Iniciativa de impulso de actuacións respecto dos programas de axudas á inclusión sociolaboral de mulleres en situación de vulnerabilidade e/ou en risco de exclusión social
A garantía da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes é deber de calquera Goberno que aspire ao progreso democrático e ao benestar social.
Sen embargo, a pesar dos avances acadados neste eido nos últimos tempos, como por exemplo, a reforma lexislativa aprobada por unanimidade polo Parlamento galego para garantir a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación, (Lei 13/2020, de 20 de xullo), o Grupo Parlamentario Popular considera que é preciso que todos os poderes públicos sigamos poñendo en marcha accións que afonden na promoción das condicións para que a liberdade e a igualdade sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude, así como facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social, tal e como establece o apartado 2 do artigo 9 da Constitución Española.
Neste sentido, destaca o labor do Goberno galego a favor da plena igualdade entre mulleres e homes, que se cristaliza en instrumentos de planificación macros como o Plan de conciliación e corresponsabilidade e o Plan Estratéxico para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Ámbolos dous configúranse como o marco das principais políticas públicas para avanzar na igualdade.
Non obstante, aos anteditos plans hai que sumar outras iniciativas que a Xunta pon a disposición das mulleres de Galicia, como as novas axudas artelladas nos programas de mellora das capacidades dixitais para mulleres residentes no medio rural; os programas integrados de emprego exclusivos para mulleres; as unidades formativas en empresas en sectores con subrepresentación feminina; o programa de incentivos á contratación “Muller 22” e o programa “Relevo Xeracional Empresa Muller”. Así tamén, segue a poñer a disposición das mulleres da nosa comunidade recursos públicos históricos como o programa formativo de promoción do liderado feminino “Son Executiva”; o programa “Galicia Emprega”, coa súa liña específica dirixida a mulleres; ou o programa “Emega”, que axuda a materializar as ideas empresariais de mulleres emprendedoras e crear novos postos de traballo femininos. Todas estas iniciativas configuran o novo Plan Emprega Muller, dotado con medidas de discriminación positiva que impulsan o papel da muller no mercado laboral galego.
Este programa compleméntase con accións dirixidas a apoiar a conciliación, unha das principais necesidades e aspectos máis demandados polas persoas traballadoras hoxe en día, así como outras iniciativas con financiamento específico para promover a igualdade laboral no noso mercado de traballo.
Ademais, cómpre destacar que para o ano 2022 a Xunta de Galicia ten previsto mobilizar especificamente 13,6 millóns de euros á promoción da igualdade e 18 millóns de euros, un 22% máis, para a loita decidida contra a violencia de xénero.
Sen embargo, debemos seguir avanzando no cumprimento do quinto dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e as nenas.
Por todo isto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposción non de lei en Pleno polo trámite de urxencia:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1. Promover o mantemento e ampliación dos programas e axudas destinados á inclusión sociolaboral de mulleres en situación de vulnerabilidade e/ou en risco de exclusión social.
2. Consolidar aqueles programas e recursos especializados dirixidos ás mulleres maiores e ás mulleres con discapacidade.
3. Reforzar a perspectiva de xénero nas políticas medioambientais e de xestión do
territorio, desenvolvendo programas ambientais con perspectiva de xénero e de posta en valor do papel das mulleres na xestión e conservación da biodiversidade.
4. Apoiar a promoción profesional das mulleres no ámbito cultural e a visibilización
da súa produción artística nos distintos eidos (literario, artes escénicas e musicais, audiovisual, contido dixital, etc.).
5. Fomentar as boas prácticas e a implicación dos medios de comunicación na
transmisión de contidos que promovan a igualdade entre mulleres e homes; así como reforzar os mecanismos de denuncia e asesoramento para a boa praxe dirixidos á eliminación do sexismo nas mensaxes publicitarias.
6. Realizar campañas institucionais e outras accións para a concienciación da
cidadanía en torno á igualdade entre mulleres e homes de todas as idades e en todos os ámbitos.
7. Consolidar a perspectiva de xénero na actividade de planificación e xestión do deporte galego e impulsar a igualdade entre os axentes e entidades do tecido deportivo (adaptación de infraestruturas, formación en igualdade a profesionais,
fomento da participación das mulleres en postos de toma de decisión, etc.)”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-002667