Di que Sánchez, que desprezou á Comunidade coas peores contas da última década, xa non ten en conta ao BNG malia facelo presidente co seu voto
O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que os Orzamentos Xerais do Estado, que furtan 300 millóns de euros a Galicia, sérvenlle a Bildu, a ERC e ao PSdeG, pero non ao PPdeG. Así mesmo, lamentou a elección de socios de Pedro Sánchez, que pacta con radicais e independentistas cuxo obxectivo non é o benestar de todos os españois.
Por este motivo, destacou que os populares rexistraron no Congreso un centenar de emendas aos orzamentos que demandan investimentos en Galicia por valor de 300 millóns, que apostan por corrixir o enorme agravio destes presupostos coa Comunidade e que afondan nalgunhas das cuestión máis prioritarias e que foron completamente esquecidas nas contas socialistas.
Nese senso, mencionou importantes infraestruturas como as intermodais de Ourense ou Santiago, as melloras dos accesos na Coruña, Vigo e Pontevedra, ou a terminación da A74 na Mariña lucense; os fondos para a construción dun buque AOR nos estaleiros de Ferrol; ou unha partida para o Xacobeo 2021.
Como subliñou, trátase dun conxunto de emendas que tratan de equilibrar o investimento territorial, xa que o proxecto de presupostos de Sánchez presenta unha inversión territorializada de apenas o 6.6%, menos da metade do 13% ao que chegamos con Rajoy. Ademais, mentres en comunidades como Cataluña crece o investimento case un 50%, en Galicia chega a mínimos históricos.
Durante a rolda de prensa previa á súa xuntanza telemática con representantes do PPdeG nas Cortes Xerais e no Parlamento Europeo, Tellado incidiu en que estas emendas tamén amosan a intención dos populares de facer unha oposición seria, rigorosa e construtiva. Cómpre sinalar que, en total, o PP presentou case 1.500 emendas parciais a estes orzamentos mentres que o conxunto de todos os demais partidos apenas chegaron ás 300.
De igual modo, o número dous do PPdeG evidenciou que o Goberno central, que desprezou á Comunidade coas peores contas da última década, xa non ten en conta ao BNG malia que os nacionalistas galegos fixeron presidente a Sánchez co seu voto: “O pacto de Ana Pontón e Adriana Lastra non é máis que papel mollado”.
DOUS MODELOS DE XESTIÓN
Na súa comparecencia, o secretario xeral resaltou que existen dous modelos de xestión: “O prudente e responsable do PPdeG, que conxela os salarios do seu Goberno, que aposta polas axudas directas a os sectores máis afectados e que lexisla para dar certezas e crear seguridade xurídica; e o do PSOE, que aproveita a pandemia para aprobar reformas polémicas -como a Lei de Educación- pero non ten tempo para reformar a Lei de Saúde Pública, que aumenta por segunda vez o salario de todo o seu Executivo e que sube os impostos e abandona aos máis afectados pola crise”.
De feito, criticou que o dos socialistas sexa o modelo que prefiren algunhas administracións, como a Deputación de Pontevedra: “Non contenta con ser a única de Galicia que non dispón de axudas para a hostalería, agora acaba de subir o soldo a todos os seus membros, ademais de aumentar o número de dedicacións exclusivas”.
Para Tellado, con esta actitude demostran unha ausencia absoluta de ética e de escrúpulos ademais de ser unha falta de respecto a todos os profesionais que están sufrindo as consecuencias económicas de esta pandemia.