Iniciativa sobre a demanda da retirada do recurso respecto da reforma da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia por supoñer un agravio comparativo ante a convalidación dun decreto lei do Parlament de Illes Balears con contido idéntico
O Goberno galego manifestou en diferentes ocasións ao longo da pandemia, a necesidade de actualizar a Lei Orgánica 3/1986, de medidas especiais en materia de saúde pública, polo imprescindible de contar con regulación para poder xestionar a pandemia. Tanto é así que a Xunta de Galicia chegou a remitir ao Goberno unha seria de propostas para a reforma da lei.
A insuficiencia da normativa existente para dar resposta á pandemia foi recollida polo informe emitido polo Consello de Estado a solicitude do Goberno e tamén polo Tribunal Supremo que manifestou, nunha recente sentenza, que contar cunha norma que marcara as condicións e os límites para limitar os dereitos fundamentais suporía menos dificultades xurídicas.
Este Parlamento tomou a iniciativa para que Galicia puidese contar cun marco legal propio, dentro das competencias autonómicas, e aprobou no mes de febreiro a reforma da Lei 8/2008 do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
O paso seguinte foi a rápida resposta por parte do Goberno central, que a finais de marzo, acordou no Consello de Ministros interpoñer un recurso de inconstitucionalidade sobre a reforma da lei galega ante o Tribunal Constitucional por considerar que abría a porta a limitar dereitos fundamentais, o Tribunal admitiuno a trámite e suspendeu a aplicación do artigo 5.
Nese recurso, o Goberno de España, afirmaba, por exemplo que “la Ley es inconstitucional por invadir las competencias en materia de coordinación sanitaria que la Constitución atribuye al Estado, despojándolas de contenido. A estos efectos, cabe pensar qué sucedería si todas las Comunidades Autónomas actuaran de la misma manera ante una pandemia como la que está sufriendo España. Cada una de ellas dispondría de un régimen jurídico distinto ante situaciones que no conocen de límites geográficos”.
En particular, detíñase no apartado 2 do novo artigo 38 da Lei de Saúde Galega,sostendo que “Los apartados b, números 1º al 7º del nuevo artículo 38.2 de la Ley8/2008 de Salud de Galicia establecen medidas que afectan a los derechos fundamentales reconocidos por los artículos 15, 17, 19 y 21 de la Constitución y, sin embargo, no encuentran cobertura en la Ley Orgánica 3/1986, de 14 de abril, de Medidas Especiales en Materia de Salud Pública, vulnerando la reserva de ley orgánica y menoscabando las competencias del Estado” pasando posteriormente a argumentar
a presunta inconstitucionalidade de cada unha das sete medidas preventivas enumeradas na aliña b) deste apartado 38.2.
En maio o Goberno Balear aprobaba a través dun decreto lei a modificación da lei 16/2010 de Saúde Pública das Illas Baleares, ademais da lei 11/2020 polo que se establece un réxime sancionador específico respecto ás medidas fronte ao coronavirus.
Este decreto recolle, en gran medida, o contido da reforma galega. En particular, o que na lei galega é o mencionado artigo 38.2 pasa a ser na lei balear un novo artigo 49 bis. Ese artigo 49 bis recolle, unha por unha, a listaxe completa das sete medidas preventivas para o control de enfermidades transmisibles que están enumeradas no artigo 38.2 da lei galega. Cinco delas cunha redacción absolutamente idéntica e as outras dúas con algunha variación.
É especialmente rechamante como o texto balear copia de xeito literal un parágrafo sobre o que o escrito do recurso do Goberno central dicía o seguinte: “Lo mismo cabe decir de la cláusula verdaderamente abierta del número 7º que constituye una verdadera “carta blanca” a que las autoridades gallegas puedan adoptar cualquier tipo de medidas restrictivas de los derechos fundamentales”. Esa cláusula do número 7 está reproducida con exactamente o mesmo texto na aliña g) do apartado 3 do novo artigo 49 bis da Lei balear de saúde pública.
A pesar diso, o Goberno non ten manifestado a súa desconformidade con estas medidas que hai só dous meses defendeu que vulneraban a lexislación orgánica e non ten, por tanto, iniciado ningún recurso de inconstitucionalidade contra o texto legal balear, o que semella un agravio para a cidadanía galega, que ve como se limita a nosa capacidade de xestión da pandemia mentres en Baleares, os mesmos contidos parecen non supoñer maior problema para o Goberno central e contan con plena vixencia.
Por todo o exposto, as deputadas e deputados do Grupo Parlamentario Popular presentamos a seguinte proposición non de lei en Pleno.
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que solicite do Goberno de España a retirada do recurso interposto ante o Tribunal Constitucional respecto da reforma da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia e da petición de suspensión de vixencia do precepto impugnado, segundo o previsto no artigo 161.2 da Constitución Española, por supoñer un agravio comparativo ante a situación xerada pola convalidación por parte do Parlament de Illes Balears dun decreto lei con contidos idénticos aos que motivaron o escrito de recurso do Goberno central contra a Lei galega, e que teñen levado a que a súa aplicación se manteña suspendida en Galicia mentres se manteñen con plena vixencia noutra comunidade autónoma sen que o Goberno de España teña adoptado medida algunha ao respecto.”