O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lamentou que Pedro Sánchez poña o Estado ao servizo do PSOE, sendo Galicia unha das súas principais vítimas pola vinganza dun presidente cun territorio que non o vota nin lle serve para manterse na Moncloa. Para exemplificalo, expuxo un decálogo de agravios que resume ano e medio de maltrato á Comunidade, manifestando que os populares seguirán traballando para acabar con esta situación.
OS ORZAMENTOS MÁIS BAIXOS EN 15 ANOS
Acompañado pola deputada nacional Marta González e polo senador José Manuel Barreiro, comezou recordando os Presupostos Xerais do Estado, unhas contas coa menor inversión en Galicia dos últimos 15 anos. Así, mentres se aumentou o investimento en case todas as Comunidades, os galegos sufrimos un gran castigo financeiro, un recorte do 11% -fronte ao incremento en Cataluña de case un 50%-.
REPARTO INXUSTO DE FONDOS EUROPEOS E IMPAGO DE DÉBEDAS
Tellado cuestionou o reparto inxusto das primeiras fases dos Fondos Europeos, que non atendeu a criterios obxectivos senón partidistas: “Recompensando ou pagando o acordado cos socios que o puxeron no Goberno”.
Igualmente, falou da negativa a pagar as débedas contraídas polo Estado con Galicia, como os máis de 200 millóns de euros das liquidacións do IVE que agora o Tribunal Supremo lle obriga a pagar, fallando a favor da Xunta.
O BLOQUEO DA REFORMA DA LEI DE SAÚDE
En terceiro lugar, afeou o bloqueo do Executivo central á reforma da Lei galega de Saúde, que non sería necesaria se este exercera as súas competencias e cumprira a súa palabra, adaptando a lexislación nacional en materia de Saúde pública para asegurar que os mecanismos que combaten a pandemia se usen acorde a dereito e garantindo a seguridade xurídica. “O Goberno socialista négase a lexislar e evita que o faga Galicia, cun bloqueo partidista e sectario dunha reforma que si avalou noutras Comunidades. Sánchez é a versión moderna do Perro del Hortelano. Nin lexisla, nin deixa lexislar. Nin xestiona, nin deixa xestionar”, destacou.
O RETRASO NAS BONIFICACIÓNS E NA TRANSFERENCIA DA AP-9
Por outra banda, criticou o bloqueo do Executivo central durante meses á tramitación da Lei de traspaso da AP-9 que, pola presión dos deputados do PPdeG, tiveron que comezar a tramitar, confirmándose a súa vontade de enganar aos galegos. De feito, o PSOE simplemente pretende traspasar a responsabilidade da explotación da autoestrada, sen ningunha capacidade de xestión, algo contrario ao acordado por unanimidade no Parlamento.
En canto aos descontos prometidos nas peaxes, levamos máis de 9 meses esperando e, cada día que pasan sen aplicarse, os galegos seguimos a sufrir nos petos os prezos dunha das autoestradas máis caras de España, que ademais viu incrementadas novamente as súas tarifas no mes de xaneiro.
O ABANDONO DAS GRANDES INFRAESTRUTURAS
Tellado tamén enumerou algúns dos grandes proxectos comprometidos que o Estado está dilatando no tempo ou bloqueando, como as Autovías A-56 Lugo-Ourense, a A-54 Lugo-Santiago, a A-76 Ourense-Ponferrada e a A-57, a circunvalación do Barco, a Variante de Ourense en Eirasvedras, a variante ferroviaria de Ourense e, por suposto, o AVE, cuxa enésima promesa é que chegará en decembro deste ano a Ourense.
DESASTROSA POLÍTICA INDUSTRIAL E AFUNDIMENTO DE NAVANTIA
“Un dos peores ataques de Sánchez ao presente e ao futuro de Galicia é a súa devastadora política enerxética e industrial”, afirmou explicando que a transición ecolóxica que pretende levar a cabo é un atentado ideolóxico á estrutura produtiva e industrial do noso país. Nese senso, como xa ocorreu con Alcoa, Siemens-Gamesa ou Ferroatlántica, fixo fincapé en que ENCE e Navantia están véndose abocadas a pechar a súas plantas por esa política absolutamente contraditoria e arbitraria do Executivo central.
Así mesmo, declarou que Sánchez é o campión da perda de contratos de Navantia, deixando pasar dous grandes que terían garantido o futuro da compañía, primeiro con EEUU e agora con Grecia. Mentres tanto, lembrou que retrasa sine die a construción das Fragatas F-110 -que xa presupostara o Goberno Rajoy- e négase a encargar a construción dun barco-ponte para o Ministerio de Defensa, decisións que poñen en risco á comarca de Ferrolterra.
A LESIVA LEI DE CAMBIO CLIMÁTICO
Sobre a Lei de Cambio Climático, o popular indicou que representa o ecoloxismo falso e mal entendido dos socialistas, que non garante nin un modelo máis verde e sustentable, nin un futuro para as empresas e traballadores. Esta nova normativa xa afecta a miles de empresas da cadea mar-industria que viron como, da noite á mañá, as súas concesións se reduciron en máis de 40 anos.
O ATAQUE Á AUTONOMÍA FISCAL GALEGA
O noveno punto -salientou- é o ataque á nosa autonomía fiscal coa suposta “Lei Antifraude”, unha reforma lexislativa que supón un novo aumento da presión fiscal para os galegos e que ataca ao Estatuto de Autonomía e ao noso Dereito Civil, que regula as herdanzas en vida. “A única prioridade do Goberno socialista é recadar”, subliñou.
O DESPREZO AO XACOBEO
Por último, puxo en evidencia o abandono ao Xacobeo 2021-2022, un desprezo a unha celebración recoñecida en todo o mundo ao que o Executivo central lle nega a colaboración e a co-financiación do Estado, perdendo a ocasión de impulsar un elemento turístico único, seguro e sustentable como o Camiño de Santiago.