Santiago, 12 de maio de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei a través da que demandan diferentes actuacións para a promoción do galego nos medios audiovisuais, especialmente dirixidas á infancia e á mocidade.
En concreto, a proposición non de lei insta á Xunta de Galicia a:
1. Que a Corporación de Radio Televisión de Galicia aumente a oferta en galego destinada á infancia e mocidade a través do reforzo e a promoción das catro canles dixitais Xabarín coas que conta a CRTVG. O sinal destas canles sería distribuído a través dos paquetes básicos das operadoras de televisión por fibra óptica, satélite, adsl e tecnoloxía móbil, con programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñible en todos os dispositivos e plataformas de contidos audiovisuais, así como APPs actualizadas que conten ademais con programas e xogos, co fin de garantir nesta canle en galego a presenza de contidos atractivos, de éxito, actuais e pasados, así como contidos educativos e de produción galega.
2. Reclamar do Goberno de España que, dentro do marco das súas competencias, promova as medidas precisas para que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego, nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa APP.
3. Instar o Goberno de España a impulsar o cumprimento do contido dos artigos do anteproxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual onde se recolle a pluralidade lingüística como principio básico, e que a nova Lei recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda.
4. Así mesmo, o Parlamento insta ao Goberno galego a chegar a acordos con outras administracións e empresas co fin de garantir a opción dobrada e lexendada a galego en todas as plataformas dixitais de televisión, así como a impulsar o avance das accións necesarias para a recepción mutua TVG-RTP en Galicia e Portugal, segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou minoritarias, tendo en conta as súas condicionantes técnicas e económicas para o tecido produtivo e publicitario, e da simetría no alcance de audiencias.
A deputada popular Raquel Arias manifestou que “estamos a falar do dereito que teñen os nenos e nenas galegas a que os medios audiovisuais públicos ofrezan programación de formación e entretemento na súa lingua materna, co que ademais estamos reforzando a aprendizaxe e uso desta lingua”.
Neste sentido, sinalou que “a TVG ten demostrado que está plenamente sensibilizada coa promoción da lingua galega entre o público infantil e xuvenil, programando en horarios de máximo consumo, apostando pola produción propia, as canles dixitais ou proxectando unha plataforma OTT”.
“Semella clave o desenvolvemento dunha plataforma OTT, na que xa está a traballar a corporación e na que haberá, do mesmo xeito que existe en dixital, unha canle específica para a infancia, á que é preciso dotar de contidos e accións atractivas para estes espectadores no terreo da formación e o entretemento”, apuntou.
Raquel Arias engadiu que “esta obriga de contar con programación infantil e xuvenil en idioma materno debe esixírselle non só á CRTVG, senón tamén á Televisión Española, unha canle que, a diferenza da galega, non ofrece a posibilidade de acceder a programación infantil en galego”. Deste xeito, demandou ao Goberno de España que “a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego, nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa APP”.