Santiago, 10 de maio de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, fixo hoxe unha “chamada á responsabilidade” de todos os galegos ante o levantamento do Estado de Alarma, porque “sería unha mágoa que, xusto cando parece que chegamos ao final da pandemia, volvamos a recaer cun incremento dos contaxios”.
Neste sentido, avanzou que no Pleno do Parlamento de mañá “volveremos insistir na necesidade de que o Goberno de España modifique a lexislación orgánica en materia de saúde para que as comunidades autónomas conten con certezas xurídicas á hora de adoptar decisións respecto da pandemia”. “Non debemos facer recaer nos xuíces a responsabilidade de pronunciarse sobre as medidas que afectan ao conxunto da sociedade”, apuntou.
Pedro Puy lembrou que na sesión plenaria de mañá procederase ao debate para a súa aprobación da proposición de lei de reactivación da terra agraria de Galicia, unha norma que “ten como obxectivo ter unha forte pegada e servir de transformación para o sector agrario”. Respecto da súa tramitación parlamentaria, salientou que finalmente se incorporaron ao texto inicial máis de 200 emendas dos grupos da oposición, polo que considerou “de xustiza recoñecer o traballo realizado na ponencia polos deputados do Grupo Popular Elena Candia e José Antonio Armada”. “Foron quen de dar exemplo e procurar consensos nos temas que requiren solucións a longo prazo , como é poñer a terra agraria de Galicia en condicións de crear riqueza, emprego, fixar poboación no rural e contribuír a mellorar a riqueza do noso país”, indicou.
?Hai que procurar consensos en temas que requiren solucións ao longo prazo para poñer a terra agraria de Galicia en condicións de crear riqueza,emprego e fixar poboación,na lei de recuperación de terras agrarias se chegaron a 200 acordos, transaccións e emendas, Puy @ppdegalicia pic.twitter.com/oPx9TAyufs
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) May 10, 2021
Respecto dos asuntos que se debaterán no Pleno, o portavoz popular salientou que “levamos unha nova iniciativa na que solicitamos, unha vez máis, ao Goberno de España que regule a lexislación orgánica en materia de saúde, para que as comunidades autónomas conten con certezas xurídicas á hora de adoptar decisións respecto da pandemia”.
“Así como no primeiro momento da pandemia estaba xustificado recorrer ao Estado de Alarma, como consecuencia do descoñecemento que existía sobre a Covid-19, posteriormente se fixo evidente que ía prolongarse durante moito tempo e era conveniente buscar elementos lexislativos que non fosen tan agresivos sobre o exercicio dos dereitos e as liberdades dos cidadáns, e que á vez protexesen á saúde pública”, sinalou.
?Imos seguir defendendo con coherencia como fixemos desde o principio,o estado de alarma foi útil ao comezo pero o lóxico era adaptar a lexislación orgánica e sanitaria para loitar con efectividade e que as CCAA conten con instrumentos na loita contra apandemia, Puy @ppdegalicia pic.twitter.com/4ZTWnul5bA
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) May 10, 2021
CAOS
Puy lamentou que “hai un certo caos” nas medidas que están a adoptar as distintas comunidades autónomas e nas autorizacións ou denegacións por parte dos Tribunais Superiores de Xustiza a estas accións. “O lóxico era adaptar a lexislación orgánica e a lexislación sanitaria autonómica para poder loitar con efectividade contra a pandemia, e non facer recaer sobre os xuíces a responsabilidade, xa que agora se teñen que pronunciar sobre medidas que afectan ao conxunto da sociedade. Como xa dixemos hai días, os xuíces están para aplicar a lei, non para lexislar ou facer de autoridade sanitaria”, explicou.
“Compartimos a preocupación de moita xente que está a ver que, ante o levantamento do Estado de Alarma e o intento de algunhas comunidades de tomar decisións para impedilo, se producen concentracións masivas de persoas sen precaucións ante o virus”, manifestou o portavoz popular, quen reiterou a “necesidade de responsabilidade por parte de todos para que non veña unha nova onda”.
▶️Compartimos a preocupación de moita xente ante o levantamento do estado de alarma e o intento das CCAA de tomar decisións que impedirían concentracións masivas sen precaucións, a vacinación en Galicia vai ben e a responsabilidade individual é fundamental, Pedro Puy @ppdegalicia pic.twitter.com/HcZcACd3KN
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) May 10, 2021