Santiago, 10 de decembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do BNG nin do PSdeG, a través da que se insta á Xunta a defender os intereses do sector marítimo-pesqueiro galego e da súa cadea mar-industria fronte aos ataques e obstáculos xurdidos en razón da actuación do Goberno central, desenvolvendo cantas accións sexan necesarias para frear e minorar a inestabilidade e a falla de seguridade xurídica que marca a modificación da Lei de costas a través da Lei de cambio climático; a incoherencia e descoordinación na pesca e comercialización do marraxo; e a indefinición e menoscabo do autogoberno xerado co recurso do Goberno central sobre a orde que regula o Plan Xeral de explotación marisqueira para o período 2021-2023.
?Algúns exemplos de decisións do Goberno central negativas para o sector pesqueiro galego: cambio Lei de Costas provoca inseguridade xurídica moi preocupante; prohibición de comercialización de marraxo ou a proposta do Plan España 2050 sinala @temtem23 pic.twitter.com/BJdxUajzf0
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) December 10, 2021
A portavoz popular do Mar, Teresa Egerique, manifestou que “a pesca, o marisqueo, a acuicultura e a cadea de transformación de Galicia foron e son obxecto de ataques e obstáculos inxustificados por parte do Goberno do Estado contra o sector marítimo-pesqueiro galego e da súa cadea mar-industria”.
POLA PORTA DE ATRÁS
En concreto, Egerique referiuse ao cambio na Lei de costas “pola porta de atrás e tras intentalo co regulamento de Costas, co obxectivo de cercenar os prazos concesionais e aumentar a discrecionalidade da continuidade dos titulares das concesións”. “Tentan cambiar os criterios de extensión temporal das concesións e os criterios de asentamento das estruturas de empresas ou administracións, así como inmiscuírse nos ámbitos de xestión doutras administracións”, sinalou.
Respecto da prohibición do marraxo, a portavoz popular lembrou a importancia que esta especie ten para a frota palangreira galega, xa que supón o 10 por cento das súas capturas anuais por un valor aproximado de 10 millóns de euros. Neste sentido, lamentou “a incoherencia e a descoordinación do Goberno central, xa que por unha banda o Ministerio de Pesca autoriza a pescar o marraxo, mentres que, por outra parte, o Ministerio de Transición Ecolóxica impide vendelo, causando un prexuízo económico para frotas xa afectadas polos problemas derivados da situación de pandemia”.
ATAQUE AO SECTOR MARISQUEIRO
En terceiro lugar, Teresa Egerique lamentou a situación de “indefinición e ataque que sofre o sector marisqueiro galego logo do recurso presentado polo Goberno central contra o Plan Xeral de explotación marisqueira 2021-2023, nun ataque a un dos mellores exemplos do autogoberno galego e en base a reclamacións nunca antes feitas en 30 anos”.
“O Goberno galego leva moitos anos tramitando e aprobando os plans de explotación marisqueira sen que ata o momento houbese problema algún nin solicitude por parte de ningún dos gobernos de España, nin de ningún dos ministerios nos que se solicitase informe preceptivo ao respecto”, salientou Egerique.
A portavoz popular lamentou que “a batalla xudicial aberta podería ter consecuencias moi negativas para os máis de 8.700 persoas que traballan o marisqueo en Galicia, xa que a suspensión do plan xeral xeraría un baleiro legal na xestión e explotación dos recursos marisqueiros ao deixar ao sector sen as regras que garantan unha actividade ordenada, sustentable e respectuosa co medio ambiente”.