Os populares galegos defenden unha nova Lei pola Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes no Emprego, “unha reforma revolucionaria”
Os PPdeG aposta polas políticas de alivio fiscal fronte á tendencia do PSOE a subir impostos, polo apoio ás clases medias e baixas, pola igualdade -que debe comezar no mercado laboral-, e pola defensa dos nosos sectores estratéxicos. Así o recolle a ponencia “Os retos dunha Galicia que quere máis emprego e menos impostos”, coordinada por Borja Verea e con María Ramallo, Marta Novoa e Antonio Ameijide, que será sometida a debate no 17º Congreso autonómico.
O relatorio manifesta o compromiso cunha política fiscal eficiente porque “a prioridade dunha Administración responsable debe ser reducir as cargas aos cidadáns”. “A nosa estratexia fiscal ten como grandes prioridades os mozos menores de 36 anos, as familias numerosas, as persoas con discapacidade e aqueles que viven e/ou desenvolven a súa actividade no medio rural ou zonas pouco poboadas, cun pioneiro programa de impostos cero no rural”, expón.
En materia de IRPF, o PPdeG quere situarnos entre as Autonomías coa tributación máis baixa neste imposto para as rendas predominantes en Galicia, ademais de contribuír a estimular o consumo e reactivar a economía. Do mesmo xeito, avógase por reforzar os incentivos en IRPF ante o reto demográfico e coa finalidade de incentivar a natalidade, situándonos á cabeza de España en apoio fiscal a cinco colectivos: familias numerosas, familias monoparentais, mozos, persoas con discapacidade e vítimas de violencia de xénero.
No tocante ao Imposto de Sucesións, o obxectivo é manternos entre as Autonomías coa mellor tributación para as herdanzas de familiares directos, tanto en vida como ‘mortis causa’. Nese senso, os populares insistirán na defensa das especificidades do Dereito Civil de Galicia, que lexisla institucións tradicionais do noso país como as herdanzas en vida.
“Fomentaremos as políticas de impostos cero no rural, procurando a mobilización da terra produtiva e impulsando os beneficios fiscais para a actividade agraria, gandeira e forestal, promovendo o asentamento de poboación no rural”, apunta o texto.
En canto ao Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos documentados, optan por manter todos os tipos reducidos aos colectivos prioritarios, así como revisar á baixa os tipos xerais. No caso do Imposto do Patrimonio, o PPdeG pretende revisar progresivamente a súa fiscalidade para adáptala ao noso entorno da Unión Europea.
OS RETOS DO MERCADO LABORAL
En materia de emprego, no documento atópanse medidas específicas para promover a inclusividade e tamén orientadas a xerar oportunidades e a apoiar o emprendemento xuvenil.
“Apostar polos autónomos é apostar pola economía de Galicia”, sinala o texto, que recolle que o PPdeG seguirá mellorando as súas políticas activas de emprego autónomo, colaborando cos traballadores e empresarios, cara unha recuperación xusta que garanta un futuro digno a milleiros de familias.
“É indispensable lograr que iniciarse no traballo por conta propia sexa cada vez máis sinxelo” e para logralo procuran a simplificación dos trámites administrativos e a redución das cotas mensuais, con medidas como a ampliación da tarifa plana de autónomos. Ademais, darán pulo a políticas activas que favorezan o relevo xeracional e axudarán aos autónomos a reposicionarse favorecendo procesos de expansión ou internacionalización dos seus negocios, sen esquecer a conciliación para que non teñan que renunciar ou decidir entre o seu proxecto vital e o empresarial.
A IGUALDADE COMEZA POLO EMPREGO
O acceso ao mercado laboral en igualdade de condicións para homes e mulleres, combater a precariedade, traballar pola igualdade salarial e o desenvolvemento laboral pleno marcarán a axenda dos populares.
Precisamente para blindar estas cuestións, o documento insiste na necesidade dunha nova Lei pola Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes no Emprego, “que promova a igualdade de trato e oportunidades como un dereito, en liña coa conciencia xurídica e social imperante”. “Estamos ante unha reforma revolucionaria, que permitirá consolidar a independencia económica das mulleres e impulsará o seu desenvolvemento profesional, tanto en áreas urbanas como rurais, para converternos nunha Comunidade exemplar onde todos contribuímos ao avance colectivo”, engade o texto.
POLÍTICA MEDIOAMBIENTAL E ENERXÉTICA
Co obxectivo de continuar dando pasos firmes na busca de solucións eficientes para mitigar os efectos do cambio climático, o PPdeG propón a creación dun Pacto Galego polo Clima, que debe reunir a aquelas organizacións que estean dispostas a asumir un compromiso para avanzar na mellora do medio ambiente e o logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e a Axenda 2030.
Por outra parte, fronte ao actual proceso de transición enerxética “improvisado, contraditorio e errático” do Goberno socialista, os populares inciden nunha transición enerxética xusta e ordenada que avance cara un novo modelo máis verde e sustentable pero sen abandonar os milleiros de empregos e industrias. Deste modo, destacan unha reconversión paulatina, especialmente en comarcas como As Pontes, Ferrolterra ou Cerceda; facendo fincapé tamén na oportunidade que supoñen os Fondos Next Generation.
O RURAL NO ADN NO PPdeG
A ponencia resalta a mellora da conexión do territorio que permita aumentar a calidade de vida das familias e a rendibilidade e competitividade dos negocios. Os populares indican que este impulso das conexións no rural debe ser físico, a través da mellora das infraestruturas; legal, a través da axeitada ordenación do territorio -na que é clave a nova Lei de recuperación da terra agraria-; e dixital, aumentado a conectividade móbil e rede. O relatorio tamén inclúe a ampliación dos servizos de transporte público no rural e as novas tendencias de transporte compartido e baixo demanda.
Igualmente, a ponencia urxe abordar una Plan de liquidez para os operadores do sector primario que se concrete en medidas como o anticipo das axudas directas da PAC, axilización no pago de subvencións xa concedidas ou as concesión de anticipos nas axudas para investimentos agrícolas, gandeiros e de desenvolvemento rural.
MODELO TURÍSTICO
No ámbito turístico, os populares poñen o foco na Década Xacobea, aproveitando o seu impacto a nivel internacional e a recoñecida marca do Camiño de Santiago para promocionar Galicia como destino. “Non podemos perder a oportunidade que supón o Camiño de Santiago, como modelo de turismo sostible, rendible e de alto valor engadido. Unha aposta que debe inspirar todo o modelo turístico galego”, remarcan.