Iniciativa sobre as demandas que debe realizar o goberno galego ao Goberno central en relación co deseño e presentación oficial do Plan turístico nacional Xacobeo 2021-2022
A principios do mes de marzo, a Ministra de Industria, Comercio e Turismo Reyes Maroto, anunciou o Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22, co que segundo as súas palabras se pretende reforzar o desenvolvemento e consolidación do produto turístico Xacobeo dende unha perspectiva de sustentabilidade, inclusiva, dixital, de calidade e segura, en definitiva, unha aposta polo modelo turístico que queremos para o futuro. Amais, este plan é un produto único que fortalecerá a nosa imaxe de destino turístico internacional”.
En dita presentación, simplemente se falou de liñas xerais, sen entrar ao detalle das mesmas, nin no contido, nin moito menos nas partidas orzamentarias específicas para o Xacobeo 2021-2022.
Outro punto a subliñar da presentación foi a falla de participación das comunidades autónomas, ás que non se lle dou quenda de intervención para presentar as súas impresións e suxestións.
O goberno galego xa pediu no seu momento que deberían especificarse partidas concretas que demostren o compromiso real do goberno central cara ao Ano Santo.
Con respecto aos beneficios que terá para Galicia, a Xunta quere converter esta celebración en algo extraordinario e único, de repercusión internacional, que supoña unha palanca de actividade económica e impulse a nosa promoción no exterior. O Xacobeo 2021-22 debe significar unha oportunidade para fomentar a nosa cultura, coidar a nosa paisaxe e promover o noso talento. Un acontecemento que atraerá recursos e estimulará a nosa economía, especialmente a dos territorios rurais por onde pasa o camiño.
O Xacobeo 2021-22 constituirá, ademais, unha oportunidade única para crear comunidade local, cohesión e sentimento de orgullo entre as galegas e os galegos, e cos peregrinos do resto do mundo.
En resumo, o vindeiro Xacobeo será celebración, pero concibida tamén como oportunidade para trazar o camiño da Galicia da próxima década. Un acontecemento memorable que busca deixar a súa propia pegada. Será, ante todo, un Xacobeo pensado para que perdure o seu legado coa vista posta no vindeiro Ano Santo, o de 2027.
Polo exposto, O Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en pleno:
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno da Xunta de Galicia a solicitar do Goberno de España:
1. Que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, para o deseño do Plan de Turístico Nacional Xacobeo 21-22, conte ca participación das CCAA, dentro das súas competencias no ámbito turístico, para a concreción de accións e para a aplicación de recursos económicos para os anos 2021-2022
2. Que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo se comprometa a facer a presentación oficial do Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22 na Comunidade Autónoma de Galicia.”
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/u9XholYrCG-lfTfomGoz0FPExQdUx5OMGRls0jmHVqg