTACIÓN E COMPARECENCIAS
Neste sentido, destacou que “existe unha documentación valiosísima, aportada principalmente pola Xunta de Galicia, e, logo do ditame elaborado polo Consello do Estado en xaneiro de 2014, o máis probable é que serían irrepetibles as comparecencias de responsables do Goberno do Estado, do Banco de España ou da Comisión Nacional do Mercado de Valores”.
“Desde aquela data, as cousas teñen mudado moito e o tempo pode servir para enfriar o debate e elaborar unhas conclusións máis adecuadas”, indicou o portavoz popular. En concreto, sinalou que o novo banco xa devolveu máis de 1.700 millóns de euros aos afectados polas preferentes, dos que o 80 por cento recuperaron a totalidade do diñeiro investido.
SERVIZO AO PAÍS
Pedro Puy asumiu a súa responsabilidade polo retraso na elaboración do ditame da Comisión de Investigación e pediu desculpas por iso. Porén, explicou que “non quixemos interferir no proceso de capitalización do novo banco” e considerou que “fixemos un gran servizo ao país facilitando que puidese avanzar sen o ruído polas actividades realizadas no pasado”.
Ademais, lembrou que a Comisión de Investigación coincidiu cun proceso xudicial sobre as indemnizacións millonarias dos seus directivos, polo que “era mellor esperar que a Audiencia se pronunciara e houbera sentenza do Tribunal Supremo”, cuestión que tivo lugar no pasado mes de setembro. “Esa paciencia por agardar a resolución do traballo da Xustiza é prudente e mostra do máximo respecto ao Estado de Dereito e á división de poderes”, sinalou.
O portavoz popular cualificou de “mágoa que se perderan as caixas galegas, pero afortunadamente o negocio non foi tan malo”. E como mostra dixo que o novo banco conta con 4.200 empregos directos, dos que máis do 80 por cento traballan en Galicia, supón máis do 11 por cento do PIB galego, conta con máis de 3.000 empresas proveedoras nas que traballan arredor de 72.000 persoas.