Santiago, 22 de decembro de 2021.- O Parlamento de Galicia reafirmou hoxe, ao cumprirse o 40ª aniversario da súa constitución e a través dunha proposición no de lei do Grupo Popular, que foi votada en contra polo BNG, o seu compromiso e apoio á vixente Constitución Española e ao Estatuto de Autonomía de Galicia e, polo tanto, o seu rexeitamento a calquera iniciativa que promova a independencia de Galicia ou de calquera outra comunidade autónoma de España, xa que con iso se pon en risco o marco de convivencia que todos os españois nos demos e que garante o autogoberno de Galicia.
O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, lembrou que o pasado 6 de decembro celebrouse o 43 aniversario da Constitución Española e o pasado domingo tivo lugar o 40 aniversario da primeira sesión do Parlamento de Galicia, “dúas datas sinaladas que a gran maioría dos galegos celebramos con xúbilo, pois supuxeron para Galicia o inicio da maior época de prosperidade e desenvolvemento da historia do noso país”.
“43 anos despois, o Estado das Autonomías segue sendo a mellor fórmula para articular a pluralidade e a diversidade que conformamos os pobos de España, un marco de convivencia que supuxo para todo o país, e nomeadamente para Galicia, a época de maior desenvolvemento e autogoberno da nosa historia”, apuntou.
Tellado salientou que “os avances nestes anos son innumerables, o que non significa que nos deamos por satisfeitos, porque recoñecemos que queda moitísimo por facer e os retos que temos por diante como sociedade son moitos e moi complexos”.
Porén, lamentou que na actualidade “hai partidos que non queren construír unha sociedade mellor sobre os cementos dos nosos logros colectivos, senón derrubalo todo para gobernar as ruínas”. “Debuxan unha sociedade enfrontada e empobrecida, e queren facernos crer que todo vai mal e que só eles teñen a fórmula milagrosa para que todo vaia ben”, sinalou.
VISIÓN DESTRUTIVA E AGOREIRA
O viceportavoz popular alertou que “esa visión destrutiva e agoreira tamén chegou a Galicia, representada por un BNG cenizo, que está en contra de todo, que nada lle sirve e que ve o lado malo de todo”. Ademais, lamentou que os nacionalistas galegos “sempre son os primeiros en criticar, pero os últimos en arrimar o ombreiro e traballar por unha Galicia mellor”.
Neste sentido, lembrou que a principios do mes de novembro “o BNG poñíase no seu congreso a enésima careta da moderación e dicía que renunciaba ao independentismo, pero a realidade impúxose e, como a maior parte dos membros do BNG aínda ven moi lonxe as próximas eleccións como para poñerse a careta da moderación, nos últimos dous meses insistiron na súa negativa a condenar a violencia como ferramenta política, manifestáronse con Bildu pedindo un País Vasco independente, festexaron o aniversario do referendo ilegal pola independencia en Cataluña ou renovaron o seu apoio á Cuba castrista”.
“O mínimo que se lle pode esixir a un partido político é a honestidade, porque dentro do respecto á lei e aos principios democráticos todas as ideas son aceptables, pero nunca a mentira nin enganar aos galegos”, dixo Miguel Tellado.