Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para manter as medidas de apoio económico dirixidas ás persoas traballadoras autónomas
En decembro de 2021 Galicia contou con máis de 218.000 persoas afiliadas ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos da Seguridade Social (RETA). A nosa terra pechou o ano 2021 cun incremento no número de traballadores por conta propia que amosa que cada día máis persoas emprenden. Son un colectivo prioritario pola súa fortaleza e capacidade de xeración de riqueza e de emprego.
As consecuencias que a pandemia da covid-19 provocou na nosa economía foron moito máis acusadas nuns sectores que noutros, pero, sen ningunha dúbida, os autónomos foron os grandes prexudicados desta profunda crise.
A día de hoxe este colectivo aínda arrastra as consecuencias da crise sanitaria, da suba dos custos enerxéticos, da escaseza e incremento de prezos das materias primas, da alza da inflación e do salario mínimo.
Calquera decisión para este sector debe encamiñarse a garantir a súa continuidade e fortalecemento. Pero a realidade amosa un comportamento moi distinto das diferentes administracións no seu grado de compromiso con estes profesionais.
Mentres a Xunta de Galicia ten inxectado máis de 610 millóns de euros en axudas directas ao tecido produtivo galego, constituído na súa maioría (97%) por autónomos e microempresas, ou co apoio en 2021 a unhas 3.700 persoas traballadoras autónomas para consolidar e ampliar as súas actividades, o Goberno de España actúa nun sentido diferente.
O Executivo que preside o socialista Pedro Sánchez está a provocar a súa asfixia. Desde o 1 de xaneiro, os autónomos están a pagar máis ao mes nas súas cotas, xa que a base de cotización mínima pasou de 944,4 euros a 966,6 euros. Deste xeito, o ano 2021 terminaba para os autónomos cunha suba das cotizacións sociais introducida nos Orzamentos Xerais do Estado sen comunicación previa nin diálogo co colectivo. Todo apunta a que o obxectivo do Goberno de España é seguir incrementando a recadación á conta do esforzo dos autónomos. Concretamente, vén de avanzar unha modificación para establecer un sistema de cotización por tramos, que entraría en vigor de forma progresiva entre 2023 e 2031.
Desde o Grupo Parlamentario Popular entendemos a necesidade de reformar o sistema de cotizacións, máis aínda cando forma parte das recomendacións do Pacto de Toledo, pero nin é o momento, nin o que ten transcendido ata o de agora é a reforma adecuada.
O novo sistema de cotizacións para autónomos debe nacer da reflexión e do consenso, escoitando a todos os interlocutores. O que de momento se coñece é a primeira proposta que o Goberno de España fixo aos axentes sociais pero resulta evidente que non responde a unha avaliación rigorosa da realidade. Non debe permitirse que a ampla maioría dos autónomos vexan incrementados os seus custos de maneira inxusta e co único afán recadatorio.
Novamente o slogan utilizado polo Goberno de España en materia impositiva “que paguen os ricos”, amósase como gran unha farsa. Ata o de agora, o que aconteceu é que a falta de dilixencia económica do Executivo de coalición e os excesos do Goberno de España máis amplo e caro da nosa historia recente o pagan as clases medias e os traballadores.
A suba de impostos aos carburantes, a subida do imposto de matriculación, do imposto de circulación, as novas tributacións sobre plásticos e residuos, e a harmonización fiscal á alza ou iniciativas futuras xa avanzadas como o establecemento de peaxes pola utilización de vías de transporte terrestre, suporá tamén que paguen máis os autónomos.
Desde o Grupo Parlamentario Popular estimamos que é imprescindible e urxente adoptar medidas de apoio ao colectivo das persoas traballadoras autónomas, promover a capacidade emprendedora, as iniciativas empresariais e o sector produtivo xerador de emprego, para saír da crise provocada pola pandemia, e recuperar a competitividade da economía que garanta o benestar social e económico e a prestación de servizos públicos de calidade.
Os datos reflicten que as reformas emprendidas polo actual Goberno galego, tales como a redución da presión fiscal, a eliminación de trabas burocráticas, a mellora das medidas de impulso ao traballo por conta propia, así como a posta en marcha de axudas propias e as canles de asesoramento como a oficina virtual, lograron un apoio e impulso aos emprendedores e esa debe ser a liña a seguir.
Por todo o exposto, os deputados e deputadas do Grupo Parlamentario Popular presentamos a seguinte proposición non de lei en Pleno.
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1º- Manter e ampliar as medidas de apoio e estímulo económico dirixidas ás persoas traballadoras autónomas, que contribúan á viabilidade e consolidación dos seus proxectos e actividade económica.
2º- Dirixirse ao Goberno de España para que:
a) Paralice a reforma do sistema de cotizacións dos autónomos, como mínimo, ata que a situación económica se estabilice.
b) Garanta que calquera reforma do sistema de cotizacións do Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) deba realizarse:
Por consenso, con grupos políticos e representantes dos colectivos de autónomos.
Acompañada de medidas adicionais tendentes a igualar dereitos, garantías e seguridade co resto de persoas traballadoras por conta allea, tales como: ampliación do cesamento de actividade, adecuación de cotizacións a situacións como a vivida pola covid-19 (a ingresos 0, cota
0), nova redución da tarifa plana e ampliación da mesma para os supostos de incorporación tras maternidade e paternidade, medidas de
conciliación, etc.
c) Emprenda un modelo de reformas que beneficien aos autónomos en materia fiscal, de impulso e simplificación administrativa, como o que levou a cabo a Comunidade Autónoma de Galicia, que deu bos resultados.
d) Adopte medidas efectivas que abaraten os custos impositivos relacionados cos prezos da enerxía e dos carburantes, como factores decisivos na competitividade da economía do colectivo dos autónomos.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-002668