Apunta que os populares esixirán, no Parlamento e en todos os concellos, que se apliquen medidas urxentes para abaratar o prezo da factura da luz
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que, desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa, a vida cotiá de todos os cidadáns encareceuse dramaticamente coa subida do prezo da luz, dos combustibles, da cesta da compra e de decenas de impostos: “Para unha familia española chegar a fin de mes é hoxe moito máis difícil que hai tres anos”.
Como manifestou, resulta irónico que o Goberno que repite como un mantra o de “non deixar a ninguén atrás” sexa o Executivo que, na nosa historia recente, máis está abandonando ás familias e aos negocios. Por este motivo, recalcou que os populares galegos esixirán, no Parlamento e en todos os concellos, que se apliquen medidas urxentes para abaratar o prezo da factura eléctrica, que tantas dificultades está xerando.
Igualmente, Tellado insistiu en que o desorbitado custe da luz é só a punta do iceberg, lamentando que o aumento provocado por unha desastrosa política enerxética continúe batendo récords históricos sen que o Goberno socialista tome medias reais para contelo -máis alá de campañas de propaganda ou parches puntuais-.
LOITAR CONTRA A EXCLUSIÓN FINANCEIRA
Por outra banda, amosou a súa preocupación polo problema de exclusión financeira que están a vivir moitos municipios en toda España, especialmente do rural. Malia que se trata dunha cuestión que afecta en menor medida aos concellos de Galicia, salientou que os populares presentarán no pleno do próximo martes no Parlamento unha iniciativa neste sentido e que os grupos municipais tamén proporán mocións ao respecto nas próximas semanas.
Así mesmo, lembrou que, na recente visita á Comunidade da vicepresidenta primeira o Goberno, Nadia Calviño, Alberto Núñez Feijóo solicitoulle que o Executivo central impulse unha normativa estatal que garanta os servizos bancarios nos pequenos concellos, pois é a única solución duradeira para atallar esta situación.
RENOVACIÓN TRANQUILA FRONTE A PROCESOS TRAUMÁTICOS
Por último, o secretario xeral fixo referencia aos congresos da Coruña e Ourense, que terán lugar este sábado e domingo, e que poñen fin a un mes de intensa actividade orgánica e á renovación provincial do PPdeG. Sobre isto, destacou a serenidade do proceso realizado polos populares, que se iniciou no conclave autonómico de xullo, que dá voz á militancia e que está actualizando ideas e equipos.
De feito, contrapuxo esta “renovación tranquila” cos procesos traumáticos que está atravesando a oposición, mencionando a fallida estratexia de autobombo de Ana Pontón, que iniciou un simulado proceso de reflexión esperando unha aclamación dos seus que parece non chegar; e a guerra aberta do PSdeG, que leva meses inmerso nunha loita fratricida de declaracións, columnas nos diarios e puñaladas entre compañeiros. “Fronte a esta oposición ensimesmada, o PPdeG volve demostrar que está preparado para os retos futuros e que somos un partido ao servizo de Galicia”, subliñou.
Ademais, resaltou que a mellor forma de rematar este proceso congresual é inaugurar a Convención Nacional do PP, que arranca o vindeiro luns en Santiago e finalizará a próxima fin de semana en Valencia. O número dous dos populares galegos avanzou que a xornada de inicio contará coa participación de Alberto Núñez Feijóo, Pablo Casado, Mariano Rajoy e do vicepresidente da Comisión Europea, Margaritis Schinás, engadindo que esta Convención definirá as grandes liñas programáticas da organización e suporá o principio da fin do Goberno socialista.