Destaca que, malia que a Comunidade aposta por unhas restricións duras e necesarias, a economía galega é das menos afectadas pola COVID-19
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, subliñou que Galicia segue a resistir os efectos da COVID-19 mellor que o conxunto do Estado, tal e como reflicten os datos de desemprego de febreiro.
Ademais de rexistrar menos paro que ao inicio da pandemia -con respecto a abril de 2020 hai 6.401 parados menos-; na evolución mensual somos unha das tres Comunidades nas que baixa o desemprego, reducíndose o número de desempregados o pasado mes mentres que no Estado aumenta. De igual modo, Galicia é a cuarta Comunidade onde máis se incrementan as afiliacións, que tamén medran a maior ritmo que en España, mantendo esta evolución positiva desde 2014.
“Malia que a nosa Autonomía aposta por unhas restricións duras e necesarias, as cifras amosan que a nosa economía é das menos afectadas pola pandemia”, remarcou o número dous dos populares galegos. De feito, en termos anuais, salientou que continuamos en niveis de paro inferiores a hai 12 anos -inicio da crise de 2008- e que o ritmo de subida resulta moi inferior en Galicia ao da media estatal, onde crece o dobre que na Comunidade.
“En ningún caso podemos conformarnos con estas cifras cando hai moitas familias que están pasando por situacións de extrema dificultade”, afirmou mentres resaltaba o compromiso e o labor da Xunta que, ante as consecuencias que a crise sanitaria está a provocar no mercado de traballo, reforzou as súas políticas activas de emprego destinadas aos colectivos con máis obstáculos para atopar un traballo.
APOIO AOS AUTÓNOMOS, MICROEMPRESAS E HOSTALARÍA
Miguel Tellado destacou o apoio do Goberno galego aos sectores máis afectados pola COVID-19, recordando a activación en tempo récord de axudas directas para salvar o maior número de empregos posibles.
Nese senso, apuntou que nestes momentos está en marcha o segundo Plan de rescate que, xunto co primeiro, mobilizará máis de 160 millóns de euros en catro meses para autónomos, microempresas, establecementos hostaleiros e outros negocios pechados polas restricións sanitarias.
DEFENDER E TRABALLAR POLA IGUALDADE
O secretario xeral aclarou que loitar contra os efectos desta crise sanitaria, económica e social non debe impedir seguir traballando da defensa da igualdade laboral entre mulleres e homes. Sobre isto, incidiu na importancia da prevención sensibilizando ás empresas, que son moito máis produtivas cando existe unha igualdade real, non só referida ás mulleres, senón tamén no ámbito da discapacidade.
De igual modo, puxo en valor o amplo abano de axudas do Executivo autonómico a favor da igualdade laboral e que se reforzará este ano con 21 millóns de euros e con medidas para impulsar a conciliación, o emprego, a formación e a contratación das vítimas da violencia de xénero.
Así mesmo, precisou que dende a Xunta estase a ultimar un estudo para ter unha fotografía real da situación actual sobre o impacto da COVID-19 no emprego feminino galego, algo que permitirá poder seguir deseñando actuacións para avanzar cara á igualdade de oportunidades. Segundo manifestou, entre outros aspectos, este informe está a avaliar a situación laboral e profesional das mulleres por sectores e provincias, as necesidades e barreiras existentes en materia de formación e dixitalización, o grao de emprego do teletraballo, a conciliación, e o nivel de implantación dos plans de igualdade nas empresas.