Pregunta sobre a resposta do Goberno central á demanda da Xunta de Galicia de carga de traballo para Navantia
A sociedade pública de construción naval Navantia marcou, en 2014, como un dos seus obxectivos estratéxicos definir un modelo de estaleiro moderno e sustentable, tomando como referencia os estándares e as prácticas dos estaleiros máis destacados do mundo nos sectores civil e militar.
Con este propósito, presentou unha iniciativa orientada a reforzar a súa competitividade e a estabilizar o seu liderado mediante a incorporación de alta tecnoloxía e a diferenciación respecto a outros subministradores de produtos e servizos.
O proxecto Implantación do estaleiro 4.0 en Navantia Ferrol buscaba impulsar a modernización das instalacións e o aumento da eficiencia dos procesos produtivos da factoría actual, con operacións máis robotizadas, con sistemas de control máis dixitalizados e con produtos de máis estandarización, que repercutan tanto na redución de custos e de prazos, como na mellora da calidade. Estes investimentos serían tamén o fundamento para garantir a competitividade do estaleiro e competir en novas licitacións e contratos internacionais a futuro.
Esta aposta decidida pola modernización dos estaleiros que levou a cabo o último Goberno Central liderado polo Partido Popular uniuse á política de apoio integral ao sector naval desenvolvida pola Xunta, que redundou na consecución de carga de traballo para un dos sectores industriais estratéxicos de Galicia.
Coa moción de censura e a chegada dos socialistas ao Goberno, volvemos ás épocas de desleixo co naval ferrolán. O Executivo liderado por Pedro Sánchez non só retrasou a execución de encargos que xa estaban proxectados, como o das Fragata F-110, senón que perdeu outros que os seus antecesores deixaran encarrilados para a súa
consecución, como o das Fragatas para a mariña americana, no que Navantia partía como favorita, pero se lle acabou outorgando a unha empresa italiana.
Ante a ausencia de proxectos en carteira nos estaleiros ferroláns, nos meses finais de
2019 e primeiros de 2020, desde o Grupo Popular presentamos unha serie de iniciativas para que se construíse en Ferrol-Fene un buque de aprovisionamento para a Armada (AOR) a fin de que haxa carga de traballo mentres non se iniciasen as labores para as fragatas F-110, coa insistente negativa do Goberno Sánchez.
Ante o complicado horizonte económico que deixa a pandemia da COVID-19, desde o Grupo Popular entendemos que é máis necesaria ca nunca a carga de traballo na ría de Ferrol, así como a modernización dos estaleiros, dada a necesidade de reforzar a súa competitividade internacional de cara ao presente e o futuro.
Por todo o exposto, os deputados e deputadas asinantes formulan a seguinte pregunta oral urxente en Pleno:
Que resposta atopou a Xunta de Galicia do Goberno Central na demanda de carga de traballo para Navantia?
Rexistro Iniciativa: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PUP-000066