Iniciativa sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia ante o Goberno central para garantir a viabilidade das obras públicas ante a actual crise de prezos e desabastecemento de materiais, para garantir a execución de infraestruturas esenciais, protexer o emprego e evitar poñer en risco os fondos europeos destinados á recuperación económica
O desabastecemento e o incremento desmedido de prezos experimentado xa durante o pasado ano por determinados materiais básicos para a construción, fixo que o Goberno galego, consciente dos problemas que esta circunstancia podería supoñer para garantir a viabilidade dos investimentos públicos promovidos pola Administración autonómica, adoptara medidas para blindar a realización desas obras e asegurar, ao tempo, o mantemento dos postos de traballo e a execución, en prazo, dos fondos europeos de reconstrución.
As medidas adoptadas pola Xunta a finais do pasado ano, pioneiras en España, permiten dispoñer dun respaldo normativo para outorgar unha compensación ás empresas adxudicatarias e evitar así a quebra do contrato; ou autorizar unha modificación dos materiais, sempre e cando isto non implique unha merma na funcionalidade das obras, promovendo a utilización de recursos de proximidade.
O Goberno galego tomou a iniciativa, na parte que corresponde ás súas competencias, pola inacción absoluta por parte do Goberno de España ante un problema de gran relevancia e enorme repercusión. E isto, pese ás chamadas reiteradas por parte da Administración autonómica galega ao Goberno central para que adoptase medidas urxentes.
As consecuencias da falta de solucións globais e desta deixadez por parte do Goberno estatal están xa a ser patentes en todo o territorio español e xa son moitas as obras públicas impulsadas polas distintas administracións que teñen problemas, están paralizadas ou mesmo viron rescindidos os seus contratos, ante o forte incremento de materias primas básicas para a construción e a súa escaseza, o que causa problemas de desabastecemento que teñen un forte impacto negativo para o cumprimento dos prazos de execución establecidos.
Polo exposto, desde o Grupo Parlamentario Popular consideramos necesario presentar esta proposición non de lei para o seu debate en comisión:
“O Parlamento insta ao Goberno galego a pedir ao Goberno de España que, con urxencia, adopte os cambios normativos pertinentes e habilite medidas de revisión de prezos extraordinaria para os contratos, que garantan a viabilidade das obras públicas ante a actual crise de prezos e de abastecemento de materiais, para garantir a execución de infraestruturas esenciais, protexer o emprego e evitar poñer en risco os fondos europeos extraordinarios destinados á recuperación económica, que deben executarse nun tempo limitado”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-002643