28, maio, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, manifestou que “se Pedro Sánchez quixese, o peche de Alcoa sería evitable”. Así se expresaba logo de que se coñecesen as intencións da multinacional de pechar a súa factoría en San Cibrao.
Segundo recoñeceu, o problema de Alcoa é o prezo da enerxía, polo que está na man do Goberno de Sánchez solucionalo e deixar de xogar co futuro de miles de familias da Mariña, que non peche a planta e que non sexa a primeira de moitas empresas electrointensivas que cerran e despiden aos seus traballadores. “E se non quere, e finalmente este peche se produce, Pedro Sánchez será o único responsable xunto aos socialistas galegos, que aplauden cada un dos seus silencios”, engadiu.
Así mesmo, recordou que no panorama industrial nada cambiou con respecto a hai tres meses e que, o que cambiou, foi a peor: “O Goberno PSOE-Podemos decidiu acelerar o peche das térmicas galegas, perdeu un contrato de máis de 6.000 millóns de euros para construír fragatas en Navantia e non moveu un dedo para solucionar a situación das electrointensivas”. Por este motivo, sinalou que a situación de España e da Comunidade non é como para que o Goberno propicie máis peches e despidos que son perfectamente evitables.
“Levamos moitos meses advertindo de que a situación de Alcoa era límite e a reacción do Executivo central foi a inacción”, afirmou lembrando que en febreiro de 2019, a ministra Maroto prometeu o Estatuto para maio de 2019, que o PSOE fixo campaña todo o pasado ano co Estatuto Electrointensivo -prometéndoo para cando houbese Goberno-, e que, cando en febreiro de 2020, un ano despois de prometelo, presentaron o primeiro borrador, ese era claramente insuficiente. Precisamente este mesmo febreiro, Galicia, Asturias e Cantabria conseguiron pactar unhas alegación comúns ao Estatuto do Goberno, demostrando que non era un tema de batalla política, senón un de defensa dos intereses da industria e do emprego das nosas Comunidades, “pero a reacción do Goberno seguiu sendo a inacción e o silencio”.
MÁIS PROBLEMAS AGRAVADOS
Ademais dunha crise industrial máis fonda, o número dous do PPdeG precisou que hai moitos outros problemas de Galicia que non quedaron suspendidos coa pandemia, senón que hoxe están agravados, como o desleixo do Goberno coas infraestruturas galegas.
Como apuntou, seguimos sen ningunha certeza sobre a data de chegada do AVE á Comunidade, nin da súa posta en funcionamento; e esta semana tamén se coñecían as intencións do Goberno central de suprimir o tren-hotel, que é unha conexión fundamental de Galicia con Madrid e Barcelona.
“A crise sanitaria pola COVID-19 non pode ser, en modo algún, unha escusa para reducir servizos públicos aos cidadáns”, recalcou mentres indicaba que os populares levan meses denunciando o desmantelamento progresivo dos servizos ferroviarios que operan en Galicia -como o peche do servizo de ventas de billetes e as avarías constantes nalgunhas liñas-, algo que seguirán facendo mentres o Executivo central siga desprezando á nosa Autonomía.
BNG, CÓMPLICE DO PSOE E DE PODEMOS
De igual xeito, Tellado salientou que os agravios orzamentarios do Goberno coa Xunta tamén son hoxe maiores que nos meses anteriores. De feito, seguimos cos 370 millóns pendentes da mensualidade do IVE e dos incentivos polo déficit -que nos terían aliviado a situación nestas semanas- e o Executivo central escribiu algunha páxina nova como a retirada dos 100 millóns de euros de fondos para políticas activas de emprego que lle corresponden á Xunta ou o reparto equivocado dos fondos do IRPF ás autonomías, nos que Galicia queda prexudicada fronte a outras comunidades.
Sobre esta situación, o secretario xeral quixo aclarar que todos os agravios que Sánchez comete con Galicia teñen como protagonistas ao PSOE e a Podemos pero tamén teñen como cómplice ao BNG, socio de investidura e apoio parlamentario de Pedro Sánchez, “aínda que a semana pasada tamén fose parte da longa comitiva de enganados polo presidente do Goberno na votación do Estado de Alarma”.
Fronte a isto, resaltou que desde o PPdeG garanten que seguirán defendendo os intereses da Comunidade, falando e actuando en materia de sanidade, de protección social e de emprego, pero tamén volverán poñer o foco na industria, nas infraestruturas e na xestión rigorosa das contas públicas, como fixeron ata agora. “Seguiremos sendo o que sempre pretendemos ser: útiles a Galicia e dar resposta ás necesidades dos galegos”, sentenciou.
O INFORME DE GONZALO CABALLERO
Por outra banda, o secretario xeral referiuse ao informe sobre o COVID-19 que presentou o PSdeG, e que resultou ser unha sucesión de imprecisións, incorreccións e falsidades que aporta unha conclusión clara: “Menos mal que en Galicia esta situación non a tivo que xestionar Gonzalo Caballero”.
Malia isto, agradeceu que o PSOE rectifique e neste documento recoñeza algúns feitos que nas últimas semanas levaba negando, como que Galicia contivo a presenza do virus nas residencias moito mellor que o conxunto de España, unha realidade que o PSOE admite no informe; ou feitos como que Galicia se adiantou e foi pioneira na creación de residencias integradas, para tratar coa mellor calidade sanitaria e asistencial aos maiores con positivo por COVID.
Por último, Tellado chamou a atención sobre un aspecto deste informe, xa que o nome orixinal do documento se chama Retocado Gonzalo, é dicir, o presunto informe dos técnicos, segundo atende o título que lle deu posteriormente o PSdeG, foi retocado polo seu secretario xeral: “Gonzalo Caballero débelle dar unha explicacións a moita xente e debería aclarar por que retocou o informe dos expertos sanitarios, que engadiu e que retocou e por que o informe non está asinado. Non vale agocharse nin as escusas. Estamos ante unha conducta grave”.