Santiago, 19 de abril de 2022.- O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que o Goberno de España inicie o proceso de revisión dos coeficientes redutores dos traballadores do mar para acadar a pensión de xubilación, adecuando os mesmos ás circunstancias actuais da frota e da actividade marítimo-pesqueira, marisqueira e acuícola.
Así mesmo, pedirá ao Goberno central que rectifique e inclúa na planificación da Rede Eléctrica de España para 2021-2026 a conexión de Vigo á rede de moi alta tensión, así como a construción dunha nova subestación no polígono de Balaídos para atender as necesidades de subministro da industria, sobre todo á planta de Stellantis
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria dará comezo co debate e aprobación do ditame e propostas de resolución da Comisión de relacións co Consello de Contas sobre o informe de fiscalización do sector público de Galicia correspondente a 2019, ao que seguirá o debate de totalidade do proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga.
TRANSFERENCIA DE COÑECEMENTO
A orde do día do Pleno inclúe a comparecencia do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, por petición propia, para informar sobre a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia ata 2027. Puy salientou que a anterior Estratexia de Especialización Intelixente 2014-2020 permitiu que o investimento en I+D na Comunidade galega incrementara un 34,4 por cento, máis de 10 puntos por riba da media nacional, conseguindo superar os 640 millóns de euros. Ademais, a innovación galega medrou case ao dobre do ritmo da media española desde 2014.
“Neste momento, o tecido económico e o sistema de I+D+i deben continuar traballando perfectamente conectados, facendo efectiva a transferencia de coñecemento e sistematizando o actual grao de colaboración entre pemes, empresas e axentes do sistema de I+D+i”, sinalou o portavoz popular.
XUBILACIÓN DOS TRABALLADORES DO MAR
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará ao Goberno de España que inicie o proceso de revisión dos coeficientes redutores dos traballadores do mar, acolléndose á facultade que outorga a lexislación sociolaboral española para reducir a idade mínima para acadar a pensión de xubilación naquelas actividades profesionais de natureza excepcionalmente penosa, tóxica, perigosa ou insalubre, así como naquelas outras cuxa realización implique unha continua separación familiar e afastamento do fogar.
Pedro Puy considerou “lóxico” que se leve a cabo esta modificación dos coeficientes redutores dos traballadores do mar conforme a criterios máis realistas e máis acaídos á realidade actual, máxime cando tamén se aprobou o regulamento comunitario polo que se definen as características dos buques de pesca.
CONEXIÓN DE VIGO Á REDE ELÉCTRICA A 220 KV
En segundo lugar, o Grupo Popular solicitará ao Goberno central que rectifique e inclúa na planificación da Rede Eléctrica de España para 2021-2026 a conexión de Vigo á rede de transporte de 220 kV, así como a construción dunha nova subestación eléctrica en Balaídos que subministre enerxía a todo o sector do automóbil da comarca viguesa.
O portavoz popular lamentou que a negativa do Goberno central a dotar deste servizo “manterá a fábrica de Stellantis en Balaídos como a única gran fábrica española de coches sen subministro a máis de 220 kV, así como a Vigo como a única cidade de España de máis de 250.000 habitantes conectada a unha rede básica”.
Pedro Puy lembrou que este proxecto xa estaba comprometido na programación anterior da Rede Eléctrica Española, aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy e lamentou que o actual Goberno de Pedro Sánchez “sega sen prestar ao sector automobilístico galego a importancia que se merece, negándose a garantir a viabilidade da planta de Stellantis e abaratar os custos na fabricación de vehículos”.
Polo que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas axudas para investimentos en pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura; o desenvolvemento do Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria; e a posibilidade de trasladar a sede nacional do Instituto Español de Oceanografía desmembrándoa entre Cantabria e Murcia, sen ter en conta que a cidade de Vigo xa acolle neste momento o Centro Oceanográfico, especializado na investigación sobre pesca e cultivo de peixes.