Santiago, 30 de novembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España a urxente aprobación do Real Decreto de Ordenación Pesqueira de cara a regular de xeito rápido a creación dunha lista específica de embarcacións co obxectivo de dar solución ao procedemento de adecuación das disposicións normativas sobre a potencia ou arqueo das embarcacións que faenan a marisqueo ou recursos específicos.
A portavoz popular do Mar, Teresa Egerique, lembrou que “o sector vén reclamando desde hai anos unha revisión da potencia dos motores das embarcacións pesqueiras dedicadas á captura de percebe e a outros recursos específicos, como algas, ourizos, navallas e poliquetos, co fin de adaptalos á realidade da frota e da actividade que realizan, xa que consideran que a escala actual non se corresponde coas súas necesidades laborais”.
FACILITAR O CAMBIO NORMATIVO
En concreto, manifestou que os percebeiros demandan unha potencia superior para poder manobrar e escapar dos golpes de mar cando traballan baixo condicións arriscadas pola forte ondada, así como noutros casos nos que o porte ou o peso do produto extraído, unido ás áreas de traballo nas que faenan, tales como praias abertas ou costa exposta, fai recomendable o aumento desa potencia.
Diante desta situación, Teresa Egerique reclamou ao Goberno central “a adopción de medidas que tendan a facilitar un cambio normativo que se axuste á realidade da súa actividade, é dicir, a revisión da potencia dos motores das embarcacións pesqueiras dedicadas ao labor extractivo de marisqueo ou recursos específicos”.
Egerique lembrou que, logo de diversas reunións celebradas pola Consellería do Mar coa Dirección Xeral da Mariña Mercante e a Secretaría Xeral de Pesca para buscar unha alternativa, o Ministerio de Pesca remitiu ás comunidades autónomas o pasado mes de marzo o proxecto de Real-Decreto de ordenación da flota pesqueira, “documento ao que a Consellería deu resposta no mes de abril pero, lamentablemente, a día de hoxe está parado e sen dar solución ás necesidades do sector”.
MORATORIA MINARÍA SUBMARINA
Por outra banda, o Grupo Popular tamén apoiou a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno de España a promoción e defensa diante da Alta Autoridade dos Fondos Mariños (ISA) dunha moratoria da minaría submarina ata que se teñan estudado e investigado suficientemente os seus efectos no medio ambiente mariño, a biodiversidade e as actividades humanas no mar, e se poida xestionar a minaría submarina para garantir que non se perda biodiversidade mariña nin se degraden os ecosistemas mariños.
Ademais, pídese que se garanta a participación das organizacións ambientais e pesqueiras nas delegacións do Estado español diante da Alta Autoridade dos Fondos Mariños e promova a defensa dunha reforma dese organismo para una maior transparencia e participación da sociedade civil e sectores afectados. Por último, pídese que se adopte una prohibición da minaría submarina nas súas augas xurisdicionais e exclúa explicitamente a posibilidade de realizar esta actividade nas Áreas Mariñas Protexidas e Áreas Mariñas de Importancia Ecolóxica ou Biolóxica, incluíndo o Banco de Galicia fronte ás costas galegas.